Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

OLARIAGA, MAXI (Noia, 1947)

Procurador dos tribunais e músico de vocación, creou o dúo musical Xuntanza co que gravou en 1971 un interesante disco, sendo tamén membro fundador do grupo noiés Campana de pau en 1981.

Ademais da música cultiva tamén a literatura e colabora nas revistas de Noia <Barbanza> e <Século XXI> e coa obra Testamento para o meu fillo gañou o Premio de Poesía Liceo de Noia.

En novembro de 1998 publica na editorial Toxosoutos o volume Os días con Lara. Poemas, que malia ao título inclúe tamén o relato en prosa “A crítica crise de Crisanta e Cristóbal”.


Os seus poemas son fundamentalmente poemas amorosos, de métrica moi libre. Reproducimos un dos seus textos:

Hei de regar de escuma
verso a verso,
á limpa pel, soporte dos acenos,
dos que os meus versos naces.
Terás versos, amor,
has de ter versos
ata chegar ó fondo do olvido.

Hei contemplarche nun verso
e adicarche dúas, tres cuartetas.
E admirar o teu ollar
pousado na leitura.

Ata chegar á orixe da escritura,
un alarido final,
un berro doce
que aniñe nas entrañas do teu sangue
prá prolongá-los soños dos teus soños
convertidos en pó
de Primavera.

Nas páxinas de <La Voz de Galicia> de Barbanza publica unha serie de artigos en castelán de tipo memorialístico na serie “Maximalia”.