Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

TORRES QUEIRUGA, ANDRÉS (Ribeira, 28/05/1940)

Sacerdote, é o teólogo galego máis importante da posguerra. Natural de Aguiño, licenciado en 1962 en Filosofía pola Universidade Pontifícia de Comillas, licenciado en Filosofía pola Universidade de Santiago en 1985, doutor en Teoloxía pola Universidade Gregoriana de Roma en 1973. Profesor titular de Filosofía da Relixión da Universidade de Santiago, membro numerario da R.A.G., membro do Consello da Cultura Galega e director da revista <Encrucillada>, varias das súas obras foron traducidas a varias linguas, como ao italiano, ao alemán, ao castelán e ao portugués. Entre as súas obras destacan Teoloxía e sociedade (1974), Recupera-la salvación (Vigo, Sept, 1977), Nova aproximación a unha filosofía da saudade (1981), A Revelación como maieútica histórica (1984), Rolda de ideas (Vigo, Sept, 1984) que contén os traballos “Manoel Antonio, unha labarada no deserto” e “Irmán Daniel”, sobre Castelao; A Revelación de Deus na realización do home (Vigo, Galaxia, 1985), Creo en Deus Pai (Vigo, Sept, 1986), obra da que algún capítulo aparecera tamén en castelán en revistas como <Iglesia Viva> e <Laicado>, mentres outros capítulos apareceran en galego en <Encrucillada>; Noción, religación, trascendencia... (1990), Recupera-la salvación. Por unha relixión humanizadora (Vigo, Sept, 1996).

Ademais, adicou estudos a Dieste, Castelao, Rosalía e Cunqueiro, coma os titulados “Álvaro Cunqueiro: da utopía á esperanza”, separata de <Grial> (1981), “O tema da saudade en Rafael Dieste” (<Grial>, nº 78, 1982), autor a quen adicou tamén a necrolóxica “Rafael Dieste: In Memoriam” (<Encrucillada>, 24, 1981), “O tema relixioso en Castelao” (<Grial>, nº 47, 1975) e “O tema relixioso en Sempre en Galiza” (<El Ideal Gallego>, 1975).

Xa en 1999 publicou o volume Do terror de Isaac o abbá de Xesús (Vigo, Sept). Especialista na figura do teólogo galego Amor Ruibal, dedicoulle os traballos Constitución y evolución del dogma. La teoría de Amor Ruibal y su aportación (Madrid, 1977) e “La dialéctica del devenir teológico según Amor Ruibal y la crisis actual de la teología” (<Compostellanum>, 1969).
Outros traballos da súa autoría son: “Refleisións teolóxicas encol de O divino sainete” (en CURROS: O divino sainete, Sada, O Castro, 1969), “Os anos escuros” (<Encrucillada>, 44, 1985), “A saudade na confrontación do pensamento moderno” (<Grial> , 95, 1987) e “Otero Pedrayo: unha chamada ó compromiso integral de Galicia” (<Grial>, 52, 1976).

A bibliografía do doutor Torres Queiruga é amplísima e mesmo hai xa moitas traducións a outras linguas das súas obras. Pódense citar O inferno a revisión (Santiago, Irimia, 1995), da que apareceu o mesmo ano unha tradución castelá co título ¿Qué queremos decir cuando decimos infierno? (Santander, Sal Terrae) e en 1997 a edición brasileira: O que queremos dizer quando dizemos inferno (São Paulo, Paulus), “Da autonomía á cristonomía: a crise da modernidade en perspectiva teolóxica” (<Encrucillada>, nº 39, 1984), “La crisis de la modernidad entre el ateísmo y la religión: de la ontoteonomía a la cristonomía” (<Communio>, nº 5, 1983), “¿Qué significa creer en el Dios de Jesús en nuestra sociedad burguesa?” (<Iglesia Viva>, nº 107, 1983), “Dios, el Anti-mal” (<Communio>, nº 1, 1965), “Creo en Deus Pai: Fe en Deus e autonomía humana” (<Encrucillada>, nº 26, 1982), “Vicente Risco entre a ortodoxia e o galeguismo” (<Encrucillada>, 1982), “La alegría de Dios” (<Laicado>, nº 67, 1984), Vivir hoy desde el Dios de Jesús (San Sebastián, Gentza, 1985), “El mal en perspectiva filosófica” (<Fe Cristiana y Sociedad Moderna>), “Pensar hoxe desde Galicia” (<Grial>, nº 121, 1994), Repensar a Resurrección (Vigo, Sept, 2001).

Nos volumes colectivos As relacións Eirexa-Mundo en Galicia (Santiago, Sept, 1972) e A parroquia hoxe (Vigo, Galaxia, 1970) publicou os traballos “As relacións Eirexa-Mundo en Galicia” e “Prólogo”, respectivamente.