María mariño do humor da nada ao valor da palabra

María Xosé Queizán

A María Mariño se lle dedica o día das Letras Galegas deste ano 2007 e con isto se cumpren dous obxectivos: Corroborar a súa identidade literaria e recoñecer o valor da súa obra.

Durante os anos sucesivos á publicación do seu primeiro libro dubidouse que fora escrito por esta muller. A negación da autoría feminina en materia artística ou científica é unha práctica normal ao longo da historia. As mulleres non só estiveron recluídas no mundo privado e afastadas da cultura e da representación pública. É verdade que a estructura de dominación dun sexo sobre outro a través do tempo e as culturas freou a acción das mulleres. Pero tamén é verdade que a súa acción, incluso cando foi real, infravalorouse na medida en que non se traduce en termos de poder. Tanto no dominio da creación literaria ou científica como no ámbito político, a achega, xeralmente anónima, das mulleres foi nomeada e foi apropiada polos homes que recollían os beneficios e aparecían como os únicos axentes.(...) A producción das mulleres quedou anexionada e capitalizada polos homes.(...) A parte innovadora na construcción do mundo foilles dobremente subtraída.(...)O que producen e realizan as mulleres, no marco xeral de dominación, non lles reporta ningún recoñecemento. 1 Son moitos os exemplos coñecidos e serían moitos máis os que descoñecemos. A sagaz Rosalía escribira no ensaio As Literatas, Carta a Eduarda2, un texto no que unha escritora envía unha carta a unha novel, unha moza ilusionada por escribir, coa que pretende disuadila de que se introduza nese oficio polos infortunios que lle van ocorrer e a persecución que padecerá. Afirma que As mulleres poñen de relevo ata o máis escondido dos teus defectos, e os homes non cesan de dicirche que unha muller e talento é unha verdadeira calamidade, que vale máis casar coa burra de Balaam, e que só unha parva pode facer feliz a un mortal varón. Sabe Rosalía que a sociedade patriarcal non tolera as escritoras, e prefire ver as mulleres nos seus labores domésticos e zurcindo calcetíns, aínda que sexan os do criado. Estes criterios aparecen tamén nas súas novelas, onde encontramos algunha escritora escribindo de noite, ás agachadas, como a Mara de Flavio ou sendo reprendida como a protagonista de El caballero de las botas azules: Non a pluma nas túas mans, muller nacida para educar os teus fillos: a agulla e a roca son as túas armas. A sociedade négase a recoñecer a valía intelectual das mulleres, daquela cando unha muller realiza algo de valor se lle vai adxudicar á figura masculina máis próxima porque a condición das mulleres permanece no mundo privado e son relegadas ao silencio ao longo da historia. Seguindo a Aristóteles que afirmaba: Na muller, o silencio é un ornato, pero non nun home, e as sucesivas recomendacións dos padres da Igrexa, as mulleres aprenderon a calar, a non elevar a voz no espacio público e, incluso as escritoras debían ter reticencia a publicar. Dicía Rosalía: Polo que a min respecta, acostuma a dicirse que o meu marido traballa sen cesar para facerme inmortal. Verso, prosa, bo e malo, todo é seu; pero, sobre todo o que lles parece menos mal, e non hai principiante de poeta ou home sisudo que non o afirme”.

No caso de María Mariño, a autoría dos seus poemas adxudicouse a Novoneyra, poeta que coñeceu e se relacionou no Caurel e que sen dúbida debeu ser un bo impulsor do seu quefacer poético. Difundiuse nos dixomedíxome literarios que María Mariño era un pseudónimo de Novoneyra. A súa prematura morte, pouco despois de publicarse o seu primeiro libro, Palabra no Tempo, e a enfermidade que padecía, impediu a súa presencia pública. O feito de que a autora fose descoñecida nos ambientes literarios, sen méritos académicos e afastada nas montañas do Courel propiciou a difusión do bulo de que fose Novoneyra o autor duns poemas que el mesmo se encargaba de dar ao prelo. Veñen a conto as palabras de Rosalía nas Literatas: Como crer que “ela”poida escribir tales cousas? Unha muller que coñecen ... no caso de María Mariño que é de clase baixa, costureira, iletrada, sen méritos académicos..., como pode discorrer e escribir cousas que a eles non se lles pasou nunca pola mente, e iso que estudaron e saben filosofía, leis, retórica e poética? Imposible, non se pode crer.

Estes prexuízos denunciados por Rosalía hai 141 anos, permanecen aínda na sociedade galega actual. Por iso debemos celebrar dobremente que se lle dedique este ano o Día das Letras Galegas. Significa concederlle xustiza, instituír a súa identidade creadora ao mesmo tempo que libera a nosa sociedade de prexuízos.

Mesmo se, afirman varios comentaristas, a poesía de Rosalía posibilitou a de María Mariño, non creo que estea en débeda coa nosa poeta fundadora máis do que estamos o resto das e dos escritores galegos. Considero que son dúas poetas moi diferentes. Rosalía escribe impulsada pola realidade, pola situación desoladora do país, situación que non dubida en revelar, meténdose na pel da xente traballadora, denunciando as penurias que pasan e a inxustiza que padecen, especialmente as mulleres. Rosalía fai reivindicacións feministas e, lonxe de abandonarse sentimentalmente, escribe con audacia e rebeldía unha epopea popular. Ela emigra, pasa fame, é seducida e violada, sente saudade...Penso que incluso a súa poesía intimista non se limita ao subxectivo porque o eu lírico de Rosalía é colectivo. Estes e outros aspectos son ignorados pola poeta noiesa que non traspasa o propio ego. Podemos comparar algúns temas tratados por ambas as dúas poetas. Por exemplo o da tea 3.

Tecín soia a miña tea,
sembrei soia o meu nabal,
soia vou por leña ao monte,
soia a vexo arder no lar.

Rosalía toma a tea como motivo para falar da soidade da muller labrega, un abandono real, nunha terra traballada por mulleres e cos homes na emigración..

María Mariño escribe:

Días e días tecín na tea do meu tear.
Hoxe a tea toda feita, del n’a podo sacar

O eu lírico, ela, une a tea e o tear. Dentro e fóra. Semella que todo está dentro e fóra dela.

<
Como traballa en min/ como me dá e me quita/ como me fai e desfai.

Fala do propio labirinto vital.

O misterio que rodea a súa vida está tamén presente na súa poesía. É unha poeta senlleira no panorama da poesía galega e, penso que o sería en calquera outra lingua. Experimenta o acto artístico consigo mesma. De ser posible, diríase que non ten lector@ explícit@s, e sen embargo sentímonos fascinadas coa súa lectura. Mesmo se parece que escribe para ela, faino con rigor. Non se trata dunha escrita improvisada.

Crear é seleccionar. María Mariño selecciona o seu discurso, e o motivo principal é a conciencia da natureza unida á súa propia conciencia. Introduce a propia existencia dentro dun marco espacial: o Courel, a terra que adopta, na que se integra e pola que boga como polo mar de Noia. Porque o atlántico está presente, como se demostra na terminoloxía mariñeira que lle xorde no poema.

Tiven medo de bogar
tiven medo da augua crara.
Anque fora cuns bos remos
anque fora na mar clama.
non bogaba!, non bogaba!
O medo xa non sei del.
Xa secou aquel mar longo.
E sin saber donde veu,
se é doutro ou é meu,
navego nun mar de fondo.

Mareas que en min aboian nunca son de pleamar.br/> Non dan calo aos meus navíos que dela veñen buscar.

Toma a natureza como leit motiv pero non fai descrición da paisaxe, algo tan abundante na literatura, xa desde o S. XIX. María Mariño non é romántica. Nos seus poemas non hai valoración dos sentimentos ou do mundo dos afectos. Crea a propia natureza. Non adopta ante ela unha actitude contemplativa senón creativa.

Son a chuvia, son a neve, son o vento da xeada.
Son alba daquel vivir,
Hoxe noite daquel sentir.

Ela é a néboa, a terra, o vento, a neve. É o albor e é a noite. É o sol que rixe. Dirixe, domina a natureza, actúa sobre un mundo creado por ela. Cando parece que se aniquila, cando afirma son o humor da nada, en realidade está facendo retórica porque, de feito, realiza unha toma de poder.

Viste a Natureza vestido feito por min.
Visto eu dela o mellor forro.

A natureza só lle dá o forro; o vestido faino ela. É unha poeta altiva.

Fuxe o meu peito de min
Si ela non cómpre ó redor.

Necesita a natureza para vivir pero é unha necesidade compartida:

A aurora é miña i é dela.

A autonomía da escritora en relación coa natureza non se compaxina coa mística. Digo isto porque certa crítica asimilou a María Mariño cunha tendencia mística. Esta tendencia significaría unha experiencia pre-lóxica, aceptar crenzas en forzas e influencias non perceptibles polos sentidos reais. A mística non percibe limitacións entre o eu e o mundo ou a natureza. Vive nunha paisaxe animada con poderes sobrenaturais, con mitos, soños, mortos, maxia... A mística abandónase ante os poderes sobrenaturais, cae en éxtase, déixase aniquilar.

Nada disto encontramos na poesía de María Mariño. De estar anonadada non podería concibir ese rico universo de palabras e conceptos. Lonxe de ser unha poeta mística, é unha poeta moderna, vangardista. Sitúase no extremo oposto. Ás veces, incluso, poderíamos pensar que non hai nela realidade extra- literaria. O máis importante é a materia da propia escrita: a lingua.

Os títulos dos seus dous libros demostran o valor que lle concede á lingua, á palabra. Palabra no tempo, o primeiro título, é reiterado en Verba que comeza, o segundo. Ela mesma é un libro, revela o seus pensamentos íntimos mediante palabras.

Linme hoxe toda por dentro.
Linme!
Como me está chegando!
Logo de min saeu texto
que inda ninguén atopou.
-----------------------------
Sempre verba do chan máis fondo
-ouveo marzal, pisada cega- vento!

Incluso a saudade é desexo de lectura, de palabras.

Cousas, cousas fun lendo cando as letras aprendía
Agora que sei leer non sei o que alí dicía.

Ten saudade do que sabía non sabendo, do que perdeu coa lucidez.

Hoxe caeume o pano que a mirada me enturbaba.
Del quedoume sentir, entre o Non e a Esperanza.
Anque agora vexo craro, inda que o sol non anda,
Non entendo ben as letras que co pano letreaba.

O pano de María Mariño equivale ao cravo rosaliano. Rosalía alude á dor permanente da existencia feminina, que pasara a ser constitutiva. Tanto, que a muller chega a ter saudades daquela pena, daquel cravo. A saudade expresada por Rosalía é a dor existencial.

María Mariño ten saudade daquel pano que, mesmo se a ensombrecía, permitíalle ver con claridade.

No cerne do seu pensamento están as palabras, as verbas, os conceptos.

....verbas duras sin
moles
verbas brandas,
verbas que se atopan como eran,
verbas que enxugan mundo entre homes,
que enxugan terra, terra mollada de
son,
que enxugan nebra,
aquela de trono limpo,
enxugan peito,
peito frío, amofado en alma
morta.
Forza, empuxa de ti e fala.

Chama a atención o tratamento orixinal da lingua e como a selecciona. A selección é a primeira forma de coñecemento. A poeta ordena as frases ao seu xeito e realiza un exercicio de tensión, retorce a sintaxe, rompe a norma. Novoneyra chamouna dinamiteira da fala. É un alcume expresivo e atractivo pero creo que non define o seu comportamento lingüístico. Ao dinamitar a fala e rachala en anacos, estes caerían ao chou e as palabras quedarían perdidas. Non é isto o que fai María Mariño. A súa non é unha ruptura azarosa ou casual; é unha distorsión consciente e coherente. Descompón a gramática, desordena a sintaxe e, paralelamente, compón outra orde. Crea novos termos.

Todo dunha maneira consecuente, de forma que non temos ningunha dificultade de interpretación nin de análise. Todo dun xeito harmónico, sen perder o ritmo nin a beleza do conxunto. Existe simetría no modo de rachar as categorías gramaticais. A simetría supón un sentido estético previo. Daquela, na transgresión da norma da linguaxe encontramos, por un lado unha competencia da lingua, un dominio da mesma, e por outro recorrencias sintácticas que responden a unha lóxica, que parecen proceder dunha teoría estética, dun proxecto previo, dunha escolma que lle facilita a tensión para expresar vivencias e experiencias límite ou para reflectir unha natureza activa. Forza, tira con tensión, puxa. Está lonxe de ser o humor da nada.

Na súa poesía destaca a orixinalidade. É unha poeta intimista na medida en que o tema non é a sociedade, pero non é unha poeta sentimental. Pola contra é austera na expresión dos temores, da proximidade da morte. Foxe de efectismos. A morte é unha amiga. Máis que intimista eu diría que María Mariña é unha poeta egocéntrica. Ela é o centro do seu interese. Interrógase a si mesma. Ela é o enigma e ao mesmo tempo a Esfinxe. Escribe para indagarse. Deixa fóra as lectoras/es, parece ignorarnos. Por iso sentimos tan verdadeira a súa poesía e mesmo a transgresión lingüística. Non quere ser orixinal, épater les bourgeois, asombrar a persoas inxenuas ou iletradas coas innovacións ou as rupturas gramaticais. Esa non é a intención da súa escrita. A finalidade é ela mesma, materia autosuficiente. Por iso produce esa fascinación.

Mesmo se a natureza ocupa un lugar capital na súa obra, mesmo se a terra é substancial, terra, verba miña, terra, alma dona, a súa poesía non é materialista. A terra está personalizada, ten vontade. Pode dar e pode matar.

Ouh terra como te vas descubrindo!
Como vas facendo das túas!
Como levas e traes!
Cando traes, muito dis,
Pro cando levas, amiga, cando levas
Calas
Calas o que ofreceches no día aquel
De luz,
Aquel que de todos ti sabes,
Aquel día de luz moza,
Aquel día farto de teu, aquel día
-teu ditado-.


Terra, di!

É quen de verse enterrada. Sabe que a súa amiga, a morte, xa está ao seu lado. Non se laia. Expresa percepcións, conceptos.

Cantos días enterrada onde en min cabía a fosa!
Agora que xa me erguín, inda a costas levo a lousa.

É unha poesía que indaga en conceptos que foron e son obxecto de pensamento filosófico: a palabra e o tempo:

Meu tempo!- cramei chorando.
Bágoa a bágoa iba escribindo:
Tempo do Tempo énos o pouso desta luz por onde ando.
-----------------------------------------------
Eu non sei si xa pasou
ou se inda ten que pasar,
ou si aquelo que eu sentín
non foi sentir, foi soñar.
Vivo no preto quedo
Dun lonxano latexar.

Canto novo hai xordo e xordo!
Canto vello que nos fala!
Cantos hoxes por un onte!
Canto andar para unha agarda!

Hoxe,
onte do meu contento
Hoxe do souto de ouro
Onte do meu recordo!

Xoga co tempo e o espacio

O meu camiño hoxe
ten o mirar dun antonte.
Arrecenden os sendeiros
Nas agras zoan as fontes.
Labrego afala o seu gado.
Mide o tempo a súa ponte.
Aire quedo e tembrando.
Chove perto, chove lonxe.
---------------------------------
Tempo é tempo e o mesmo Tempo.
O que pasou non se foi. Nil estamos. En el hai.

Estas reflexións sobre o Ser e o Tempo, título dun libro de Heidegger, remítenos ao existencialismo. Que ninguén se deixe enganar polos recursos populares da poeta, polas reiteracións...! Estamos ante unha obra con resonancias filosóficas. Que non aludan á súa escasa lectura libresca ou ao mínimo contacto co mundo literario! Enfrontámonos a unha poesía xenuina, un pensamento dificilmente penetrable, un universo poético que non se aprende nos manuais. O estilo imítase; o pensamento, non.

María Mariño escribe estes dous libros na madurez e despois de experimentar vivencias moi dramáticas, perdas inigualables, como a do pequeno e único fillo. Faino soa, inmersa no espacio grandioso, para ela estraño, do Courel; faino asombrada pola natureza e escribe bagoa a bágoa, para afirmar a morte, a súa amiga, que sente tan próxima. Así, racha as palabras como se lle rompe a propia vida. Escribe e fai do papel o destinatario da súa amargura, da súa dor. Derrama na páxina o seu desencanto:

Aquí che deixo, me peito canso, aquí
che deixo,
aquí che deixo neste branco papel trillado, neste
percuro das horas.
¿Quen eres -preguntaranche-, quen eres?
Son a néboa que anda soia, son o sol
que quenta as queixas, dos camiños
son o farto.
--------------------------

Papel branco,
trillado,
papel, berra, berra entre os forte
desde onde as miñas verbas che magoan.

Publica, por iniciativa de Novoneyra, un único libro en vida. O seu derradeiro libro publicouse varios anos despois da súa morte. De non ser por estes libros, por esta poesía que hoxe celebramos e nos asombra, non falaríamos nunca desta muller que andou de puntiñas pola vida. Esta é unha das grandezas da creación, da escrita. Consegue inmortalizala e que nos acheguemos a ela en sucesivas xeracións.

Bibliografía

1.-. -< Histoire et mémoire ou la marque et la trace > en Recherches Féministes, vol. 6, nº 1. Quebec, 1993

2.- Las Literatas. Carta a Eduarda en Almanaque de Galicia, Lugo, 1865

3.- <As viudas dos vivos e as viudas dos mortos> en Follas Novas, 1880