Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

PAZ MÍGUEZ, ANTÓN (A Pobra do Caramiñal, 04/06/1911)

Emigrado á Arxentina en 1929, volta por un tempo a Galicia antes da Guerra Civil (1935) e nesa estadía publicará na editorial Nós a novela D’a emigración (1936), reeditada en 1993 polo seu concello natal, e volta de novo a Bos Aires en marzo de 1936, cunha breve estadía na Pobra só en 1971. En 1992 publica a novela O Adán que non quixo voltar ô paradiso (Sada, O Castro), que tivo unha primeira versión en castelán cos títulos Proceso al Riachuelo e logo co de El fabricante de juguetes que non se publicaron. En castelán ten inéditas as pezas teatrais El regreso a la isla e Los amigos. Permanece tamén inédita unha obra de longo alento na que compila datos sobre todos os personaxes españois que contribuíron á formación do continente americano, titulada Ellos hicieron América, ademais da novela El restaurador de la O.C.A., tamén inédita.
Algúns dos seus poemas galegos están incluídos na obra Galicia, tierra de peregrinar (1988). Deste libro seleccionamos o poema “Na tomba de Rosalía”:


Romeiro fun a Santiago donde naceu Rosalía
e donde, xa para sempre, na eternidade durmía
aquela muller que foi unha roseira encendida,
profundamente aromada da galaica poesía;
que quixo dar en CANTARES aquel amor que sentía
pola xente, pola terra donde nacera e sufrira
por ser, como ela foi, máxica frol sensitiva.

En Santo Domingo estaba, na irexa calada e fría,
en mouro berce de pedra, en unha nave sombría,
soedosa, abandonada, como iñorada e perdida
polas xentes que quixera, polas xentes que sufrira
e quixera ver contentas, e quixera ver erguidas,
e dos seus males curadas e ledas e redimidas
das congoxas e dos males de que estuvesen feridas.

Acongoxado quedeime, pensando que alí, esquencida,
estaba quen quixo ser pregoneira e profetisa
dunha inmorrente alborada que despertara a Galicia
do seu soño e da tristura das centurias invernizas,
en que postrada quedara, com’unha vella tullida
e sin folgos e cansada, sin dar señales de vida,
sin máis anseos que estar na soedade dormida.

Asi estaba, cando vin chegar alí, pelegrinas
as mozas xentes galegas que nas súas mans traían
rosas brancas e bermellas, que prestamente cubrían
o mouro berce de quén, frorecera nas cantigas
e quixo ser nai de todas as mulleres de Galicia.
Parecíame escoitar unha voz estremecida:
“Mociñas, non vos magoedes, que as rosas teñen espiñas.
Que para sempre seades, por Deus e por min, benditas”.

Nada lle supen decir a quén era miña amiga
no intre aquel, en que estaban tantas galegas mociñas
que a Santo Domingo foran a deixarlle a Rosalía
todo o seu amor nas rosas que o mouro berce cubriran
con agarimos de nais e fillas agradecidas,
en nome propio e todas as mulleres de Galicia.

Mollados sentín os ollos, anque nas horas do día
que agora estou memorando, en Santiago, non chovía.

Un dos seus primeiros poemas apareceu no xornal <El Compostelano>, co título “O mariñeiro” (14 – 12 – 1930).