Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

SANDE Y LAGO, FERNANDO (Noia, ¿1650? – Madrid, ?)

Poucos datos se coñecen da súa vida, aínda que é case seguro que recibiu sólida formación humanística na Universidade de Compostela e que en 1690 presenciou en Valladolid as festas celebradas pola entrada en España de Doña María Ana de Neoburgo, a muller de Carlos II. Estableceuse logo en Madrid e nesa cidade apareceu o seu famoso Compendio de Albeitería, que tivo unha edición en 1717 e unha segunda moi ampliada en 1729, na portada da cal o propio autor se declara natural da vila de Noia, e que está dedicada á Virxe da Paz e da Piedade, nunha décima. A obra non é só de coñecementos veterinarios senón que o seu libro V é un verdadeiro tratado de mineraloxía e inclúe ademais un estudo das augas minerais que probablemente é o primeiro feito en España según opina Llorente no seu Compendio de bibliografía de la veterinaria española, opinión citada por Murguía e Couceiro Freijomil.

Cómpre lembrar que en 1737 saiu unha tradución portuguesa da obra, en Coimbra. Hoxe contamos cunha reedición facsímile feita por Edicións do Castro en 1989, cun prólogo de Dasio Carballeira Tella.

O volume, con curiosas ilustracións, inclúe un par de poemas do propio autor, ademais dun laberinto cúbico e unha décima de Tomás Antonio de Bedon, que describe así a obra de Sande:

  Oy Fernando nuevamente
Con acierto singular
La pluma buelve à tomar
Persuasiva, y eloquente;
Con fundamento evidente,
Y doctrina general
La curación racional
En claro methodo explica,
De modo que lo publica
Hasta el mismo irracional.
 

Inclúe tamén un poema de Juan Delgado, profesor de pintura, dedicado a San Eloi, que é un romance heroico.
Reproducimos o poema de Sande dedicado á Nosa Señora da Paz e Piedade:

 

 
Pecó Eva; y Dios Eterno,
A una Señora crió,
Zelestial, que en PAZ nos dio,
Ijo de Dios Sempiterno,
Por librarnos de el Infierno,
I guardar tal castidad,
Es MARÍA, en realidad,
De el hombre, gran Defensora;
Alcançando aquesta AURORA,
De á todos PAZ Y PIEDAD.
 

Como se pode comprobar trátase dunha décima acróstica, pois a primeira letra de cada un dos versos lida en vertical forma a lenda “PAZ I PIEDAD”.