Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

LUSTRES RIVAS, MANUEL (Ribeira, 11/01/1888 - Vigo, 1936)

Foi, xunto con Blanco Torres, Villar Ponte e Jacinto Santiago, un dos grandes xornalistas galegos de Preguerra. En 1906 comezou a colaborar en <El Miño> pasando en 1907 a <Galicia Nueva> de Vilagarcía, publicando tamén artigos na <Gaceta de Galicia> de Santiago. En 1915 marcha a Madrid e colabora en <España Nueva>, <España Libre> e <El Liberal>. En 1918 volta a Galicia e colabora ata 1922 en <La Concordia> de Vigo, pasando ao ano seguinte ao xornal <Galicia> dirixido por Paz Andrade. En 1936 era redactor do <Faro de Vigo> e será asasinado nese mesmo ano polos fascistas. Outras revistas nas que colaborou son: <Acción Coruñesa>, <Boletín de la Unión Hispanoamericana Pro-Valle Miñor>, <Boletín Oficial del Centro Gallego> de Bos Aires, onde publicou contos; <Cultura Gallega> da Habana, <Galicia> de Vigo, <Galicia Moza> de Santiago, <Vivero en el Plata>, <La Zarpa>, <Vida Gallega>, <Heraldo de Vigo> e <Mi Tierra>. Dirixiu, ademais, <El Heraldo Gallego>.

Como escritor reuniu os seus ensaios no volume Pandemonium (Vilagarcía, 1917), pero dedicou maior esforzo ao teatro, estreando en Vigo en 1923, en colaboración con Ramiro del Valle, a comedia en dous actos La hora grande; con Fernández Mato estreará outra comedia, Peregrino de la ilusión.

Foi tamén poeta e autor da narración La fraticida, publicada no folletón de <La Correspondencia de España> de Madrid.
En galego publicou diversos artigos en xornais e revistas, coma o titulado “Touros e foros” (<A Nosa Terra>, nº 153, 15 – 12 – 1921).

Entre os artigos dedicados á súa bisbarra natal poden citarse “Viajando por La Puebla del Caramiñal”, “De la Puebla del Caramiñal” e “Alfonso Castelao y la Peña del Colón” (<Grial>, nº 47, 1975). Ademais, outros artigos de interese son “El elogio del ‘alalá’” (<Cultura Gallega>, La Habana, nº 6, 20 – 06 – 1936), “El ‘alalá’” (<Unión Estradense>, número extra, 1941), “Ntra. Señora de la Franqueira” (<Estampa>, Madrid, nº 36, 04 – 09 – 1928) e “El testamento del poeta Añón” (<Centro Gallego. Órgano de la Colectividad Gallega en el Uruguay>, 2ª Ép., nº 127, agosto, 1927). Aínda se poden engadir os artigos “Alfonso Castelao” (<Céltiga>, Bos Aires, nº 6, decembro, 1924) e “Del Modernismo artístico a la literatura” (<Faro de Vigo>, 21 – 03 – 1926), que tamén trata do artista rianxeiro. Tamén na revista <Vida Gallega> (nº 1, 1909), publicara o traballo “Los que triunfan: Alfonso Rodríguez Castelao”.

Cultivou tamén a poesía, da que se pode poñer a modo de exemplo o texto “Ego sum...”, publicado nun xornal en 1909. Seleccionamos, sen embargo, un anaco dun artigo sobre Castelao publicado en <Faro de Vigo> o 21 de marzo de 1926, no que comenta a obra Cousas:

“Desde <A marquesiña>, un prodigio de agudeza psicológica, hasta <Os nenos>, alarde supremo de comprensión y grito de amor a la infancia, el volumen va lleno de sólidas y positivas sugestiones; es una serie de cuentos, a la vez gráficos y literarios – el complemento de las dos facetas artísticas realiza la suprema emoción estética- donde se condensa y se dejan definidos numerosos aspectos de la vida rural y vilega de Galicia, la síntesis de la vida gallega, que todavía no se urbanizó, pese a las ansiedades de los que quieren galleguizar las urbes del país, las viejas y las nuevas, sin lograrlo, porque en los gabinetes de estudio no se puede hacer más que discurrir filosóficamente y la filosofía como elemento de propaganda tiene un valor de menos cero.
Castelao, sin presumir de filósofo, que es como en realidad se crea filosofía tangible por todos y asimilable por todos, explica en sus Cousas un curso completo de psicología gallega.”
Participou na polémica sobre o teatro galego nos anos vinte, como pode comprobarse na enquisa “¿Qué opina usted acerca del teatro gallego? D. Manuel Lustres Rivas dice...” (<Vida Gallega>, Vigo, nº 415, 10 – 06 – 1929). Lustres consideraba que o teatro galego estaba pouco desenvolvido pola falla de actores.