Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

REY ROMERO, FAUSTINO (Rianxo, 27/10/1921 - Bos Aires, 20/12/1971)

Licenciado en Teoloxía, sacerdote, nacera na parroquia rianxeira de Isorna, e adicouse á poesía en galego e castelán e ao ensaio literario e teolóxico. Colaborou na revista <Alba>, no <Faro de Vigo> e en <La Nación> de Bos Aires, ademais de facelo en <El Pueblo Gallego> de Vigo e <Lar> de Bos Aires. Como poeta é de grande perfección formal e destaca sobre todo a súa habelencia no soneto. Morreu en circunstancias estrañas na Arxentina, a onde emigrara en 1966. Velaí as súas obras poéticas: Doas de vidro (Tui, Tip. Rexional, 1951), prologada esta por Victoriano Taibo e con ilustracións de Xesús Rodríguez Otero; Catro sonetos ó destino dunha rosa (Tui, Tip. Rexional, 2ª ed., 1952), Escolanía de melros (Porriño, Graf. Bolfer, 1959; 2ªed., Bos Aires, Nós, 1970), prologado por Francisco Luis Bernárdez, A agoa (1962) e Poema das materias sagras (Porriño, Gráf. Bolfer, 1960; 2ª ed., 1963). A súa Obra poética e filosófica foi compilada en 1985. En castelán publicara Florilegio poético (1949), prologado polo poeta catalán Miguel Melendres, e El ángel descielado (1961), composto polos poemas que apareceran previamente na revista bonaerense <Lar> en 1954 e 1955.

Do seu poemario Escolanía de melros é o soneto “O melro esculpido nun retablo barroco”, que reproducimos da edición Obra poética e filosófica, preparada por Carme García e Xesús Santos, editada polo concello de Rianxo en 1985:


¿Quen che trocou a pruma, eiquí dourada,
pola outra que é a túa verdadeira?
¿Por que o teu bico a musical escada
deixou por ese acio que peteira?

Tes a figura eiquí transfigurada.
¿Por que no ergues o voo de madeira,
e, fuxidío, vas buscar pousada
á verde póla dunha cereixeira?

Que é natural que tu, como paxaro,
no ambente en que estás, sintas degaro
do sol, do aire ceibe e do follaxe.

¿Ou é que, para ó canto dar comenzo,
da noite agardas sombras e silenzo
i a que torne a ser negro o teu prumaxe?

A miúdo empregou o pseudónimo “Fausto de Isorna”.

Publicou tamén varios traballos críticos sobre escritores da nosa bisbarra, entre os que hai que citar “José María Brea, un gran poeta inédito” (<Faro de Vigo>, 27 – 11 – 1951 e <Lar>, Bos Aires, 25 – 07 – 1952) e “Nueva aportación al estudio del gran poeta gallego José María Brea” (<La Noche>, 09 – 02 – 1952), que foron as primeiras chamadas de atención sobre este poeta case totalmente inédito. Ademais publicou o ensaio La angustia ensanchada en el Templo místico (Buenos Aires, 1965). Outros traballos da súa autoría son “Juan Bautista Andrade fundador de la escuela lírica pontevedresa” (<Faro de Vigo>, nº do Centenario, 1953), “El Bajo Miño en las letras”, “El transmundo en la poesía de Noriega Varela”, “Cauces de prodigio. Estudio estilístico de un soneto de Noriega Varela”, “Evocaciones. Una fiesta brillante de las letras gallegas: los Juegos Florales de Tui en 1891”.

Correspondente da Real Academia Galega dende 1950, colaborou moi a miúdo na revista <Alba>, onde apareceu o seu poema en castelán “Ese muerto que duerme en Boisaca” (nº 9, 1952), dedicado a Valle-Inclán. Nesta revista aparecera xa no número 4 (1950) unha “Breve antoloxía”, ademais doutros textos como “Serán” (nº 6), “A rosa desfollada” (nº 7), “Como serás despois de morta” (nº 8) e “Conto de medo” (nº 5).