A declaración, en xeral polémica, do Día das Letras Galegas 2007 consagrado á escritora e coincidente co centenario do seu nacemento (1907-1967), supuxo un auténtico annus mirabilis a respecto dos estudos sobre a súa vida e obra, aspectos ambos case descoñecidos durante anos e logo tratados de xeito abondo máis livián.
Cómpre destacar no aspecto lingüístico, xa nun principio, o emprego dos idiomas galego e castelán por parte da autora, tanto a nivel oral como escrito. Aínda viven persoas en Boiro e Parada do Courel que lembran a noiesa expresarse a cotío en castelán, se ben a súa familia e algúns amigos testemuñan o uso esporádico da lingua galega1 que, por outra banda, demostra dominar mediante as correctas colocación dos pronomes –algo inusual entre os neofalantes- e conxugación verbal.
Na escrita ten predominado a imaxe da poeta
en galego debido á publicación de Palabra no tempo (1963) e Verba que comenza (1990), por descoñecemento do resto da obra: Más allá del tiempo (libro de poemas e algúns relatos curtos, basicamente autobiográficos) e a narración aínda inédita Los años pobres. Memoria de guerra y postguerra. Que María se propoñía ser escritora bilingüe ponse de relevo nunha carta ao escritor lugués Ánxel Fole, onde se lle queixaba do rexeitamento do gran poeta e amigo Uxío Novoneyra perante os poemas de seu en castelán. Tal carta está datada no Nadal de 1965 cando, mirrada xa pola leucemia que a fere, o estado febril provócalle confesados trabucamentos na reprodución das letras:
Muchos de los poemas estan hechos años antes dePalabra no TempoNovoneyra me ha escuchado alguno a duras penas. No estabamos de acuerdo. A pesar que le gustaban mucho, decia que eran buenos, con todo y ello no queria oir nada en castellano. Cosa extraña ésta2...
Queda logo patente a determinación do poeta courelao por que asumise na escrita a lingua vernácula. Non en van aquel deixara manifestada tal militancia como forma de vida.
A Fala é o único sitio onde seguen vivos os antepasados, a única forma audible de supervivencia (...). Claro, o da Lingua non é unha emoción baleira, nin que che veña dada por ideoloxía. Non a utilizaron para fanatizarte, inda que puidese ser tamén utilizada neste sentido. Do que non cabe dúbida é de que, aí, aí hai algo. Ese algo é a pervivencia de todo o pasado memorial e inmemorial referido a ti e ós teus. (Dos soños teimosos, 1998: 24-25).
Quizais a inseguridade na utilización do código pola inexistencia dunha gramática específica (a devalar entre o galego noiés e o courelao, unha rareza na literatura de noso), alicerzase a determinación da noiesa do Courel
-en palabras de Novoneyra-, por comezar a escribir nunha lingua máis familiar e cómoda. Secasí a madurez, que non depende da lingua, permítelle consolidar a superioridade xeneralizada dos poemas en galego fronte aos demais. Compárense, por exemplo, o ritmo e a fluidez, así como a mensaxe sentimental, dos titulados respectivamente NOYA e NOIA, ambos toda unha declaración de amor á vila natal pero menos panexírico e máis intimista o segundo –a través de saudosos ecos rosalianos e da beleza pola comuñón absoluta co mar, a luz e a paz no espello da memoria-.
¡Cuántas cosas te diría
si yo supiese cantar!
Hablaría de tus voces
cuan bello coro en la aurora,
entre el sueño de tus calles,
haciendo vibrar el día,
haciendo sentir la rosa
ya nacida en poesía,
haciendo su alma agonizar,
aquella..,
la que tú has visto llorar.
¡Cuántas cosas te diría
si yo supiese cantar!
Hablaría de tus pontes,
de tu fiesta en romería,
de tu encendido pecho,
de tu lleno en alegría,
de tus templos.
¡Oh, cuántas cosas te diría!
Sólo aliento es tu contorno.
O TAPAL urna de tu eco.
Sombra de un sol que es tuyo.
Luz de alma que quemó en su seno.
Gigante en la criatura.
Mudo caminar del tiempo.
SANTA MARÍA A NOVA,
enredada fuente de mi mente.
Cascada en el retorno,
del nuevo mundo al que espero,
en Ti. ¡CRUCEIRO!, pecho de alma,
en Ti. Pórtico luz del ciego.
Un claro día me has visto nacer.
En tu vibrante calma me has visto crecer.
Ya que en ti reinó
la flor de mi niñez,
que reine la hoja seca
que ella marcó,
¡que reine!,
que reine en ti
Quiero que recuerdes al verme morir
cuando me veías crecer
con ansias
de vivir.
* * * * *
1
Campanas que tocades
todas do mismo xeito,
unhas chegádesme á alma
e outras ó pensamento.
Pobos donde eu vivín!
Algúns eran máis feitos
e queríanme engañar,
mais eu nunca sentín
neles o meu fogar.
O meu fogar téñoo en ti:
no teu vivir e nas tres pontes
e das campanas os toques,
toques que eran pra min.
Fóra de ti cando as oio,
e sendo o mismo tocar,
recólloas no pensamento,
xa non pasan máis alá.
2
Ribeiras de mar enxoito!
Ribeiras de pleamar!
Quedas, vellas ribeiras,
agardan un mar i outro mar.
3
Os seráns nas Rías Baixas
ollan con luz de aurora,
ca súa mirada queda,
silencio daquela hora...
Por suposto, a inexistencia dunha normativa nas décadas dos cincuenta e sesenta dá orixe ás interferencias lingüísticas que, á parte dos dialectalismos, pódense clasificar segundo a profusión en: castelanismos, vulgarismos, hiperenxebrismos, arcaísmos -formas caídas en desuso- e lusismos ou portuguesismos. Para mostra, o poema reproducido que parte da fala popular, de aí os dialectalismos coma o uso da conxunción e perante vogal (e outras) en alternancia con i (i outro), ou o da contracción ca (por coa).
Abundan os castelanismos, en especial os fónicos e morfolóxicos, cando modifican un fonema ou grupo consonántico semiculto (pr-} pl-) e substitúen o fonema correcto por outro: engañar, pleamar -en vez de enganar, preamar-, ou ben evolucionan o sufixo feminino -ana} -á: campanas, tamén mismo, donde -por mesmo, onde-). De castelanismo léxico só hai un exemplo, o da substitución dun termo correcto polo espurio, así concellos ou municipios por pobos, que só debe utilizarse cun significado abstracto. Detéctase un único vulgarismo (pra).
Percíbese a flutuación entre os bloques lingüísticos occidental e oriental, as áreas fisterrá e oriental central, as subáreas do Tambre-Barbanza e A Fonsagrada-O Courel-O Bierzo (que engloba a microsubárea do Courel). En Palabra no tempo predomina timidamente a segunda subárea, evolución esta rota por Verba que comenza ao supoñer, entre outras cousas, unha procura das raíces e do pasado antes da despedida.
Aínda que non aparezan exemplos no texto, un aspecto salientable do estilo vén sendo a utilización do diminutivo, algo moi rosaliano. Tamén a notoria presenza de comparacións e repeticións de manancial popular. Outra nota significativa constitúea a temporalización pois conviven dous tempos contrarios, presente e pasado, que subliñan a oposición entre a lembranza e o recordo posterior.
A respecto dos tropos e figuras estilísticas, sorprende a abundancia (partindo, outra vez, dos poemas reproducidos, pódense destacar numerosos exemplos). O tropo ou palabra non habitual máis común consiste na mudanza dun vocábulo por outro debido á similitude, velaquí a metáfora:
O TAPAL urna de tu eco.
Das figuras de dicción presentes en todos os poemarios destacan tres; entre elas, a anáfora ou repetición dunha ou varias palabras ao comezo do verso:
en Ti. ¡CRUCEIRO!, pecho de alma,
en Ti. Pórtico luz del ciego.
Ribeiras de mar enxoito!
Ribeiras de pleamar!
Outra vén sendo a anadiplose ou reduplicación, repetición dunha(s) palabra(s) ao final e comezo de cada verso...
¡que reine!,
que reine en ti
e das campanas os toques,
toques que eran pra min.
Xunto co paralelismo ou similitude sintáctica:
haciendo vibrar el día,
haciendo sentir la rosa
unhas chegádesme á alma
e outras ó pensamento.
Entre as figuras de posición atópase o hipérbato ou alteración da orde sintáctica normal dunha secuencia:
Sólo aliento es tu contorno.
e das campanas os toques, (...).
E nas de diálogo e argumentación, o apóstrofe ou invocación a un destinatario textual que converte en real o que se expresa:
¡Cuántas cosas te diría
si yo supiese cantar!
Campanas que tocades
Tamén a exclamación ou expresión intensa do sentimento:
¡Oh, cuántas cosas te diría!
Pobos donde eu vivín!
Finalmente, entre as figuras de ficción cómpre sinalar a personificación ou prosopopea, que concede calidades humanas a seres inanimados:
Os seráns nas Rías Baixas
ollan con luz de aurora, (...).
En canto á métrica, ambos poemas teñen rima, con predominio da asonante. O primeiro poema baséase en estrofas cun número irregular de versos; o segundo, máis homoxéneo, presenta así e todo unha estrofa con desigual medida. Co paso do tempo a escritora romperá toda atadura para potenciar o versolibrismo, en xeral cun menor número de estrofas pero máis versos e de maior largura.
A composición en castelán anuncia tamén fenómenos repetidos ao longo de toda a obra poética, como a distorsión sintáctica e morfolóxica. Tres exemplos aparecen nos versos de tu fiesta en romería, de tu lleno en alegría, susceptible de se interpretar tanto polo emprego superfluo da preposición en como pola ausencia do artigo diante do substantivo, xunto coa conversión dun adxectivo -lleno- en substantivo. Tal distorsión gramatical constitúe o aspecto máis rechamante, algo en verdade insólito naqueles anos sesenta, de aí o alcume acuñado por Novoneyra de dinamiteira da fala
. Tempo despois, o grande escritor Xosé Luís Méndez Ferrín converteuse no segundo admirador, que mesmo quedou subxugado pola frescura e dinamismo revolucionarios da poeta a nivel formal; non en van escribira dous entusiastas artigos para o xornal compostelán La Noche (25/2/1965), intitulado o primeiro deles Un idioma novo.
o feito da ruptura interior do idioma en María Mariño (ruptura que non esclui unha sutil fidelidade ao chamado xenio da lingua) rica sin ser tocada a sustancia da súa poesía. Iniciei o meu percorrido pola epidermis. Agárdame por explorar toda unha inmensa e tebregrosa fraga, alagada pola néboa, onde xacen acochados os termos esenciás dista conducta poética sin precedentes.
A xeito de colofón, non se deben esquecer as verbas do gran mentor Novoneyra. Na Elexía previa a María Mariño -datada no Courel en febreiro de 1966, mentres tenta aferrarse a un pasado máis venturoso-, a dor do presentido adeus derrámase nun fermoso e sentido panexírico onde non podía deixar de subliñar o trazo subversivo fronte á mediocridade. Por iso, defendamos a necesidade da memoria.
A fala galega xa non se moverá en cen anos:
(García Negro 2007: 83)
BIBLIOGRAFÍA
AGRAFOXO, Xerardo; Biografía de María Mariño1, Editorial Galaxia, Vigo, 2007.
AGRAFOXO, Xerardo; María Mariño2, Excmo. Concello de Noia, Noia, 2007.
AGRELO HERMO, Xosé; Cantiga da costureira poeta María Mariño, Xunta de Galicia, Noia, 2007.
ALONSO, Fran; A vida secreta de María Mariño, Edicións Xerais, Colección Merlín, Vigo, 2007.
ARIAS CHACHERO, Patricia; Antoloxía poética, Editorial Galaxia, Vigo, 2007.
BLANCO, Carmen; María Mariño, Edicións Xerais, Vigo, 2007.
GARCÍA NEGRO, Pilar; María Mariño no ronsel das escritoras galegas, Edicións Laiovento, Ames, 2007.
MARIÑO, María; Más allá del tiempo, Alvarellos Editora, Santiago de Compostela, 2007.
MARIÑO, María; Obra completa, Edicións Xerais, Colección Clásicos, Vigo, 2006.
MARIÑO DAVILA, Esperanza; 'Dicionario' María Mariño, tresCtres Editores, Santa Comba, 2007.
NOVONEYRA, Uxío; Dos soños teimosos, Editorial Noitarenga, Santiago de Compostela, 1998.
RIVEIRO COELLO, Antón; A voz do lago, Editorial Galaxia, Colección Árbore, Vigo, 2007.
VV.AA.; Día das Letras Galegas 2007. María Mariño, Servizo de Publicacións, Universidade de Santiago de Compostela, 2007.
VV.AA.; María Mariño Carou. Letras Galegas Galegas 2007, Xunta de Galicia, 2007.
VV.AA.; María Mariño en Alameda (Revista da Sociedade Liceo de Noia), nº 26, Noia, 2007.
VV.AA.; Praza das Letras, nº 3, Xunta de Galicia, 2007.