Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

LORENZO ABEIJÓN, ÁUREA (Porto do Son, 28/07/1904)

Nada en Portosín, emigrou a Bos Aires en 1921, cidade na que colaborou na prensa da colectividade galega. Publicou un dos escasos libros dos anos corenta en galego, titulado Queixas (Buenos Aires, Compañía Impresora Argentina, 1943), sendo ademais autora doutro poemario, Polos camiños de Deus. Escribiu tamén un volume poético en castelán: Campanas del cielo, editado en 1956 (Bos Aires, Talleres Gráficos Guillermo Kraft).

Aurora Marco sinala como características da súa poesía galega o paisaxismo, a lembranza da terra natal e o intimismo. O volume Queixas contén un poema dedicado a Rosalía de Castro.

A autora vivía aínda en 1992, data na que aínda seguía impartindo clases de inglés a cativos. López Fernández anota que naceu o 24 de xullo de 1904.

No ano 2004, en decembro, apareceu a reedición de Queixas, en edición de Aurora Marco, cun coidado estudo introductorio, na editorial Toxosoutos de Noia, en coedición co concello de Porto do Son.