Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

PAIO GÓMEZ CHARIÑO (Pontevedra, ca. 1225 – 1295)

Aínda que nado contra 1225 en Pontevedra, está moi ligado á nosa bisbarra porque foi señor da vila de Rianxo. Membro da pequena nobreza pontevedresa, chegou a Almirante do Mar do Reino de Castela en 1284 e a Meiriño Maior de Galicia dende 1290. Foi asasinado en 1295 por Rui Pérez Tenoiro e está soterrado en Pontevedra. Como trobador é autor de vinteoito cantigas, dezanove de amor, seis de amigo, e dúas de escarnio e unha cantiga non encadrable en xénero ningún.Tavani destacou na súa poesía de amor o ton sostido e moi fluído, con emprego de expresións e termos raros e ás veces únicos, baseados no léxico marítimo. A súa poesía foi compilada nun volume por Armando Cotarelo Valledor en 1934, volume reeditado en 1984. O mellor da súa obra son as cantigas de amigo, onde logrou tres pequenas obras mestras, entre as que destaca “As froles do meu amigo”. Participara na conquista de Sevilla en 1248 e estivo casado con María Geraldes Maldonado.

Como mostra da súa poesía reproducimos a cantiga de amigo que se conserva no Cancionerio da Vatincana e no da Biblioteca Nacional de Lisboa, segundo a reproducen na obra Lírica profana galego-portuguesa, no vol.2, obra coordenada por Mercedes Brea e editada polo Centro Ramón Piñeiro en 1996:

¡Ay, Santiago, padrón sabido,
vós mh’adugades o meu amigo!
Sobre mar vén quen frores d’amor ten,
myrarey, madre, as torres de Geén.

¡Ay, Santiago, padrón provado,
vós, mh’adugades o meu amado!
Sobre mar vén quen frores d’amor ten,
myrarey, madre, as torres de Geén.