Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

RODRÍGUEZ BARREIRO, LISARDO (Noia, 07/01/1862 – Santa Baia de Arealonga, Vilagarcía, 14/05/1943)

Médico e farmacéutico, fundou xornais en Santiago como <El Ciclón> e <El Tricornio>, e dirixiu <El Correo Gallego>. En 1884, publicou un poemario bilingüe Muestras sin valor, prologado por Francisco Romero Blanco e en 1890 un libro de prosa tamén bilingüe: Esbozos y siluetas de un viaje por Galicia, que contén unha páxina moi coñecida e reproducida pola prensa galega do século XIX titulada “Unha visita a Rosalía Castro”, que foi reproducida no número 56 da revista luguesa <A Monteira> (25-10-1890) e que é un dos acertos máis notables do autor. Nesta mesma obra son de interese os capítulos “La Puebla” e “Ramón del Valle”, necrolóxica do pai de Valle-Inclán.

En 1923 publicou un volume de poesía en galego: Escumas e brétemas (Santiago, Tip. El Eco de Santiago), ademais do folleto A virxen d’a Escravitú (Las Palmas, Tip. de El Diario, 1911), ademais do folleto Ofrenda (As Palmas, 1911). Foi membro numerario da R.A.G. dende 1939, e publicou tamén numerosos contos, en galego, na prensa. Entre eles, o máis coñecido é o titulado “A lenda d’as Burgas”, reproducido en 1885 polos xornais <O Galiciano> e <O Tío Marcos da Portela> e en 1886 pola revista <A Gaita Gallega> da Habana e que logo recollería no seu libro de 1890, pero que aínda coñecería moitas reproduccións na prensa ata 1901. En 1885 publicou no xornal <O Tío Marcos d’a Portela> o relato “Unha alborada”, reproducido tamén por varios xornais no ano seguinte, relato que ten unha grande carga descritiva e un forte compoñente lírico.

No <Almanaque de Galicia> de Ferrol para 1891 publicou unha ducia de contos breves baseados na tradición popular co título xenérico “Doce contos”, relatos con forte didactismo. No xornal lugués <El Regional> publicou en 1899 os seus “Contos” e “Contos gallegos”.

Un dos seus poemas máis interesantes é o dedicado “A Rosalía de Castro”, publicado en 1885 no xornal ourensán <O Tío Marcos da Portela>, no número 98, poema premiado pola sociedade de artesáns da Coruña. O poema é dunha grande extensión e no xornal citado edítanse 110 versos.

Reproducimos un dos seus poemas, xa reeditado pola “Mesa pola Normalización Lingüística” na carpeta Xentes do Barbanza con ocasión do Día das Letras Galegas de 1988.


Polo ventanal góteco da igresa campesiña,
deslizase o craror vago de unha posta solar;
o tempro está en silencio e tembra a rayoliña
nos panos de ouro e púrpura, litúrxicos, do altar.

Do humilde campanario, baixo o rústico aleiro,
un paxáro gorxea un extrano cantar:
morre a tarde en sosego e no vello sendeiro
oise da auga entre as follas un sotil gurgullar

¡Ouh, a aldea adourada dos meus tempos lexanos,
o frolecido adro donde eu iba a rezar,
antre fiuncho, espadanas e fidalgos aldeanos;
¡Ouh, a terra bendita, que xa a poido bicar!


Cómpre lembrar que foi autor tamén de “Saúdo. Poesía a la muerte de Curros Enríquez”, publicado no <Boletín de la Real Academia Gallega> (t. IV).

Autor tamén de varios cadros de costumes en castelán, un deles, titulado “Las mujeres del barco”, que foi compilado por Ricardo Polín no volume Álbum de Galicia en 1996. Ademais publicou un folleto titulado Virxen d’a Escravitú en 1911.
Alonso Montero apunta a posibilidade de que fose o autor, baixo o pseudónimo de “O percebe copreiro de Cortegada”, dun texto en galego en gabanza do franquismo, titulado Resposta escontra unha inxuria. Romance de cego, aparecido en Vigo en 1936. Xa en 1897 publicara un folleto en romance titulado El soldado gallego (Barcelona, J. Thomas) que reeditou tamé en Vigo en 1936 adaptándoo aos novos tempos para gabar ao xeneral Franco.

En 1885 e 1886 colaborou no xornal galego da Habana <A Gaita Gallega>, con textos en prosa e algún pomea, entre eles o titulado “Rousalía Castro de Murguía” (16 – 08 – 1885 e 11 – 10 – 1885, con variantes), que aparecera xa previamente no conxunto de textos titulado “Cinco luceiros”, publicados en <Eco de Galicia>. No suplemento “Nós” do xornal coruñés <El Noroeste> publicou os poemas “Ramón Cabanillas” (1918) e “O fogueteiro” (25 – 02 – 1919).

Pertenceu á Real Academia Galega dende 1939 e fixo tamén traballos científicos como “La esencia de trementina”. Deixou inédita a obra autobiográfica “Evocacións”. Apareceron tamén poemas seus en <A Nosa Terra>, como o titulado “A corredoira”.

Dedicou varios poemas a gabar as paisaxes da bisbarra do Barbanza e, entre eles, destaca o consagrado á Pobra:

¡Terriña meiga dos meus ensoños,
eidos frolidos da Puebla amada,
co teu Curota furando a brétema,
cos dolmes celtas do teu Barbanza
onde os picoutos rachan as nubes
que as irtas cumes ten coroadas
i onde os pinales co vento zoan
cal as eólicas subrimes arpas!