Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

PATIÑO, ÁNGEL (A Pobra do Caramiñal, 1735 – Santiago, 1812)

O seu nome completo era Ángel José Patiño de Reloba, e foi cardeal da Igrexa Compostelana. Publicou en 1779, en Santiago, a obra titulada Angelus Josephus Patiño Altaris S. Jacobi Majoris ex Beneficio Minister, in grati animi signum, varietate Theseon Historico-Moralium intertextum, suscipit dilucidandum Jubilaeum Plenissimum, ab Alexandro III. P. Optimo, Maximo, Basilicae Compostellanae indictum saeculo XII. sub sequenti forma verborum. Obra na que colabora José García Caballero.

Á súa conta erixiuse a capela do Nazareno na Igrexa de Santiago de Deán, á porta da cal aínda se conserva unha cartela coa seguinte inscrición:

“El Sr. Doctor D. Angel Joseph Patiño de Reloba, natural de esta Villa de la Puebla del Deán, baptizado en la Iglesia Parroquial de ella, colegial en el de Sn. Clemente de Pasantes, Cathedrático de Primero de Sagrada Theología, Canónigo, Cardenal de la Snta. Iglesia de Santiago, costeó e hizo fabricar esta Capilla, dedicada a Jesús de Nazareno en el año 1806, y fue un singular bienhechor de este pueblo y su Iglesia, la que adornó con varias y exquisitas alaxas que ha dado por devoción, como excelente patriota para el mexor culto divino. Requiescat in pace.”

En 1778 consta xa que era catedrático de Teoloxía Moral na Universidade de Compostela, pois como tal actuou no tribunal de oposicións á cátedra de Teoloxía dese ano, segundo consta nun impreso editado ese ano por Aguayo co título: Señor: Titulos, y actos positivos, hechos en la Real Universidad de Santiago por los opositores á una de las quatro Cathedras de Theologia, vacante por ascenso de el Doct. D. Josef Saenz Bazan, á la que se há egercitado conforme al nuevo metodo, siendo Jueces del Concurso, nombrados por el Claustro los Doctores, y Cathedraticos por S. M., D. Angel Joseph Patiño, de Theologia Moral, Don Pedro Antonio Sanchez, y Maestro Fr. Joachin Fontenla, de el Orden de San Agustin, de Theologia Escolastica.

Nacera na Pobra do Deán e foi bautizado o dous de marzo de 1735. Era fillo de Benito de Obreiro Patiño e de Ana García de Reloba. Parente dos cóengos da Catedral de Santiago Fernando e Juan de Carantoña e Juan Patiño Guiance, así coma do cóengo de Iria, Pedro Antonio Patiño, e do dominico Cayetano Patiño e ademais dos condes de Maceda e Medina. Pasante do colexio de San Clemente de Compostela entre 1759 e 1768, foi bacharel en filosofia en 1754 e en teoloxía en 1758. Licenciado e Mestre de Artes en Santiago en 1765, residiu en Madrid entre 1769 e 1761, onde opositou sen éxito á Penitenciaría de San Isidro e interveu na edición da vida do bispo Juan de San Clemente. O dous de abril de 1770, por nomeamento Real, optivo o cargo de Racioneiro Prebendado de Santiago, licenciándose en Teoloxía o 17 de xaneiro de 1771 e poucos días despois doctorouse na mesma Universidade de Santiago, gañando ese ano a Cátedra de Prima de Teoloxía. Xubilouse en 1805, pero aínda foi membro de Tribunais de Oposicións en 1806. Doou, á súa morte, a súa biblioteca á Universidade de Santiago. Foi tío de Joaquín María Patiño, que en realidade era Joaquín González Patiño, que chegou a opositar á mesma cátedra que o seu parente.

Tomou posesión como cóengo cardeal en 1786, substituíndo a Páramo y Somoza, preconizado ao bispado de Lugo. Xubilouse no Cabido de Compostela en 1810, falecendo dous anos despois.