Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

Mariño Davila, Esperanza

Vinculada familiarmente á Pobra do Caramiñal, esta licenciada en Filoloxía Galego-Portuguesa, é autora do estudo preliminar que figura á fronte da reedición da novela de Antón Paz Míguez, Da Emigración, feita polo Concello da Pobra do Caramiñal en 1993. Esta longa introdución, que ocupa máis de corenta páxinas, estuda non só a novela, senón que tamén aporta datos biográficos do autor e un estudo lingüístico da obra.

Cultivou tamén ocasionalmente a narrativa, como é o caso do conto “Noite de circo”, que aparece no volume editado por Alonso Montero e Xosé M. Salgado titulado Coroa literaria para Roberto Blanco Torres contra a súa morte (Sada, O Castro, 1999). Neste mesmo ano publicou o ensaio “O espello dunha amizade. De Ramón Suárez Picallo a Eduardo Blanco Amor: epistolario (1931 – 1946)” editado no volume colectivo sobre os escritores do exilio republicano Sesenta años después, (Sada, O Castro). Pertence ao consello editorial da revista <Pontigo. Revista Eonaviega de Literatura>, na que publicou no seu primeiro número, no outono de 2000, o traballo “Pentesilea”.

No volume, coordenado por Concha Fontenla e Manuel Silva, Galicia-Cuba: Un patrimonio cultural de referencias y confluencias (Sada, O Castro, 2000), publicou o traballo “Un poema cubano de Ramón Cabanillas”.
Na revista <Afreita> apareceu o seu ensaio “As aventuras de Alberte Quiñoi: ¿simple costumismo ou compromiso total?” (nº 14, 1999), sobre a novela de Manuel García Barros.

No Primeiro Congreso Internacional Curros Enríquez e o seu tempo presentou a ponencia “Un fillo bastardo de O divino sainete: o poema asturiano El cuintu la xana (1895)”.