Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

VENTOSO MARIÑO, XOSÉ ANTONIO (Ribeira, 30/05/1950)

Profesor de Ensino Medio, foi alcalde de Ribeira e deputado autonómico. Como escritor, ademais de numerosos artigos, é autor dun volume de ensaios políticos, Galicia en terra allea (Vigo, Ir Indo, 1997), prologado por Carlos García Bayón. É unha obra onde, dende posicións progresistas, se fan análises da realidade política e social da nosa terra, sen evitar as críticas e as posturas persoais, procurando un labor desmitificador.

Codirector da revista Estudios Sociais da Barbanza, publicou nela o ensaio titulado “O mercado de traballo no Barbanza” (nº 1, 1992), ademais de “Reflexións sobre a revisión catastral” (nº 3, 1993). A súa obra ensaística máis importante é A estructura da xerarquía galega entre 1923 e 1936.

Cultivou tamén a poesía e neste eido publicou o volume de versos Do mar e dos homes. No ano 2001 apareceu a súa primeira obra narrativa, dirixida principalmente a xente moza, co título A pesca está no vento. Historia de Nico (Vigo, Ir Indo). Trátase das experiencias dun neno galego de posguerra nun ambiente mariñeiro.

Xa no ano 2002 apareceu a súa obra A xente da ría, que contén unha mestura de prosas líricas e reflexións etnográficas sobre a Ría de Arousa. O volume está ilustrado con fotografías de Carmela Queijeiro.

Este mesmo ano publicou Os señores do mar, unha colección de entrevistas a homes e mulleres que desenvolveron a súa vida nos labores da pesca. No ano 2003 apareceu o volume As sombras dos mortos. Historias de naufraxios en Cabo Corrubedo, editado pola Deputación Provincial da Coruña.

No ano 2004 publicou un volume para rapaces titulado Peregrinos en tierras de magia, con versión en inglés e galego, e con ilustracións de Xoán Fernández Martínez, en edición da Mancomunidade Arousa Norte.