Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

PAZ HERMO, EGIDIO (A Pobra do Caramiñal, 1863 – Bos Aires, 1933)

Foi un destacado músico que xa en 1879, aos dezaseis anos, estreara na Pobra do Caramiñal unha misa de Réquiem. Emigrado a Bos Aires en 1888, dirixiu o Orfeón Gallego e o Orfeón Gallego Primitivo. Fillo do organista e director de banda José Paz, a primeira peza musical da súa autoría baseouse no poema “Soedades” de Lisardo Rodríguez Barreiro, e xa na Arxentina musicará poemas de Rosalía de Castro, Rei Ruibal e outros autores galegos, ademais de responsabilizarse das partes musicais da peza teatral Marola de Ramón Suárez Picallo. Puxo música tamén ao poema “O medianeiro” de Manuel Castro López (Lugo, 1860 – Bos Aires, 1926), que foi reproducido no suplemento “Nós” do xornal <El Noroeste> da Coruña (09 – 03 – 1919).

En 1906 dirixirá aos tres orfeóns galegos de Bos Aires na velada necrolóxica en homenaxe ao músico Pascual Veiga, velada que se celebrou no teatro Victoria da capital arxentina o 31 de decembro dese ano. Foi tamén o autor da música do prólogo de O Mariscal de Cabanillas e Villar Ponte, que se estreou en Bos Aires na “Semana Gallega” de 1927. Cómpre lembrar que foi autor da música das zarzuelas La casa de los duendes e La última obra. Sabemos que en 1898 colaborou co dramaturgo Xesús San Luís Romero na zarzuela “Os netos do avó”, que ficou inconclusa.

Morreu a consecuencia dun accidente ferroviario, o 25 de febreiro de 1933. Postumamente estreouse a súa zarzuela El estudiante de Compostela, con libreto de Marcial de la Iglesia.

Como escritor cultivou a crítica musical, fundamentalmente na revista bonaerense <Céltiga>, asi como no <Almanaque Gallego> de Bos Aires, dirixido por Manuel Castro López.