Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

LÓPEZ CALO, JOSÉ (Nebra, Porto do Son, 04/02/1922)

Sacerdote, licenciado en Filosofía e Letras e doutor en Teoloxía e Música Sacra, é un dos máis importantes musicólogos do estado español, tendo publicado moitos artigos e volumes especializados e ademais fixo a catalogación sistemática dos arquivos musicais galegos.

As súas obras máis importantes son La música en la Catedral de Granada en el siglo XVII (1963, que foi a súa tese doutoral), La música de la Catedral de Palencia (1981-1982) e La música medieval en Galicia (A Coruña, Fund. Barrié de la Maza, 1982), ás que hai que engadir a obra en doce volumes La música en la Catedral de Santiago (A Coruña, Deputación, 1992).

Outras obras do autor son Presente y futuro de la música sagrada (Madrid, 1967), Catálogo musical del archivo de la Santa Iglesia Catedral de Santiago (Cuenca, 1972), Catálogo del archivo de música de la Catedral de Ávila (Santiago, 1978).

Ademais son numerosísimas as súas colaboracións en volumes colectivos e revistas especializadas, entre as que se poden citar <Anuario Musical>, <Tesoro Sacro Musical>, <Analecta Musicologica> (Roma), <Musica Sacra> (Milán), <Musica Sacra> (Bonn), <Psalterium> (Roma) entre outras moitas.

Entre 1991 e 1993 editou en tres volumes as Obras musicais de Juan Montes, ademais de editar unha separata titulada Juan Montes. El hombre, el músico. En 1994 publicou un fermoso folleto ilustrado co título Os músicos do Pórtico de San Martiño de Noia, editado polo Consello da Cultura Galega, con fotografías de Suso Xogaina e no que explica os instrumentos que sosteñen os anciáns do citado pórtico.

Entre os seus artigos cómpre citar os publicados na revista <Compostellanum>, entre os que destaca “La notación musical del Códice Calixtino y la del de Ripoll, y el problema de su interdependencia”, así coma o titulado “La música en las peregrinaciones jacobeas del sigloXI al XVI”.