Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

VIDAL BLANCO, FRANCISCO ANTONIO (Palmeira, Ribeira, 1957)

Ensaísta e narrador, a súa obra máis importante é Ollos de anxo da morte (Noia, Toxosoutos, 1997), novela que se desenrola nunha vila da Baixa Limia, Santa Comba do Tumia, e que xira en torno á loita entre o pasado e o progreso. Esta obra obtivo o premio Concello de Vilalba. Entre os seus relatos hai que citar “As voces da conciencia”, que foi editado en 1997 cos doutros autores premiados no Pedrón de Ouro.

En 1998 publicou un folleto titulado Manuel Murguía (Noia, Toxosoutos), con pretensións de divulgar a vida e a obra dunha figura capital do Rexurdimento galego e que foi o primeiro presidente da Real Academia Galega e o máis importante dos historiadores galegos do século XIX. Este traballo apareceu tamén na mesma editorial en verisón castelá. Outro traballo sobre este autor apareceu na revista <Agália> (nº 47, 1996), co título “Murguía: um texto em portugués”. En 1999 editou Manuel Murguía. Textos en galego (Noia, Toxoutos). No ano 2000 realizou a tradución da novela de Murguía Dende o ceo, editada por A Nosa Terra, que fora editada en 1ª edición por Murguía, en castelán, en 1856.

No xornal <A Nosa Terra> asina unha serie de artigos baixo o título común de “Camiño vello, congostra nova”, que son recreacións de temas e motivos populares, así como de lugares, moitos deles relacionados coa Barbanza. Destaca entre eles o titulado “O único pecado da súa vida”, ficcionalización arredor de Villa Macrina, a coñecida quinta da Pobra, publicado no número 760 en 1997. Máis recentemente vai publicando no mesmo xornal a serie “Meu santo, miña santiña”.

Pode citarse tamén o seu artigo sobre Valle titulado “Valle-Inclán desde a Curota” (<La Voz de Galicia>, “Barbanza”, 21 – 10 – 1994), ademais de “O Nazareno da Pobra” (<A Nosa Terra>, nº 900, 16 – 09 – 1999). En <La Voz de Galicia>, na edición do Barbanza, publica unha serie de artigos co título xeral de “Lingua proletaria”.

En 1999 apareceu a súa segunda novela O cuarto dos ausentes (A Coruña, Espiral Maior), coa que gañara o Premio de Narrativa Concello de Vilalba en 1997.