Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

Mariñas González, Xenaro ( Portosín, Porto do Son, 15/09/1868 – A Coruña, 02/10/1938)

Xornalista, dirixiu <La Coruña Risueña> e colaborou en revistas como <La Ilustración Gallega>, <A Nosa Terra>, <A Tía Catuxa>, <El Eco de Galicia> da Habana e <Aires da Miña Terra>. Aínda que publicou un número abundante de poemas na prensa, o seu labor máis meritorio foi o de narrador, sendo premiado no certame de Betanzos de 1887 co traballo “A moda”, publicado no xornal betanceiro <Las Mariñas>, e en 1895 foille premiado un conto no certame de Montoñedo, publicado na revista <Mondoñedo> en 1908, que leva por título “En busca dos cartos”, relato humorístico de estructura ben organizada. No número doce da revista <A Tía Catuxa> (11-01-1891) publicou o relato “Cousas do demo”, que Modesto Hermida califica como “boa mestura entre o acontecer nunha velada nocturna, arredor dunha lareira, e as vivencias oníricas que o autor protagoniza a posteriori”. Na revista <Aires d’a Miña Terra> publicou o relato “O vento” e en <La Ilustración Gallega> (nº20, 20-04-1912) publicou o relato “As fabas”.

Deixou inédito o libro de poemas Lleidatanas, no que xa o título indica a relación entre o autor e a cidade catalana de Lleida, onde residiu varios anos e onde asina varios dos poemas que publicou en <A Nosa Terra>, todos popularizantes e cun forte contido humorístico como no caso do que reproducimos, publicado no número oito, o 25 de xaneiro de 1917:


“No sermón (contiño)”

Choran os velliños,
as velliñas choran,
choran hastra os mozos
e as mociñas todas,
porque o siñor cura
con tristura conta
na Semana Santa
de Xesús a hestoria.
Soilamente un vello
non sinteu congoxa,
i –alritado, o cura
dixo: ¿usted no llora?
¿Tiene usted sordera?
¿Es usted de roca?
E o vello repuxo
con cara risoña:
¿E por que hei de chorar, siñor cura,
si eu non son desta súa parroquia?


Outro dos seus poemas titúlase “As augas falan”, e foi publicado no mesmo xornal o 30 de marzo de 1917, e “¡Zoa, vento, zoa!” foino o 30 de novembro do mesmo ano. No xornal pontevedrés <O Galiciano> publicou un soneto o 21 de xullo de 1889, e no mesmo xornal apareceron outros poemas como “¡Que condanado inverno!” (03 – 02 – 1889) e “Ó meu amigo o distinguido poeta D. Eladio Rodríguez González” (07 – 07 – 1889). No xornal habaneiro <A Gaita Gallega> publicou o poema “¡Éla á min non m’as pegaba!...” (2ª ép., Tocata 1ª, 20 – 07 – 1889).
A GEG anota que faleceu o 2 de outubro de 1938, mentres que outras fontes dan como data do seu pasamento o ano 1932.