Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

TORRADO MARIÑO Y FIGUEIRA, MARTÍN (Rianxo, ?- 1653)

Natural da parroquia de Santa María de Leiro, sacerdote, foi abade de Urdilde e Reitor do colexio de Fonseca en 1645. En 1617 compuxo unhas décimas ao apóstolo Santiago, en defensa do seu padroado, dada a polémica que existía en España cando Felipe IV quixo facer copatrona do país a Santa Teresa de Xesús. O seu poema é dunha grande axilidade e de ton ledo, e non foi publicado ata 1925. Estas décimas foron reproducidas moitas veces xa e nós seleccionamos a primeira delas:

Santo da barba dourada,
vello honrado, meu patrón;
raio, fillo do trebón,
capitán da roxa espada;
señor da cruz colorada,
valente e forte guerreiro,
a quen todo o mundo enteiro,
polo mar e pola terra,
chama, na paz e na guerra,
Sant-Iago o cabaleiro.

Segundo Antonio Fraguas foi bautizado o 2 de decembro de 1621, o que fai imposible a data que anotan outros autores para a escrita das décimas (1617), pois o autor aínda non nacera. Era fillo de Juan da Figueria Torrado, de Isorna e de María de Somoza de Leiro.

No claustro do 5 de maio de 1645 adxudicóuselle a beca teólaga da diócese de Santiago. Obtivo tamén o beneficio de San Miguel de Boullón.