Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

SAMPEDRO CAMEÁN, RAMÓN ( Xuño, Porto do Son, 1943 – Boiro, 12/01/1998)

Natural de Xuño, fíxose moi coñecido pola súa loita a prol da eutanasia. Tetrapléxico dende 1968, publicou un libro en castelán narrando as súas experiencias, e tralo seu suicidio en 1998, apareceu o volume de poesía Cando eu caia (Vigo, Xerais), que o crítico Xavier Carro definía coma unha obra que vén das mesmas raíces do ser. Estremecedor, directo e valente, escrito desde a reflexión lúcida e desde a liberdade (“Versos da razón impura”, La Voz de Galicia, 02/07/1998).

En castelán é autor do volume Cartas desde el infierno, varias veces reeditada, a última en 1998 (Barcelona, Planeta), que tamén inclúe algúns poemas. Como mostra da súa poesía reproducímo-lo texto “Unha rosa para a morte”:


¡Unha rosa, por favor!
¿Para que, ou para quén?

Para seducir a morte.
esa encantadora dama
que se leva toda dor.

Para que se leve a miña
coma un presente de amor,
inconfesable, secreto,
inflamado de paixón.

Coma todos os amantes
de amores mal vistos
con elegantes mulleres
de mala reputación.

Por se esa fermosa dama
tan fría e inaccesible
me concede os seus favores
de bicarme, acariñarme,
de deitarme no seu leito
para gozar do seu ardor.

Unha rosa para ela, por favor.


En 1999 o narrador Javier Macqua redactou os guións da serie televisiva “Condenado a morir”, na que se relata a loita de Sampedro a prol do seu dereito á eutanasia.