Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

MONTENEGRO RODRÍGUEZ, CARLOS ANTONIO (A Pobra do Caramiñal, 27/02/1900 – Miami, 1981)

Emigrou de neno a Cuba, e foi no cárcere onde comezou a escribir, a raíz de ter matado un home en defensa propia cando era aínda un adolescente. Membro do Partido Comunista Cubano, tivo sen embargo que exiliarse en 1959, pasando a maior parte do resto da súa vida nos EEUU.

Narrador de ton realista, publicou nese eido as obras El renuevo y otros cuentos (La Habana, Eds. Revista Avance, 2ª ed., 1929), que inclúe os relatos de temática galega “La escopeta” e “El cordero”; Dos barcos (La Habana, Ediciones Sábado, 1934), volume que inclúe o conto “La huella del cacique”, que se desenrola en Galicia e máis concretamente na Pobra e que inclúe algúns diálogos e coplas copulares en galego; Hombres sin mujer (México, 1938, ed. Masas; 2ª ed. en México, Oasis, 1981, 3ª ed. Málaga, Dador; 1989; 4ª ed. La Habana, Letras Cubanas, 1994 e 5ª ed. A Pobra do Caramiñal, Concello, 1995) e Los héroes (La Habana, Eds. Caribe, 1941), volume que inclúe os chamados “Cuentos de la manigua”: “Los héroes”, “El negro Torcuato”, “Un insurrecto”, “El agachao” e “Los imponderables de Pedro Barba”, ademais da sección “Otros cuentos”, que inclúe “La mar es así”, “Dos viejos amigos”, “Dos hombres sin historia”, “Hay que matarlo” e “La ráfaga”. A novela Hombres sin mujer foi escrita en 1937 a petición do penalista exiliado español Luis Jiménez de Asúa (Madrid, 1889 – Bos Aires, 1970), que desexaba un conto sobre a situación dos cárceres en América, co desexo de facer un plano de mellora. A edición desta novela feita polo Concello da Pobra leva unha interesante “Nota biográfica” da súa filla Emma Montenegro, que sen embargo non é moi exacta ao describir as opinións políticas de seu pai. Outras obras narrativas do autor son Tururi Ñanñan e Los perros de Radziwill.

Fóra do eido narrativo é autor dunha reportaxe sobre a Guerra Civil Española que se publicou co título Tres meses con las fuerzas de choque (División Campesino) (La Habana, ed. Alfa, 1938) e de Aviones sobre el pueblo (1937, que tivo unha primeira redacción en galego segundo Xan Fraga). Ás veces os repertorios bibliográficos atribúenlle obras de contido político como Nacionalismo y coloniaje: su expresión histórica en la prensa de Bolivia, do que saiu unha 2ª ed. en La Paz en 1944 e unha terceira en 1953, pero trátase dunha confusión cun autor homónimo, o boliviano Carlos Montenegro (Cochabamba, 1903 – Nova Iorque, 1953), o famoso fundador do Movimento Nacionalista Revolucionario.

O historiador da Literatura Hispanoamericana Anderson Imbert define a súa novela Hombres sin mujer como a máis forte da súa xeración en Cuba, caracterizándoa pola axilidade narrativa: “Su novela Hombres sin mujer es de las más fuertes de su generación cubana. Con fuerte agilidad salta de la prisión a temas del mar, de la lucha antiimperialista a los sondeos psicológicos (en el salto toma intensas posturas realistas)”.

Cabrera Infante recrea o ambiente do xornal <Hoy>, órgano do comunismo cubano cando este movemento colabora co ditador Batista, e onde traballou Montenegro, casado coa tamén xornalista Emma Pérez, profesora de Pedagoxía na Universidade da Habana. Cando Montenegro se separe do seu partido pasará a colaborar ás revistas <Tiempo en Cuba> e <Gente>. Cabrera retrátao coma “un hombre alto, hirsuto, de cara mala a la que gruesas gafas daban aspecto de sapo”, pero califica a súa novela “no sólo una gran novela cubana sino del idioma español, sin comparación posible” e considéraa un antecedente da narrativa de Jean Genet e Manuel Puig. Montenegro gañara o prestixioso premio de contos Hernández Catá en 1944 por “Un sospechoso”, e fora coeditor da revista <Mediodía>.

Carlos Montenegro foi editor das importantes revistas <Tiempo en Cuba> e <Gente>. En 1954 voltou á Pobra do Caramiñal, e dese reencontro coa súa terra saiu o conto “El regreso”. En 1959 exiliouse en Costa Rica, pasando logo a México e definitivamente aos Estados Unidos.

Cómpre lembrar que mostrou admiración pola obra de Castelao, a quen dedicou o artigo “Castelao” no xornal <Hoy> da Habana (2ª secc., 29 – 11 – 1938).