Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

ROMANÍ BLANCO, ANA (Noia, 05/08/1962)

Licenciada en Filoloxía Románica, locutora da Radio Galega, colaborou con poemas en <Dorna>, <Carel>, <A Nosa Terra>, etc. En 1987 publicou o poemario Palabra de mar (Santiago, Consellería de Cultura e Benestar Social) e en 1994 apareceu Das últimas mareas (A Coruña, Espiral Maior). Cultiva unha poesía intimista, de evocación amorosa e chea de símbolos.
Como narradora publicou Marmelada de amoras, editada nun folleto xunto cun conto doutro autor en 1997.

Ademais dedicou ensaios a literatura de mulleres, entre os que se pode citar o artigo “Perfil biográfico de María Mariño” (<Festa da Palabra Silenciada>, nº 13, 1997). Tamén o seu poema “Na partida do amigo Antón Avilés de Taramancos” (<El Correo Gallego>, 01 – 05 – 1992) merece ser recordado.

No volume colectivo Chineses (Santiago, Edit. Compostela, 1996) apareceron tamén varios dos seus poemas, así como no <Boletín Galego de Literatura> (nº 15 –16, 1996), onde os textos aparecen acompañados dunha autopoética.

En 1998 publicou un novo volume de poemas, titulado Arden (A Coruña, Espiral Maior), que apareceu na editorial Espiral Maior da Coruña. Previamente publicara a separata Abril.

Luciano Rodríguez e Teresa Seara incluírona na antoloxía de poesía Para saír do século (Vigo, Xerais, 1997). Aparece tamén na antoloxía Mulher a facer vento, publicada en Lisboa pola editorial Tema en 1998. María do Cebreiro Rábade Villar incluiuna na antoloxía Poetas galegos do P.E.N. (A Coruña, P.E.N. Clube de Galicia, 2001), volume que leva a versión inglesa dos textos feitos por John Burns.

O 25 de marzo de 1999 estrouse no I.E.S. Virxe do Mar de Noia o espectáculo teatral “Lob*s”, baseado no seu poemario Arden e no poemario de Antón Lopo.

É autora tamén dalgúns ensaios coma o titulado “As sólidas arquitecturas de Avilés de Taramancos”, publicado na revista <Alameda> (nº 7, 2002).