Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

GONZÁLEZ MONTENEGRO, JUAN (Noia, 17/02/1861 – Arxentina, ?)

Emigrou á illa de Cuba en 1875 adicándose ao xornalismo, labor no que se integrou na redacción dos xornais <La Voz de Cuba>, <La Patria> e <El Asimilista>, tendo fundado o semanario ilustrado <El Duende>, o diario <La Nación> e o semanario <El Noticiero Ilustrado>, así como <El Brujo>, <El Combate> (Camajuani, Cuba), <La Tribuna> (Manzanilla, Cuba), <La Opinión Pública> (Santiago de Cuba).

Publicou por entregas a obra El álbum de un gerrillero, páginas de la guerra de Cuba de 1895 a 1898 (A Coruña, 1899).
No xornal <La Voz de Galicia>, que comeza a publicarse na Habana o 13 de marzo de 1892, e do que é director literario, soe asinar cos pseudónimos “El Brujo” e “Montenegro”, ocupándose nas súas páxinas dos problemas do Centro Galego e polemizando co tamén escritor galego Waldo Álvarez Insua.

Foi explorador e cando loitou en Cuba na guerra a prol das tropas españolas, foi un dos asinantes da Acta de Identificación do Cadáver do Libertador José Martí. Trala guerra marchara a Montevideo en 1899, capital dende a que enviou a súa serie de artigos para <La Voz de Galicia> “A través de Sud-América”. Pasou logo á Arxentina e nese país perdeuse a pista do seu destino. Participara na exploración do Gran Chaco.