Diccionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

PÉREZ GONZÁLEZ, ROXELIO ADOLFO ( Rianxo, 18/06/1897- Pontevedra, 1963)

Mestre dende 1932 e inspector de Ensino Primario, foi director na provincia de Pontevedra do Padroado das Misións Pedagóxicas e publicou moitos traballos sobre temas da súa especialidade.

En galego é autor de breves ensaios e artigos como “Microscópicas: a obra teatral (desde A Fiestra Baldeira)”, “Rianxo e as súas festas da Guadalupe”, “Galicia e América” e “Door das vilas galegas”. Colaborou en <A Nosa Terra> con artigos pedagóxicos coma o titulado “O neno pedagogo” (nº 383, 21 – 09 – 1935).

Cultivou tamén ocasionalmente a poesía, e neste eido pode citarse o seu poema “Íntema”, publicado no xornal <Galicia> de Vigo o 23 de decembro de 1923.

De grande interese son as súas reseñas da peza teatral diesteana A fiestra valdeira: “A obra teatral. Desde a fiestra valdeira” (<El Pueblo Gallego>, Vigo, 27 – 05 – 1927) e “Orixes dun libro novo” (Ibidem, 21 – 05 – 1926), esta última asinada como “Roxelio”.

Outros artigos interesantes da súa autoría son: “A galeguización da escola” (<El Pueblo Gallego>, Vigo, 27 – 12 – 1930) e “O problema da escola na Galiza” (Ibid., 25 – 07 – 1929).

Aínda que o seu pseudónimo máis habitual foi o de “Roxerius”, empregou tamén o de “Xelioro”, co que asinou o artigo “Un tema redivivo” (<La Noche>, 11 – 05 – 1946). Asinou tamén “Gelioro”, sinatura coa que publicou varios poemas en castelán no xornal <La Noche>, como os titulados “Poemas sin rima (confidencia)” (22 – 06 – 1946), “Poema sin rima” (26 – 10 – 1946) e “Romance de la noche clara” (04 – 01 – 1947).