Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

VALLE-INCLÁN BLANCO, JAIME (JACOBO) BALTASAR CLEMENTE (A Pobra do Caramiñal, 29/01/1922 – Barcelona, 18/10/1985)

Fillo de Ramón del Valle-Inclán, marchou a Madrid aos tres anos, e logo a Roma cando seu pai foi director da Academia de Bellas Artes. Republicano, na Guerra Civil foi enlace do Estado Maior de Lister e tivo que exiliarse en Francia en 1939, aínda que grazas ás xestións de Pablo Neruda foi a Chile, onde comeza a pintar. Volta a París e logo a España en 1958 e reside en Barcelona dende 1972.

Aínda que é un pintor moi apreciable, a súa obra non acadou o recoñecemento que merecía, malia ter realizado esposicións en distintos lugares de América e Europa. Foi tamén escritor, autor do libro de poemas Auto sonoro e dunha monografía titulada Picasso (Madrid, 1969), ademais de ser corresponsal en París das revistas <Gente> da Habana e <Élite> de Caracas.
Na súa partida de nacemento seu pai é nomeado como Don Ramón del Valle-Inclán de la Peña, natural de Puebla del Deán, veciño da rúa San Roque no Caramiñal, mentres súa nai é nomeada como natural de León e os seus avós paternos como naturais da Pobra.

O volume de memorias de Santiago Ontañón Unos pocos amigos verdaderos (Madrid, Fundación Banco Exterior, 1988) contén algunhas alusións interesantes a Jaime Valle-Inclán, referidas ao seu exilio en Chile.