Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

RODRÍGUEZ GALLARDO, ANTÓN (Boiro, 11/10/1964)

Licenciado en Historia, coautor da interesante obra Xentes de letras do Barbanza, en colaboración con Xavier Sánchez Alonso, que é un catálogo de escritores barbanzáns, no que están incluídos con ficha individual corenta e cinco autores, e na que se citan nun apéndice outros corenta e tres. A obra foi prologada por Borobó.

É autor tamén da guía Boiro. Un mar de posibilidades... (Boiro, Concello, 1996). En 1999 publicou o libriño Boiro nas súas festas do verán. Dos anos 20 ós nosos días, estudo das festas da vila de Boiro que inclúe interesantes fotografías e unha bibliografía básica. Son tamén da súa autoría os textos da breve guía Boiro, editada polo concello en 1992.

No ano 2004 publicou Memoria dos últimos días da II República en Boiro (xaneiro-xullo, 1936), editado polo concello de Boiro como número tres dos seus “Cadernos Culturais”. Ao tema da II República na súa vila natal dedicou ademais outros traballos como o titulado “Asociacionismo político e sindical no Boiro da II República”, publicado no 2003 en <El Correo Gallego>. Aínda se debe engadir o traballo “Unha homenaxe a Ramón Fernández Mato no Boiro republicano”, publicado no volume colectivo Lembrando a Ramón Fernández Mato, coordinado por María Luísa López Otero (Boiro, Concello de Boiro, 2004). Pero non só a época contemporánea é motivo da súa atención, pois tamén atendeu a períodos históricos máis antigos de Boiro: “Santa Baia fundouse no século XII” (<La Voz de Galicia>, “Barbanza-Muros-Noia”, 31 – 10 – 2003).