Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

RODRÍGUEZ PAZOS, MANUEL (Noal, Porto do Son, 02/02/1904 - 1984)

Ingresou na orde franciscana en 1919 e en 1928 marchou como misioneiro a Marrocos, onde publicará traballos na prensa de Tánxer. Entre 1929 e 1932 estudou historia na Universidade de Roma e ao seu retorno da cidade italiana colaborou na revista <Archivo Iberoamericano> e foi director de <El Eco Franciscano> en 1935-1936.

No ano 1947 foi nomeado membro correspondente da Real Academia Galega, regresando posteriormente a Marrocos, para voltar na súa xubilación a Compostela.

Entre as súas obras poden citarse a monumental El episcopado gallego a la luz de los documentos romanos, publicada en Madrid en tres tomos en 1946, así como o folleto La santa misa. Glorificación de la Santísima Trinidad (Tanxer, 1943).
Ademais publicou na cidade catalana de Vich, en 1936, a súa tese presentada en Roma para acadar a patente de Lector Xeral, co título De Patre Antonio Llinas Collegiorum Missionariorum in Hispania et America fundatore. 1635-1693.
De moito interese por facer referencia á nosa bisbarra é o traballo Un pleito de pesca en la Ría de Muros y Puerto del Son (Madrid, Sindicato de la Pesca, 1972). Tamén cómpre citar o traballo “El escudo de Porto do Son” (<Porto do Son. Boletín Informativo do Concello>, nº 0, 1984). Outro traballo referente ao seu municipio natal foi publicado na revista <Archivo Ibero-Americano> en 1972, no seu número 125, co título “La Venerable Orden Tercera de San Francisco en el Puerto del Son. Notas históricas (1799 – 1874)”. Tamén se pode citar outro traballo titulado “La carestía de 1764 – 1803 en la villa coruñesa de Puerto del Son”, publicado na revista <Cuadernos de Estudios Gallegos> (T. XXIII, nº 71, 1968). Aínda se poden engadir os traballos “Carlos III concede una feria mensual y un alfolí a la Villa y Puerto del Son (1773)” (<Boletín de la Real Academia Gallega>, XXX, 1968) e “Un pleito entre las cofradías de marineros y labradores del Puerto del Son (1727 – 1753)” (<Cuadernos de Estudios Gallegos>, XXIV, 1969).

Outros traballos da súa autoría son os titulados Los estudios en la provincia franciscana de Santiago, (Madrid, 1967) e “Privilegios de Sancho IV a los franciscanos de la provincia de Santiago (1284) y de Castilla (1285)” (<Archivo Ibero-americano>, XXXVI, 1976).

Aínda cómpre citar outros traballos do franciscano sonense, coma os titulados Misionología mejicana. Lingüística y políglotas franciscanos (Tánger, Tip. Hispano-arábiga de la Misión Católica, 1962), “Obras en la Iglesia Antigua de Porto do Son: siglos XVII y XVIII” (<Cuadernos de Estudios Gallegos>, T. XXX, 1976), “El Padre Isla y ‘Fray Gerundio’” (<Liceo Franciscano>, nº 112 – 114, 1985), Provinciales compostelanos (1517 – 1701) (Madrid, 1969), “Carlos III concede una feria mensual y un alfolí a la villa de Puerto del Son (1773)” (<Boletín de la Real Academia Gallega>, nº 351, 1969), “Cofradías piadosas y capellanías castrenses en el convento de San Francisco de La Coruña (siglos XVI – XVII)” (Ibid., nº 285 – 288, 1945), “El convento de San Francisco de Santiago y sus dos iglesias, la actual y la derruída en 1741 (1518 – 1862)” (<Liceo Franciscano>, nº 94 – 96, 1979) e “Enterramientos en la iglesia de San Francisco de La Coruña (1555? – 1615)” (<Boletín de la Real Academia Gallega>, nº 277 – 280, 1944).