Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

PÉREZ SÁNCHEZ, MANUEL ANTONIO (Rianxo, 12/07/1900 – 28/01/1930)

É o poeta máis importante das vangardas galegas. Comezou a publicar, en galego, en 1919, colaborando en publicacións como <A Nosa Terra> e <Ronsel>. En 1928 publica a súa única obra en vida, De catro a catro. Follas sin data d’un diario d’abordo (A Cruña, Nós), obra da que se fixo unha reedición bilingüe a cargo de Rafael Dieste en 1940 (Buenos Aires, M.C.) mentres o resto da súa obra poética aparecerá trala súa morte, en 1972 no volume Poesías (Vigo, Galaxia, ed. de García-Sabell): Con anacos do meu interior; Foulas; Sempre e mais dispois e Viladomar. En 1922 deu a coñecer o único manifesto vangardista galego, ¡Máis alá!, en colaboración co pintor Álvaro Cebreiro. Contamos hoxe cunha edición facsímile deste manifesto (Betanzos, Eira Vella, 2000). Cómpre non esquecer que en colaboración con Xavier Soto publicou unha folla de contido político en Vigo en 1921, reproducida polo xornal <A Nosa Terra>: “Terra ceibe. Aos bos galegos” (nº 142, 15 – 06 – 1921). Está tamén publicada a súa Correspondencia (Vigo, Galaxia, 1979, a cargo de García-Sabell). Reeditado e escolmado moitas veces, poden citarse as edicións Poesía. Escolma, a cargo de Eduardo Moreiras, editada pola Real Academia Galega en 1979 por mor de térselle dedicado o Día das Letras Galegas e De catro a catro. Viladomar e outros poemas (Santiago, Follas Novas, 1979).

Do seu libro Con anacos d’o meu interior reproducimos o poema “Deixa chegal-o son”, datado en xaneiro de 1922, segundo a edición de Xosé Luís Axeitos da “Poesía galega completa” editada por Sotelo Blanco en 1992:

Deixa chegal-o son
que é tan d’iste meu intre
Entrebado e morno
Temeroso
Acariñante
Alma irredenta d’o acordión!
Prega acougar
Ispiron-o
Botaron-o
Chega canso
desazado
agoniante
Axionlla-se en min
Deixa chegar isa monotonía:
é un anaco d’a y-alma
que n-outrora perdín