Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

VEIGA ALONSO, MARTÍN (Noia, 1970)

Este xove poeta noiés cultiva unha poesía culturalista e comezou publicando en 1990 o folleto Tempo van de porcelana (Noia, Casa da Cultura), para publicar en 1994, As últimas ruínas (A Coruña, Espiral Maior), obra coa que acadou o segundo premio de poesía Espiral Maior.

Da súa primeira carpeta poética seleccionamos o texto “Na espera”

NA ESPERA

Camiñamos cada día pola sombra, polo término
de tódalas cousas, na espera embelecida
con rubís, mapoulas e zafiros en bailes
chineses e atavío sutil da victoria finalmente
lasciva, exultante de artificio e convencimento
ferido na espera, escribindo a palabra Amada
coa maiúscula final do proceder máis vivo, como
cando a túa idade gozaba da súa leda primavera
e amparo buscaba no resignado dos meus ollos,
derramando orgullo e bágoas serenas do presente,
dun hoxe en desesperanza e no confuso da cousa
en dor, prodixio tonal do silencio escuro,
como en derradeiro instante anoitecido agardando
á morte, espida e calada unión eterna
do soño, do adeus e do deserto.

Moi apreciado pola última crítica, poemas seus figuran en varias antoloxías como Para saír do século (Vigo, Xerais, 1997), Poesía ultimísima. 35 voces para abrir un milenio (Madrid, Libertarias, 1997), Muestra de la joven poesía gallega. La flama en el espejo (México, Praxis, 1997) e XV festival da poesía no Condado (1995).

Cómpre lembrar tamén o seu artigo “Lembranza dun poeta galego”, dedicado a Avilés de Taramancos, publicado en <El Correo Gallego> (22 – 03 – 1993).