Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

VILLARINO Y BERMÚDEZ, BASILIO (Santa Cristina de Barro, Noia, 14/06/1741 – América, 1785)

Nado no lugar de Toxeira, estudou na escola de pilotos de Ferrol e partiu para América en 1774, como axudante de piloto da fragata “Perpetua”. Entre 1778 e 1779 fixo varias expedicións á Patagonia e descubriu o Golfo de San José, levantando planos e cartas dos lugares explorados e preparando un vocabulario das linguas Palpa e Tehulche. En 1782 emprendeu a expedición máis importante, na que chegou ata os Andes e a lagoa de Heuchén, acompañando logo ao superintendente de Río Negro, Juan de la Piedra na expedición para dominar aos indios de Sierra de la Ventana, expedición na que morreu o 26 de xaneiro de 1785.

Ademais dos seus traballos xeográficos, escribiu descricións e diarios de todos os descubrimentos que fixo, que foron editados en Bos Aires, en 1857, co título Diario del piloto de la armada don Basilio Vilariño. Na súa honra levan o nome de Villarino, castelanización do seu apelido galego, unha rúa da capital federal da Arxentina, un partido ao sur da provincia de Bos Aires, un peñón no río Limay, unha praza no porto de Patagones e unha punta no porto de San Antonio na Patagonia.