Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

RODRÍGUEZ CASTELAO, ALFONSO DANIEL (Rianxo, 29/01/1886 - Bos Aires, 07/01/1950)

Médico dende 1909, adicouse sen embargo ao labor do ensino e de funcionario, ademais do seu labor como debuxante e caricaturista. En 1912 ingresou na Liga Agraria de Acción Gallega, incorporándose logo ás Irmandades da Fala, e foi un dos cofundadores en 1920 da revista <Nós>. En 1923 ingresou no Seminario de Estudos Galegos, e en 1926 na R.A.G. En 1931 foi elixido deputado a Cortes Constituíntes na II República, e en 1936 foi o deputado máis votado da Fronte Popular en Pontevedra. Durante a Guerra Civil colaborou coa República e tivo que exiliarse ao remate desta. Foi ministro sen carteira no Goberno da República no exilio presidido por Giral (12 – 03 – 1946 / 22 – 01 – 1947).

Na súa obra gráfica destacan os álbumes Nós (Madrid, Hauser y Menet, 1931), Cincoenta homes por dez reás (A Cruña, Nós, 1930, 2ª ed., Ibiden, 1931), Galicia mártir, Atila en Galicia, Milicianos (New York, Frente Popular Antifascista Gallego, 1938), Dibuxos de negros (Vigo, Galaxia, 1970), 12 estampas (Vigo, Galaxia, 1979).

Como narrador é autor dunha novela, Os dous de sempre (Sant-Iago, Nós, 1934) e os libros de relatos Cousas (A Coruña, Lar, 1926 e Ibid, 1929, 2º libro) e Retrincos (Santiago, Nós, 1934, 2º ed., Lugo, Celta, 1962, prólogo de Alonso Montero), así como a novela curta Un ollo de vidro. Memorias d’un esquelete, (Ferrol, Céltiga, 1922). Como ensaísta sobre temas de arte é autor de As cruces de pedra na Bretaña (Santiago, Seminario de Estudos Galegos, 1930), As cruces de pedra na Galiza (Bos Aires, Nós, 1949), Arte e galeguismo (A Coruña, Tip. El Noroeste, 1919), Humorismo. Dibuxo humorísteco. Caricatura (A Coruña, Roel, 1920) e Diario 1921 (Pontevedra, reed. facs., Deputación, 1986), que xa tivera outra edición en 1977 con limiar de Filgueira Valverde (Vigo, Galaxia).

Fundamental é o seu ensaio político Sempre en Galiza (Buenos Aires, Ed. As Burgas, 1944, 2ª ed., B. Aires, 1961). Ademais da súa peza teatral Os vellos non deben de namorarse, estreada en Bos Aires o 14 de agosto de 1941 e editada por primeira vez en 1953 (Vigo, Galaxia).

Reproducimos unha das prosas do seu libro Cousas, perfecta síntese da arte narrativa de Castelao que bota unha mirada tenra sobre a realidade, trascendéndoa:

“Dous vellos que tamén tiveron mocedade, que se coñeceron nun baile, que logo se casaron por amor e que viviron amándose totalmente. Dous vellos, sempre xuntos e sempre calados, que viven escoitando o rechouchío dun xílgaro engaiolado. Sen fillos e sen amistades. Soios.
Antonte leváronlle o viático ao vello e onte morréu. A compañeira dos seus días vistéuno, afeitóuno e púxolle as mans en cruz.
Hoxe entraron catro homes e sacaron a caixa longa onde vai o morto. A vella saíu á porta da casa e coa voz amorosa dos días de mocedade despidéuse do seu compañeiro:
¡Deica logo, Eleuterio!
E os veciños que acudiran ao espeutáculo tapáronse as bocas e riron cos ventres. A despedida da vella foi rolando e chegou ao Casino e o deica logo Eleuterio xa se convirtéu en motivo de risa.
Todos, todos, se riron e ninguén se decata con qué delor a vella namorada chamará pola morte nesta noite de inverno”.

Cómpre lembrar, segundo unha información facilitada por Ramón Fernández Mato a J. A. Durán, que Castelao recibiu as súas primeiras nocións de debuxo na Pobra do Caramiñal, nocións que lle foron impartidas por María Dios. Esta muller pobrense de grande cultura foi a sogra do coñecido médico Paulino Santos Mieites, e non só foi notable debuxante senón tamén aprecible música.

O seu aprecio pola obra de Valle quedou de manifesto na conferencia que pronunciou na Habana en 1939 co título Galicia y Valle-Inclán, publicada pola editorial Celta en Lugo en 1971.

Entre o resto da producción bibliográfica de Castelao hai que citar: Discurso dito por Castelao na desmostración que lle ofreceu o Centro Gallego... o día 18 d’agosto do 1940 (Bos Aires, Mocedades Galegas, 1941), O estatuto de Galiza. Antecedentes e comentarios (reed., Bos Aires, Nós, 1975; en 1976 apareceu en Akal de Madrid co título Estatuto de autonomía pra Galicia, 1936, a edición orixinaria aparecera en 1948), Alba de groria (Bos Aires, Centro Gallego, 1951, reed., Vigo, Fundación Caixa Galicia / A Nosa Terra, 1999), “Verbas finales” en A. Alonso Ríos: Noite i-amañecer de Galiza (Bos Aires, Irmandade Galega, 1942), prólogo a A. Alonso Ríos: Co pensamento n-a patria galega (Bos Aires, 1942), prólogo a Gerardo Álvarez Limeses: Antre dous séculos (Pontevedra, 1934). En 1975 a editorial madrileña Akal editou as súas Páxinas escollidas e xa en 1964 Dónega editara unha Escolma posible. Entre 1968 e 1971, editadas por Galaxia en seis volumes, apareceron as súas Cousas da vida, con prólogo de Otero Pedrayo, mentres que en 1976 a editorial viguesa Castrelos editou a escolma Cousas de nenos, a cargo de Claudio González Pérez. Xesús Alonso Montero encargouse da edición das Prosas recuperadas (1912 – 1950), para a luguesa editorial Celta en 1974 e ademais prologou a reedición tetralingüe de Nós (Madrid, Júcar, 1974), ao que hai que engadir a edición de Dous contos, cinco cousas e máis un dibuxo inédito (Lugo, O Castro, 1970). En 1976 Ricardo Palmás compilou o volume Castelao: prosa do exilio (Montevideo, Patronato da Cultura Galega), mentres que Darió Xoán Cabana prologara xa en 1972 as Historias e lendas (Vigo, Castrelos).
Aínda no ano 2000 se publicou por vez primeira o seu traballo en castelán “Discurso sobre el origen del pueblo gallego y de la emigración”, que fora pronunciado en Bos Aires en 1941 e que se edita na revista da Universidade Complutense de Madrid <Madrygal. Revista de Estudios Gallegos> (nº 3), cunha nota explicativa de Ana Acuña.