Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

OLVEIRA PAZ, MANUEL (Xuño, Porto do Son, 13/06/1964)

Licenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Compostela en 1987 e en Belas Artes pola Central de Barcelona en 1994, dedícase á pintura, tendo xa realizadas varias exposicións individuais en Madrid, Pontevedra e Compostela. Ademais cultiva tamén a poesía e a prosa poética, e pódese citar como exemplo o poema incluído no catálogo Memoria dun cazador cego (Exposición no Castelo de Soutomaior en 1995), que leva por título “Non xabón de olor alleo”, que reproducimos:


NON XABÓN DE OLOR ALLEO

Olores de camiños segredos
vias de auga salvaxe
na percura dun mar acre onde morrer
sen morrer

Deixar deslizar unha man sen nome
ata o pliegue máis pequeno e íntimo
Deixala encherse de saturación e
rescatala viva e tremolante como un peixe

Nas profundidades máis pequenas non hai mentira,
como moito, medo non compartido
de largas pernas que non calzaron tacóns
nen usaron perfumes

As pernas que se moven tan torpes
e tan graciosas entre o desconcerto dos ollos
gatas delgadas que saben mirar
co descaro da inocencia e da malicia

E por enriba de todo un ofrecimiento
de ollos escuros duros perigosos abertos
que son ainda máis certos porque descobren
os mil matices do futuro sofrimento

dos olores que non se van con auga
e xabón de olor alleo dos olores que se
graban nos roupeiros do desexo como mazáns
ácedas do inverno para rescatalas entre tules

e blondas amarelecidas do tempo e do olvido
fantasías queridas tan rosas e tan estúpidas
como os torpes movementos das pernas delgadas
que non calzaron tacóns nen usaron perfumes

Colaborou con críticas de arte no suplemento “Revista das Letras” de <O Correo Galego>. En 1996 editouse un catálogo dunha das súas exposicións co título O que facemos por amor, cunha introdución de Oriol Mercader, catálogo da exposición realizada na galería Bacelos de Vigo. Ademais publicou algúns traballos de pedagoxía coma o titulado “Análisis relacional entre las leyes de educación y las expectativas de los expertos en educación artística entre 1970 y 1990: su reflejo en la revista <Cuadernos de Pedagogía>” (Actas das primeiras xornadas de Historia da Eduación Artística, 1994).