Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

PATIÑO, JOAQUÍN MARÍA (A Pobra do Deán, 18/07/1773 - Madrid, 13/08/1848)

Nacido na parroquia de Santiago do Deán, non hai que confundilo co seu parente Joaquín José Patiño, nado en 1772 e curmán seu, pois el leva por nome completo o de Joaquín José Francisco de Sales, fillo de Antonio González, natural de Palmeira e de María Teresa Patiño de Reloba, natural do Deán. Foi o seu padriño o crego Cristóbal de Armental e foi bautizado polo vicecura do Deán Cayetano Estévez de Silva, sendo párroco Bernardo González de Neyra.

Doutor en Filosofía e Teoloxía, sacerdote, foi catedrático e Bibliotecario Maior da Universidade de Compostela en 1802, e formou un índice xeral da biblioteca da súa Universidade enriquecido con notas, contribuíndo ademais ao restablecemento da Sociedade Económica de Amigos del País. O seu nome completo era Joaquín González Patiño, e chegou a ser cóengo Dignidade de Cardeal de Compostela, tras ter pasado polo Colexio de Pasantes de San Clemente. Licenciado e Doutor en 1797, foi Reitor do seu colexio, onde suprimiu varias das vellas cerimonias de milagre que aínda subsistían e fixo ademais outras renovacións no ritual do colexio. Ademais dos graos eclesiásticos foi tamén licenciado en Artes, académico da Real de Teoloxía, da que foi presidente entre 1798 e 1800 e chegou a ser acusado de francmasón, aínda que tampouco é imposible que o fose.

De ideoloxía liberal, coñecido polos seus inimigos reaccionarios co alcume de Traqueberraque, foi deputado liberal en 1822 e senador por Pontevedra en 1838, e cando faleceu era director da Biblioteca Nacional de Madrid. Publicou traballos de erudición e bibliofília.

En 1808 editou o folleto Oración Eucarística que en la muy solemne función celebrada el día 15 de agosto de 1808 a expensas y devoción de la M. N. Y L. Ciudad de La Coruña, para manifestar su gratitud y reconocimiento al especial favor, con que la Divina Providencia libró a Madrid de la opresión y tiranía francesa, dijo en la iglesia de los RR.PP. Dominicos el Dr. D. Joaquín Patiño, colegial mayor en el San Clemente de la Ciudad de Santiago, del Gremio y Claustro de su Real Universidad, catedrático de Filosofía y Matemáticas, etc. Trátase dun folleto en cuarto de 28 páxinas.