Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

MARIÑO PAZ, RAMÓN (Valbarcos, Noia, 08/04/1962)

Doutor en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela, é profesor titular de filoloxía galega e portuguesa na mesma universidade e membro do Instituto da Lingua Galega. A súa tese de doutoramento consistiu nun Estudio ortográfico, fonético e morfolóxico de textos do Prerrexurdimento galego (1805 – 1837), pero a súa obra fundamental publicouna en 1998 co título Historia da lingua galega (Santiago Sotelo Blanco), na que estuda tanto a historia social e política do galego coma a evolución do galego dende o punto de vista estrictamente lingüístico.

Publicou tamén unha edición anotada do Coloquio de vintecatro galegos rústicos do Padre Sarmiento (1995), e unha edición comentada da novela de Otero Pedrayo Os camiños da vida (Vigo, Galaxia, 1990), edición que leva unha extensa introdución e novela á que tamén dedicou o traballo “Os señores da terra, de Ramón Otero Pedrayo”, aparecida no volume colectivo Literatura galega do século XX (Vigo, Galaxia, 19922). No terreo lingüístico é coautor do Diccionario normativo galego-castelán, do Diccionario escolar galego (Vigo, Galaxia, 1989), da Guía bibliográfica da lingüística galega e Léxico da administración castelán-galego (1991).

Entre os seus artigos publicados en revistas especializadas destacan “Motivacións para o emprego da lingua galega na literatura política dos primeiros anos do século XIX” (<Grial>, 105, 1990), “Presencia do galego na sociedade galega durante os séculos XVI, XVII e XVIII" (<Grial>, 110, 1991), “O sufixo número-persoal da P5 en galego: o retroceso moderno da solución cantás” (<Cadernos da lingua> 5, 1992), “O Padre Sarmiento no seu tempo” (<Cadernos da lingua>8, 1993), “Notas para a caracterización sociolingüística da Galicia dos séculos XVIII e XIX” (<A Trabe de Ouro> 24, 1995), “Sobre o uso dos grafemas <b>, <u>, <v> en textos do galego medio” (<Cadernos da lingua>15, 1997) e “Consideracións sobre a historia dos sufixos –ancia / -anza, -encia / -enza, -icia / -iza, -icio / - izo e das terminacións –cia / -za e –cio / -zo do galego” (<Verba> 22, 1995).

Participou tamén en volumes colectivos cos traballos “Estudios, informacións e ideas sobre o galego entre os séculos XVI, XVII e XVIII” (Homenaxe ó profesor Constantino García, Santiago, Universidade, volume II, 1991), “Visión do galego na obra de Celso Emilio Ferreiro” (Estudios dedicados a Celso Emilio Ferreiro, Santiago, Universidade, vol.1, 1992), “O galego nos Séculos Escuros. Achegas para unha caracterización sociolingüística da Galicia dos séculos XVI, XVII e XVIII” (Actas do I Congreso Internacional da Cultura Galega, Santiago, Xunta, 1992), “Aproximación ó mapa dialectal galego dos séculos XVIII e XIX” (Homenaxe á profesora Pilar Vázquez Cuesta, Santiago, Universidade, 1996), “Sobre a elaboración do galego escrito polo Padre Sarmiento” (O Padre Sarmiento e o seu Tempo, Santiago, Consello da Cultura Galega, vol.2, 1997), “Síntese histórica do conflicto lingüístico galego” (Actas do XII Encontro Nacional da Associação Portuguesa de lingüística, 1997) e “Sobre o cambio morfolóxico menço > minto / mença > minta, senço / sinto / sença > sinta” (COUCEIRO, X.L. e L. FONTOIRA: Martin Codax, Mendinho, Johan de Cangas, Santiago, Universidade, 1998). Na Revista Galega de Filoloxía publicou o traballo “As liñas en galego do Theatro Moral y Político de la Noble Academia Compostelana (1731) de Pablo Mendoza de los Ríos” (nº 1, 2000).

Ademais de traballos lingüísticos, publicou tamén traballos sobre literatura galega, coma o titulado “A modalización narrativa en Xente ao lonxe” (<Dorna>, nº 11, 1987) e a edición do Entremés famoso sobre a pesca do río Miño, texto teatral do século XVII de Gabriel Feixóo de Araúxo, que apareceu na revista <Ensaio. Revista de Teatro de Galicia e do Norte de Portugal> (nº 1, Primavera, 1997). Nos Estudos dedicados a Ricardo Carvalho Calero publicou o traballo lingüístico “Cronoloxía da regularización dos temas de perfecto dos verbos valer e doer en galego” (T. I, pp. 699 – 708).

Xa no 2001 publicou na editorial santiaguesa Sotelo Blanco o volume divulgativo Eladio Rodríguez e a cultura galega, ademais de encargarse da edición da obra do mesmo autor “Pintores d’Alma”, aparecida no volume colectivo Eladio Rodríguez González. Día das Letras Galegas 2001, (Santiago, Universidade).