Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

MARTÍNEZ LÓPEZ, RAMÓN (Boiro, 04/04/1907 - Pontevedra, 13/09/1989)

Cursou as carreiras de Filosofía e Letras e Dereito, doutorándose en Madrid en 1936. Catedrático de Ensino Medio antes da Guerra Civil, ocupou cargos diplomáticos na II República e tivo que exiliarse trala Guerra Civil, vivindo nos Estados Unidos, país no que foi profesor na Universidade de Austin, Texas, dende 1940 deica 1971. Ingresou na R.A.G. en 1976. Fora un dos fundadores en 1923 do Seminario de Estudos Galegos, e en 1931 do Partido Galeguista. Medalla Castelao, Pedrón de Ouro, Premio Trasalba, foi membro do Padroado da Universidade de Santiago, etc. Publicou traballos de crítica literaria en inglés, castelán e galego. Colaborou na revista <Grial> e unha das súas obras máis importantes é a edición da General Estoria (Oviedo, Universidade, 1963), texto galego do século XIV.

A súa primeira obra en castelán apareceu en Lugo en 1932, co título Portugal a través de la obra dramática de Tirso de Molina. Xa exiliado nos Estados Unidos publicou en París Prosas y poesías olvidadas de Antonio Machado, para tirar do prelo en 1966 o volume Unamuno (Texas, Universidade).

En inglés publicou varias obras entre as que destaca “A Portrait of Valle Inclán” (Austin, 1969), ademais de obras sobre Dereito na mesma lingua: Concerning the ownership of the beds of creks in the civil law, que trata de asuntos de dereito da auga entre Estados Unidos e México. Ademais cómpre citar o folleto Spain (1958).

En galego comezou colaborando en <El Compostelano>, con artigos como “As supersticións do Día de Defuntos en Galiza” (02 – 11 – 1925) e “Na nascencia de Cristo” (24 –12 – 9125), ademais da serie de artigos en galego “Lambizos”, co pseudónimo “Xan do Cotón”.

En <A Nosa Terra> publicou traballos como “Ledicia e optimismo” (nº 227, 25 – 07 – 1926) e “O Congreso de Estudos Galegos” (nº 228, 01 – 09 – 1926).

Importantes foron as colaboracións na revista <Nós> entre as que se poden citar “A vida na Bretaña” (nº 33, 15 – 08 – 1926), o conto de xenea popular “Pobre de min e mais do outro. Os zapateiros dos veladoiros” (nº33), “O xogo dos pelouros en Boiro” (nº 54, 15 –06 – 1928) e “Cen alcumes populares” (nº 60, 15 – 12 – 1928). No xornal <O Diário de Lisboa> publicará o traballo “Lope de Vega e Portugal”, en maio de 1934.

Xa no exilio sairá o seu artigo “Alfonso Álvarez de Villasandino, poeta en galego do Cancioeiro de Baena”, na revista <Galicia> de Bos Aires, en xullo de 1940.

Á súa volta a Galicia en 1971 colaborará na revista <Grial> co traballo “Nova ollada aos cancioneiros” (nº 34, 1971), en <Dorna> con “Otero Pedrayo, poeta: notas” (nº 4, 1982), e nos xornais <El Correo Gallego> (“Os cen anos de Castelao”, 30 – 01 – 1986) e <La Voz de Galicia> (“Historia e causas dunha abstención”, 20 – 11 – 1985). Outros traballos son: “Cotarelo, gran tutor” (en Presencia de Armando Cotarelo en Galicia, Santiago, Xunta, 1984), Bibliografía hispánica, separata publicada en Washington en 1957 e “Tres cartas do desterro” (<Boletín de la Real Academia Gallega>, nº 357, 1975), sobre a figura de Castelao.

Finalmente, a Fundación Otero Pedrayo publicou o volume A literatura galega no exilio en 1987, volume que tivera unha primeira versión en castelán nunha obra colectiva (El exilio español de 1939, Vol. VI, Madrid, Taurus, 1978).
Foi tamén traductor de Teixeira de Pascoães ao español.