Diccionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

MARIÑO REINO, XOÁN XOSÉ (Noia, Século XX)

Ademais de pintor e profesor, este autor que reside en Outes, publicou os textos da guía Noia. A mar calma, editada en 1990 polo Concello noiés. En 1991 apareceu a súa obra máis importante, un estudo artístico titulado O escultor Ferreiro (Noia, Sementeira). Ademais no <Diario Barbanza> publicou os artigos “Un plano de Noia do século XVI” (Agosto, 1988), “250 anos do escultor Ferreiro” (Agosto, 1988). Ademais nos <Cuadernos de Estudios Gallegos> publicou “Unha escultura de Domingos Ferreiros” (nº 102, 1988). De sumo interese é o seu artigo “O Concello de Outes”, aparecido na revista noiesa <Casa da Gramática> (nº 9, 2000).

En 1999 publicou o volume Efemérides de Outes, escrito en colaboración con Xoán Francisco García Suárez. Xa en 1998 publicara outro volume sobre o Concello de Outes, co título Património histórico-artístico de Outes (Santiago, Tórculo). Outros traballos da súa autoría son os titulados Guía turística de Outes, publicada en 1994, Breve estudio de cruceiros e esculturas de Ferreiro no municipio de Outes, escrito en colaboración con Xepe Torres e publicado en 1984 e Breve estudio arqueolóxico de Cabanamoura, (1998), ademais de artigos publicados no xornal <Barbanza>. En 1999 publicou S. Ourente de Entíns. Estudio dunha parroquia rural (Noia).

O escultor Ferreiro merecerá aínda a realización doutros artigos por parte de Mariño Reino, coma os titulados “A Santa Xertrudes de Ferreiro cumple 200 anos” (<La Voz de Galicia>, 03 – 08 – 1984) e “Ferreiro, os medallóns do Socorro e algúns datos acerca da súa obra en San Martiño Pinario” (<Compostellanum>, vol. XXXV, nº 3 – 4, 1990).
Na revista <Alameda> publicou unha serie de artigos, maioritariamente sobre temas de arte: “A participación noiesa na conquista de Sevilla” (nº 1, 2000), “Noieses no máis grande naufraxio de Galicia” (nº 2, 2000), “Un curioso retrato de Avilés” (nº 3, 2001), “O pintor Carlos Maside en Noia” (nº 4, 2001), “As esculturas de Ferreiro en Outes” (nº 5, 2001), “As esculturas de Ferreiro en Muros” (nº 6, 2001), “Memorial de débedas e certos agravios” (nº 7, 2002), “Eduardo Mariño Mirazo” (nº 9, 2002), “O centenario de Xenaro Carrero” (nº 10, 2002), “En torno ás orixes de Felipe de Castro” (nº 11, 2003), “O Vía Crucis de San Martiño”, (nº 12, 2003), “Dúas xoias da ouriveiría no Obre” (nº 13, 2003), “Diego de Sande” (nº 15, 2004) e “Felipe de Castro: vida e obra” (nº 16, 2004).

Unha obra verdadeiramente monumental é a titulada Patrimonio histórico-artístico de Outes, da que van publicados tres volumes, o primeiro en 1998 (Santiago, Tórculo), estuda e cataloga o patrimonio do citado municipio que vai da prehistoria á Idade Media; o segundo (Santiago, Tórculo, 1999) estuda a arquitectura do municipio e o terceiro (A Coruña, Deputación Provincial, 2003) a escultura, quedando pendente aínda o estudo do patrimonio etnográfico e popular.

Hai que engadir que no ano 2003 participou no volume colectivo Noia. Ribeiras de mar enxoito, onde se encargou do estudo da arte noiesa. Nas actas da IV Semana da Historia de Noia (Noia, Casa da Gramática, 2005) contribuiu cunha “Historia dos escudos de Noia”.