Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

IGLESIAS ROURA, XOSÉ (Porto do Son, 28/04/1879 - Mera 27/09/1930)

Poeta e traductor, nunca se compilaron as súas obras, que, sen embargo, foron apreciadas na súa época. Membro correspondente da R.A.G., este avogado foi concelleiro da Coruña, elixido en 1917, de tendencia galeguista. Coñecía varios idiomas. Traduciu ao galego poemas italianos, alemáns, franceses e cataláns. Colaborou en <A Nosa Terra>, xornal do que foi responsable nos seus primeiros números e así é el quen asina a prosa “Orientacións” aparecida no número un, o 14 de novembro de 1916. Algúns dos seus textos foron musicados para o coro coruñés Cántigas da Terra. A súa familia materna procedía da provincia catalana de Xerona e seu avó adicábase no Son ao salgado do peixe, dedicación habitual dos cataláns asentados na Barbanza.

Foi tamén dramaturgo, eido no que estreou na Coruña a peza Muiñada en 1924, con música de Manuel Fernández Amor (Ribadeo, 1896 – A Coruña, 1978), peza á que se referiu <A Nosa Terra> con comentarios non moi positivos (nº 208, 01 – 01 – 1925). Ademais a súa vinculación ao teatro víñalle dada pola súa condición de director artístico do coro Cántigas da Terra. Consta tamén que foi autor da zarzuela A esquecida, que se estrenou con música de Manuel Fernández Amor.
Entre as súas tradución poden citarse “A andoriña” de T. Grossi, publicada en <A Nosa Terra> o 5 de xaneiro de 1917, “Estreliña do serán” de Alfred de Musset (1810 – 1857), que é unha das súas mellores traducións e que se publicou en <A Nosa Terra> (nº 10, 16 – 02 – 1917), á que pertence esta primeira estrofa:

Pálida estrela do caer do día
que brilas entre os velos do serán,
dende o pazo de azur do seo dos ceos
¿qué ves na terra chá?

Outras traducións súas son “A vaca cega” do grande poeta catalán Joan Maragall, que apareceu en <A Nosa Terra> o 10 de xuño de 1917 (reproducido en “Nós”, suplemento de <El Noroeste>, 12 – 11 – 1918), autor do que tamén traduciu “Imno da arbre froital” (<A Nosa Terra>, nº 258, 01 – 03 – 1929), segundo Real Pérez; a “Imitazione” que Leopardi fixo de “A folla” de Arnault (<A Nosa Terra>, 12, 10 – 03 – 1917) e “Orfa e sin amor” de Eduard Mörike (1804 – 1875) (<A Nosa Terra>, nº 26 – 30 – 07 – 1917). Aínda se poden citar as tituladas “O amor que soño”, aparecida en <A Nosa Terra> (20 – 08 – 1920 e 05 – 09 – 1920) e “Xulio” de Storm (1817 – 1888), aínda que neste caso a versión do alemán fíxoa Antonio Valcárcel e Iglesias Roura limitouse a facer unha tradución en verso dende o castelán (<A Nosa Terra>, nº 5, 25 – 12 – 1916) e “A sangrante namorada” de Pedro de Répide, aparecida na revista <Nós> (nº 56, 15 – 08 – 1928). Apareceron tamén poemas seus no suplemento “O Labrego” do xornal republicano pontevedrés <El Pueblo>, nas súa segunda etapa, que comezou en 1921.

Aínda que foi bastante apreciado como traductor, está moi esquecido como poeta orixinal, xénero no que se desenrolou cunha grande dignidade, nun ton ruralista influído polos clásicos. Desta faceta seleccionamos o poema “Tras do arado”, que apareceu en <A Nosa Terra> en 1917 (nº 25, 20 –07 – 1917, p. 5), texto que o aproxima á poética virxiliana de Crecente Vega. Regularizamos a acentuación e suprimimos os apóstrofes para reproducir o texto, mais sen afectar nin ao léxico nin á morfoloxía.


“Tras do arado”


¡Outra volta máis! –Volve, Gallardo;
tente ó rego, Cardón.
Nobres almallos meus, case ampeades
con tan brava labor.
Hanvos dar da ferraña que fresquiña
colleron para vós.
Fire abafante o Sol, a terra é un forno.
non se atura a calor.
Se é que o pan me dá –Dios mo perdoe
¡ben ganadiño foi...!

II

Mais aínda outra volta. –Za, Gallardo;
vente ó rego, Cardón.
Parésceme que acoro, atafegado
coa poeira e o suor.
Hei de fenderte, terra; has de ser miña;
hei de faguerte pó;
hasme dar, das entrañas, pan pros fillos...
Mentras na vida estou,
hei de sacarte os zumes canto poida,
¡que xa mos sacarás a min despois!


Outros poemas da súa autoría publicados en <A Nosa Terra> nos anos 1917 e 1918 son “Xusticia a pau de cego” (nº 40 - 41, 30 – 12 – 1917), poema cun claro contido social; “Alá na fror dos meus anos...” (nº 30, 10 – 09 – 1917), poema de temática amorosa; “Dos verdes anos” (nº 52, 20 – 04 – 1918) e outro publicado sen título que comeza cos versos “Subindo vou a congostra / con pesado feixe ó lombo...” (nº 50, 30 – 03 – 1918). Sen ser un poeta de grande importancia, a dignidade dos seus versos e das súas traducións xustificarían unha edición que os reunise. Ademais, cultivou a crítica literaria no mesmo xornal, no que reseña o volume Poesías de A. Varcálcel co título “Fala o padriño” (nº 52, 20 – 04 – 1918).
Algúns dos poemas aparecidos en <A Nosa Terra> foron reproducidos en “Nós”, suplemento do xornal coruñés <El Noroeste>, no que só apareceu un poema orixinal, o titulado “A vestal gallega” (26 – 11 – 1918).

Falecido en Mera, na parroquia de Maianca, no municipio de Oleiros, á súa morte referiuse <A Nosa Terra> (nº 276, 01 – 10 – 1930) con estas palabras:

“Un querido irmán máis que se foi, Xosé Iglesias Roura. Foi un dos fundadores máis entusiastas das Irmandades da Fala, e, dende entón, traballou sin acougo pola causa da Terra. Home cultísimo, houbo de traducir de diversos idiomas europeus moitos poemas, deixando tamén inéditos varios versos, que a súa modestia impidiu conocer.
No cimeterio de Mera ficou o corpo daquel home, mais o esprito está connosco, marcándonos co exemplo dos bos e xenerosos.”