Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

OVIEDO Y ARCE, ELADIO (Noia, 20/03/1864 – 19/01/1918)

Sacerdote, Doutor en Teoloxía e Licenciado en Filosofía e Letras, foi profesor de Historia Eclesiástica e Arqueoloxía Sagrada, ingresando por oposición no Corpo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos do Estado en 1913, chegando a desempeñar o cargo de Xefe do Arquivo Rexional de Galicia. Membro numerario da Real Academia Galega, foi un notable erudito dedicado sobre todo ao estudo da literatura medieval, terreo no que publicou obras como Fragmento de un códice galaico-castellano de Las Partidas (sep. Santiago, 1915), El genuíno Martin Codax, juglar del siglo XIII, según un apógrafo trecentista de su Cancionero. Texto literario, interpretación y crítica (sep. Coruña, 1917), obra na que colaborou Santiago Tafall y Abad co texto musical e a súa interpretación crítica. Esta separata, que ocupa máis dun cento de páxinas, foi impresa na Coruña por Roel.

Outras obras súas son Precedentes y estado actual de los estudios de Arqueología Sagrada y papel que esta ciencia puede desempeñar como elemento de civilización católica (Santiago, 1891), Consideraciones sobre el carácter religioso de los antiguos gremios (Santiago, 1898), El autor de la Salve Regina (Santiago, 1903) e Informe sobre el valor de los Documentos Pontevedreses considerados como fuente del tema “Colón español” (separata do <Boletín de la Real Academia Gallega>, nº 122, 1917). No xornal santiagués <La Noche> publicouse o seu traballo “La teología gallega en la Edad Media. Eadmer y Pedro Compostelano” (07 – 12 – 1946).

Deixou moitos traballos inéditos en poder da Academia Galega e foi el quen atopou a cantiga en galego de Fernando III no códice do Beato custodiado pola Universidade de Valladolid.

Outro dos traballos que fan referencia á súa vila natal é “Itinerario de Antonino”, publicado na revista <Galicia Histórica> de Santiago (nº 2, 1901).

Discípulo do grande historiador López Ferreiro, adicou o primeiro estudo serio a este autor, que se publicou co título “López Ferreiro y su obra” e que apareceu na revista <Pensamiento Galaico> en 1893 (nos 127, 129, 132 e 135). Entre os traballos publicados no <Boletín de la Real Academia Gallega> poden citarse: “Dos nuevos torques de oro” (nº 99, 1915 – 1916), “Inés de Ben” (nº 97, 1915) e “La teología gallega en la Edad Media: Eadmerus y Pedro Compostellano” (nº 1, 1906).