Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

TORRES REINO, X. (Noia, Século XX)

Coñecido como “Xepe Torres” dedícase a traballos de investigación sobre a vila de Noia, entre os que hai que salientar “Las lápidas del cementerio de Santa María a Nova de Noia (la aplicación de una metodología de trabajo)”, en Actes du Colloque International de Clyptographie de Saragosse (Zaragoza, 1982, pp. 241 - 251), “Unha lauda do cemiterio de Santa María a Nova de Noia” en Actas del V Coloquio Internacional de Cliptografía (Pontevedra, 1986, pp. 153 – 163) e “Necrópole de Sta. María a Nova” (<Estudios Sociais do Barbanza>, nº 3, 1993).

Ademais asinou o estudo introductorio á reedición da obra de Álvaro das Casas titulada O cemiterio de Santa María a Nova (Noia, Toxosoutos, 1991), importante traballo que leva por título “A necrópole de Santa María de Noia. O estado da cuestión”, que reproduce as laudas de Santa María A Nova debuxadas por Chamoso Lamas, Vicente Risco e L. Charpentier, ademais das debuxadas polo propio autor. Outro traballo de interese é o titulado Cruceiros, cruces e petos de ánimas no Partido Xudicial de Noia.

Na Coruña, en edicións de cen exemplares, imprimiu os folletos Moeda-Historia, O proceso constitucional decimonónico en España, Os suevos na Península Ibérica e Sistemas defensivos dos poblados castrexos do noroeste, todo eles aparecidos en 1984.

Na revista noiesa <Alameda>, e en colaboración con Rosa Martínez, apareceron os seus traballos “O cruceiro gótico en Noia: un antecedente culto da arquitectura popular” (nº 1, agosto, 2000), “As santiñas do Concello de Noia” (nº 2, decembro, 2000) e “Os petos de ánimas do Concello de Noia” (nº 3, abril, 2001). Só coa súa sinatura publicou nesta revista “Os cruceiros do Concello de Noia” (nº 6, decembro, 2001).