Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

SANTOS SUÁREZ, XESÚS (Rianxo, 28/09/1936)

Natural de Asados, mestre de E.X.B. Colaborou en xornais como <La Noche>. Poeta, en 1987 publicou o volume Balada do vento na ría (Rianxo, C.C. Simón Varela). É autor tamén de ensaios como “Faustino Rey Romero: Obra poética e filosófica" (<Encrucillada>, 52, 1987), entre outros.

Xesús Alonso Montero recolleu un poema de xuventude de Santos Suárez, que permanecía inédito dende 1959, na obra Coroa poética para Castelao (1988), que é o que reproducimos.

LEMBRANDO A CASTELAO

Alma pura e garimosa
de moi nobre corazón,
disposto sempre ó perdón
e cos pobres xeneroso.
Loado ti, mestre inmortal,
que coma enxebre galego
loitaste e sentiste apego
na autonomía rexional.

Da túa terra che botaron
deixando sós teus irmáns
aqués caciques tiráns
que ó pobo martirizaron.

Alén daquel saudoso mar
teu corazón ía e viña,
fixeches do peito un altar
para a túa meiga terriña.

O estatuto de bandeira,
o azul e branco nos ollos,
antes morto que de xeonllos
por unha patria extranxeira.

Sendo puro pintor de almas,
amando sempre a Galicia,
cal Curros ou Rosalía,
terás de leva-la palma.

Chegará o tempo triunfal
en que reluza a razón
no mar de Manuel Antón,
na cega vila señorial.

Mentres xusticia non fan,
repousa dos sofrimentos,
que os soños e pensamentos
un día se comprirán.

Tamén cultivou o teatro para rapaces do que é mostra a peza A fraga (des)animada (Vigo, Ir Indo, 1993), peza de contido ecoloxista en defensa da natureza, con personaxes como O Piñeiro vello, O Castiñeiro e O Eucalipto.

Ademais de moitas voces na Gran Enclopedia Gallega dedicadas a personaxes do seu municipio, é coautor do volume Biografía de Arcos Moldes (Rianxo: apuntes dunha vila mariñeira) 1865 – 1944, (Rianxo, Concello, 1994). A Manuel Antonio dedicoulle o traballo “Manuel Antonio ita misa est” (en VV.AA: Manuel Antonio. Embarcados nun cantar, Vigo, A Nosa Terra, 1996).

Dedicou tamén poemas a Manuel Antonio, Faustino Rey Romero, Rafael Dieste, Castelao, Brea Segade e Xosé Comoxo, que recolleu no seu único volume poético.

En 1999 publicou unha peza teatral para rapaces titulada Os amigos de Martiño (Vigo, Ir Indo), ilustrada por Jorge Álvarez. Xa no ano 2000 apareceu o seu volume Un ronsel de estrelas, en edición de autor, que contén unha peza teatral adicada a Manuel Antonio, baseándose en Eduardo Dieste, así como correspondencia inédita do poeta.

Entre os seus traballos de interese cómpre citar: “Rosalía no Espolón e Macías no Xardín” (1972), “Unha marea con Manuel Antonio. Canto en catro tempos” (1979), “Apuntes para una Historia Arosana. Amaro González, famoso cura de Leiro” (1972), “Faustino Rey Romero. Su vida y su obra” (1975), “Responso lírico ó mar e ó vento: Rosalía e Rey Romero” (1976), “Historia de las regatas en la Ría de Arousa” (1984) e “O derradeiro lance, en memoria de Rafael Dieste” (<Grial>, nº 72).

Hai que engadir o titulado “Ramón Fernández Mato e Castelao, aventuras e desventuras dun político republicano”, no volume colectivo, Lembrando a Ramón Fernández Mato, coordinado por María Luísa López Otero (Boiro, Concello de Boiro, 2004).