Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

ROMERO BLANCO, FRANCISCO (San Pedro de Tállara, Lousame, 21/10/1838 - Santiago, 21/11/1918)

Natural de Vilar de Tállara, doutor en medicina, catedrático de Anatomía Descritiva dende 1871 da Universidade de Santiago, foi Reitor desta tres veces e senador en 1896 pola súa Universidade. Colaborou en xornais como <El Eco de Santiago>, <El Zumbido> (Noia), <El Alcance> e <Gaceta de Galicia>. Empregou ás veces, o pseudónimo “Franrobla”. Tamén colaborou en <O tío Marcos da Portela> e en <O Novo Galiciano>.

En galego, é autor de varios contos moi interesantes por seren publicados nun período de escaseza narrativa, e entre eles, cómpre citar: “A cama do santo” (<O Tío Marcos da Portela>, 2ª ép., nº 201, agosto de1887), “Mariquiña y eu” (<A Gaita Gallega>, A Habana, nº 13, outubro de 1886), “Variedades. Outono” (<La Cítara>, Santiago, nums. 22 e 23, outubro de 1882) e “A morte de miña nai” (<La Cítara>, nº 27, novembro de 1882), “Un amor que mata e outro que dá vida” (<El Fin de Siglo>, Santiago, 24-07-1891), “A romaría da ponte” (<El Eco de Galicia>, A Habana, 1894), e “A pedra da xerpe” (<El Eco de Galicia>, A Habana, 1892). Aínda se pode citar a prosa “Máis bonit’he Lidón” (<Galicia>, A Coruña, 2ª ép., nº 1, 1892).

Entre as súas obras en castelán cómpre citar La herencia simia del hombre, publicada en Santiago en 1877 co pseudónimo “Franrobla”, La herencia del primer pecado según la ciencia y la carta de un cura (Santiago, 1877), obra que provocou un folleto contra ela, publicado en Pontevedra no mesmo ano co título El anticristianismo sin máscara. Contestación a Franrobla sobre el pecado original, escrita por un discípulo de la fe católica. A súa tese doutoral en Medicina e Cirurxía publicouse co título De la Medicina considerada como ciencia y como arte (Madrid, 1867). Outras obras da súa especialidade médica son: Tratado de Angio-neurología o sistema vascular y nervioso considerados paralelamente en su parte anatómico-filosófica (Santiago, Est. Tip. de José Souto Díaz, 1869) onde ofrece por vez primeira de xeito paralelo o estudo dos vasos e os nervios; La vida en todas sus manifestaciones (Santiago, Universidad, 1891), que foi o discurso da inauguración do curso académico de 1891 a 1892, Ley de transacción orgánica (Madrid, Impr. de Enrique Teodora, 1892) e La mano (Madrid, Manuel Ginés Hernández, 1892). Publicou ademais o Programa de anatomía humana: normal y fisiológica, general y descriptiva (Santiago, Est. Tip. de la Viuda e Hijas de Mirás, 1884) e o Programa razonado de Anatomía General y Descriptiva (del 2º curso principalmente), presentado para la oposición a la cátedra vacante de la misma en la Universidad de Santiago por el Doctor D. Francisco Romero Blanco, catedrático en comisión de dicha asignatura en dicha Universidad (Santiago, 1871).

Entre os seus artigos científicos destacan “Blanqueamiento de los huesos por la esencia de trementina” (<Anfiteatro Anatómico Español>, 40, 1874), “La filosofía del Sr. Nieto Serrano” (<Revista Contemporánea>, V, nº 20, 30 – 09 – 1876) e “Construcción arquitectónica de la calavera” (<Boletín de Medicina y Cirugía>, 1, 2, 6; 1889).

Foi membro numerario da Real Academia Galega. Do seu conto “Un amor que mata e outro que dá vida”, da edición de Lydia Fontoira, seleccionamos este breve anaco:

“Un reiseñor cantaba na carballeira do lado; unha pomba branca, que Marica lle daba sempre frangullas de boroa cando comía, batía as alas contra a ventana, e dimpóis unha laberca tremaba no aire; subía máis e tramaba as alas outra ves e cantaba; chea de contento, volvía a subir, mirando sempre pra terra. Era a alma de Marica, que se iba bailando pra o ceo e como dicíndolle a Xan que non tardase”.

En filosofía Fraga Vázquez califícao coma un moderado neokantiano, e destaca que foi probablemente Romero Blanco o que fai a primeira exposición en Galicia das teorías de Darwin, no seu volume Ensayo de Angeología anormal. Casos de notable anomalía del sistema vascular (1875), volume no que une darwinismo e filosofía católica, aínda que evolucionará logo a posicións máis conservadoras e busca unha solución concordista ao tema da creación, pois enxeñosamente conclúe que Deus creou a natureza seguindo un plan evolucionista.

Foi asemade autor de cadros de costumes en castelán, sendo salientable o titulado “El zapatero de Noya”, que apareceu en <El Heraldo Gallego> o 14 de outubro de 1875 e que foi compilado recentemente no volume Os galegos pintados por si mesmos. Homes do país (Vigo, Xerais, 1999).

En 1891 imprimiuse en Santiago, na imprenta de José M. Paredes, o seu Discurso leído en la Universidad Literaria de Santiago durante la solemne inauguración del curso académico de 1891 a 1892. Aínda cómpre citar un curiosísimo opúsculo titulado Al público. Se tala tres veces un pinar o una buena acción que se recompensa con una mala acción (Santiago, El Eco de Santiago, 1915), onde Romero Blanco relata os problemas que tivo na súa aldea natal cos seus foreiros.