Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

TORRADO MARIÑO, JUAN (? - 1709)

Vinculado por liñaxes familiares á vila de Rianxo, foi sobriño de Martín Torrado. Cóengo Penitenciario da Catedral de León e catedrático de Artes na Universidade de Compostela en 1679. É posible que este gramático sexa o autor dun romance en galego que comeza “Fala o corvo, escoiten todos”, que se presentou ao tema VII das Festas Minervais de 1697, e que se publicou no volume Fiestas Minervales y aclamación perpetua de las Musas a la inmortal memoria de el Ilustrísimo y Excelentísimo Sr. D. Alonso de Fonseca (Santiago, Antonio Frayz, 1697).

Reproducimos as tres primeiras estrofas deste romance galego, actualizando a ortografía:

Fala o corvo, escoiten todos:
eu veño con asas negras
cortando os ventos de lonxe
para chegar a estas festas.

Hoxe Apolo me tornou
en brancas as negras penas,
para cantar coma o Cisne
as grandezas de Fonseca.
Cantarei como souper,
pois vexo da miña aldea
cisnes que parecen corvos;
corvos que lles asomellan.