Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

ROIG RECHOU, BLANCA-ANA (Porto do Son, 28/06/1949)

Natural de Portosín, mestra, graduada social e doutora en Filoloxía, actualmente é vicerreitora da Universidade de Santiago. É crítica literaria, colaboradora de <Dorna> e o <Boletín Galego de Literatura>. É, tamén, editora de obras de Rosalía, López Ferreiro, Marcial Valladares e Bouza-Brey. Entre as súas obras pode citarse o ensaio Magariños Negreira. Un home da época Nós (Sada, O Castro, 1988), con Liñares Giraut.

A súa tese de licenciatura levou por título Análise da narrativa da colección Lar, mentres que a súa tese doutoral está dedicada ao estudo da literatura infantil e xuvenil galega.

Actualmente coordina, no Centro Ramón Piñeiro, a realización do Informe de Literatura, que se vén publicando dende 1995.
Entre os ensaios publicados en revistas cómpre sinalar “Fermín Bouza-Brey, un soneto recuperado e unha noveliña a recuperar, Cabalgadas en Salnés” (<Boletín Galego de Literatura>, nº 6, 1991), “As noveliñas Lar, unha lección para o kiosko galego” (<Dorna>, VII, 1982), “O anarquista, de Leandro Pita Romero” (<Dorna>, IX, 1985 – 1986) e “Bibliografía sobre Fermín Bouza Brey” (coautora, <Boletín Galego de Literatura>, nº 8, 1992). Aínda se poden engadir os traballos “Os primeiros pasos cara a formación do sistema literario infantil e xuvenil” e “Pura e Dora Vázquez, dúas mestras na literatura infantil galega”, ambos os dous publicados na revista <Fadamorgana> (nº 2, 1999).

Ademais fixo traducións do inglés e do francés, entre as que se poden citar Rosalía de Castro e a súa obra literaria (Vigo, Galaxia, 1989) de C. H. Poullain, Aquela Xulia Redfern (Madrid, S.M., 1990) de Eleanor Cameron e Cipi (1992) de Mario Lodi. Tamén foi cotraductora da novela de Marina Mayoral Contra morte e amor (Vigo, Xerais, 1987) e responsable da edición e notas a A tecedeira de Bonaval, de López Ferreiro (con outros, Vigo, Xerais, 1985). Coautora da “Bibliografía sobre Álvaro Cunqueiro” (<Álvaro Cunqueiro. Boletín Galego de Literatura. Monografías I>, 1991), “Bioblibliografía de Celso Emilio Ferreiro” (<Boletín Galego de Literatura>, nº 1, 1989), e coeditora de Maxina de Marcial Valladares (Vigo, Xerais, 1991) e de Follas novas de Rosalía (Vigo, Xerais, 1991). Xa no ano 2000 publicou o volume A poesía infantil e xuvenil en Galicia (A Coruña, Teófilo Piñeiro, eds.), estudo divulgativo sobre este xénero literario para rapaces na literatura galega. Aínda que tivo en conta a obra de Xulio Cobas Brenlla (Historia da literatura infantil e xuvenil galega, 1991), ignora a obra para rapaces do barbanzán Celestino García Romero.

No ano 2004 coordenou, con María Jesús Agra Pardiñas, o volume A memoria das guerras na literatura infantil e xuvenil en lingua galega (Vigo, Xerais), que é non só un catálogo e unha antoloxía da literatura en lingua galega ou traducida ao galego sobre as guerras e o seu influxo na mocidade, senón que tamén ofrece unha análise do corpus seleccionado e unha antoloxía de textos dalgúns autores.