Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

REI BALLESTEROS, ANXO ADOLFO (Boqueixón, 1952)

Aínda que natural de Boqueixón, leva xa moitos anos residindo na Pobra do Caramiñal. Licenciado en Dereito, dedícase fundamentalmente á literatura, destacando no campo da narrativa, eido no que publicou en 1977 unha novela anovadora e experimental titulada Dos anxos e dos mortos, reeditada en 1991. En 1992 publicou a súa obra máis importante, a novela Loaira (Vigo, Galaxia), galardoada en 1993 co Premio Losada Diéguez, e en 1998 o volume de relatos titulado A sombra dos teus soños (Vigo, Galaxia).

É autor, ademais, da peza teatral Xogo de damas (Vigo, Xerais, 1988), do relato Querido Brais (1ª ed. en 1978, Sada, O Castro; reed. polo Concello da Pobra en 1993) e de ensaios sobre filosofía, algún deles publicado na revista <Grial> co título “A outra memoria”, dedicado á figura de Heidegger (nº 104, 1989).

Colaborador de xornais como <La Voz de Galicia>, neste medio publicou un artigo dedicado a Corrubedo titulado “Mar Orxiástico”, (28-02-1999).

Dedicou a Dieste un traballo que serviu de introdución ao folleto Homenaxe a Rafael Dieste (A Pobra do Caramiñal, A.C. A Miserela, 1995).

A súa primeira novela está considerada pola crítica como o inicio dun novo xeito de narrar na literatura galega.