PENÉLOPES DE TINTA: AS MULLERES NA POESÍA GALEGA.
DA GUERRA CIVIL A PALABRA NO TEMPO

Xoán Pastor Rodríguez Santamaría

Introdución: A literatura galega entre 1936 e 1950

Todo o edificio da literatura galega construído paseniño dende Cantares gallegos en 1863 quedou derrubado nuns poucos días de 1936. Estoupa a sublevación militar contra a II República e galeguistas, comunistas, anarquistas, republicanos e socialistas van ser duramente represaliados, van quedar sen voz, e con eles a literatura en lingua galega vai quedar mergullada no silencio. Poucos libros e poucos textos se publican en galego entre 1936 e 1947, o ano en que aparece Cómaros verdes de Iglesia Alvariño como primeiro libro importante da poesía de posguerra. Antes só algunhas modestas obras de homes e mulleres pouco sospeitosos de esquerdismo, cregos ou falanxistas que non fixesen unha poesía nin comprometida nin fóra de certo ruralismo permitido, aínda que algún destes volumes teña algún mérito. Estamos a falar de poetas como Daniel Pernas Nieto (Fala d’as musas, decembro 1936), Anxo Sevillano (O amor, o mar, o vento e outros gozos, 1938) ou Celestino Luís Crespo (Brétemas mariñás, 1946). O que se pode facer estase a facer no exilio, fundamentalmente no exilio americano. Ademais moitos autores galegos pasan con armas e bagaxes ao bando de Franco e mudan de lingua, van do galego ao castelán, como é o caso de Cunqueiro, Vicente Risco, Gómez Ledo. Outros están no ostracismo, no cárcere ou no silencio do medo. Custa recuperar de novo, a partir de finais dos corenta, unha certa normalidade que non será total ata moitos anos despois, pero dende 1950, coa creación da editorial Galaxia, hai xa unha infraestrutura que substitúe á desaparecida en 1936. A partir de 1951 van ir publicando os novos poetas galegos e entre eles estarán varias mulleres, as penélopes de tinta, que queren continuar a tradición dunha literatura que no esencial foi fundada por unha muller, Rosalía. Son as voces de Luz Pozo, Pura Vázquez, Xohana Torres e María do Carme Kruckenberg. No exilio só a voz modesta de Áurea Lorenzo Abeijón canta en galego. De fondo, con voces de pouca categoría, algunhas poetisas de preguerra que cantan a Franco e ao seu réxime maioritariamente en castelán, aínda que ocasionalmente o fagan en galego. Trátase de Carme Prieto Rouco, Herminia Fariña, Teresa Juega López, Mercedes Viso Troncoso, Dolores del Río e algunhas máis. Na década dos sesenta aparece unha nova voz sorprendente na poesía galega, a noiesa María Mariño.

As poetisas franquistas

Entre xullo de 1936 e abril de 1939, en Galicia, situada no bando dos sublevados, só se pode cantar para gabar a Franco, á Igrexa e aos valores tradicionais que estes representan. Vai haber unha verdadeira chuvia de poemas laudatorios ao Caudillo, ao exército e ás crenzas pretendidamente cristiáns. Entre estes poetas áulicos non faltan as mulleres, pero fano case sempre na nova lingua do imperio, o castelán. Malia iso, en 1938 aparece o libro Rayos de sol, asinado por Mechitas de Vigo, en realidade Mercedes Viso Troncoso, da que se descoñece case todo dato biográfico, que era unha fervente franquista. No volume aparecen trece poemas en lingua galega, de escaso mérito literario, e con todos os tópicos franquistas. Lembra Alonso Montero que a modo de subtítulo figura esta petición: Gallego, guarda este recuerdo de la Guerra Santa y de su heroísmo. Antes dela Esther Gallo Lamas, en Lugo, edita o volume Galicia por la Nueva España, con poemas franquistas de Francisca Herrera Garrido (1869–1950) en castelán. A autora de novelas como Néveda e de poemarios como Sorrisas e bágoas (1913), que era membro da Real Academia Galega, escribe agora cousas como estas:

¡A la orden, glorioso general,
el invicto, el preclaro, el conceptuoso
nuestro Generalísimo,
español ilustrísimo.
¡El general que es hoy universal!

No volume de Esther Gallo hai versos galegos, pero son de Rosalía e de Lamas Carvajal.

Herminia Fariña Cobián (1904–1966) era coñecida na literatura galega como poetisa, autora de Seara (1924) e por algunhas pezas teatrais, aínda que tamén escribira poemas modernistas de apreciable calidade en castelán. Agora, en plena guerra, publica o volume ¡Por España y para España! (El libro del combatiente), que apareceu en Vigo como o libro de Mercedes Viso. Nel aparecen catro composicións en lingua galega, todas apoloxéticas da Cruzada de Franco. Sen embargo, os seus sentimentos quedan máis claros en versos casteláns como os seguintes:

Mi Generalísimo
Redentor de España,
Prodigio y Lumbrera,
Honor y Piedad,
ruta iluminada de serenidades,
Paladín de Altar;
Brújula y Destino,
Señor de milagros
y Jefe infalible del Patrio solar.
¡Franco!
Tesón y Bondad.

Herminia Fariña publicará pouco en lingua galega despois da guerra, aínda que en 1960 editou o folleto Gabanza e prego da miña aldea, e antes, en 1951, o seu folleto Mensaxe de ademiración nas festas de Vigo contiña tamén un poema na nosa lingua e Rodríguez Lema cita tamén o folleto Cantiga serea de 1950.

Carmen Prieto Rouco (1901–1977) era unha poetisa de Vilalba coñecida na literatura galega polo poemario Horas de frebe (1926) e por algunha peza teatral, mais agora enrólase no bando franquista para cantar en castelán con versos coma estes:

Y hoy que surge otra vez la bestia impura
roja en sangre de hermanos y desdichas,
arrasando los campos de esta Patria
que quieren arruinarla y destruirla,
el Apóstol Santiago encarna en Franco
(¡de nuevo encarna en hijo de Galicia!)
y lo envuelve en laureles de victoria
y lo colma de glorias en porfía.

Prieto Rouco volverá a publicar en galego en 1956, pois o poemario Lluvia menuda é bilingüe, contendo varios poemas galegos. Aínda en 1964 edita A virxe viúda. Hestoria dun amor e xa en 1977 aparece O derradeiro.

Outras poetisas cantaron as glorias de Franco dende Galicia como é o caso de Dolores del Río Sánchez-Granados, que en 1908 publicara un poemario castelán, Ráfagas, mais que tamén escribira teatro en galego e algún que outro poema na nosa lingua. Agora o seu texto titúlase nada menos que ¡Franco! ¡Franco! ¡Franco!, un poema aparecido na revista relixiosa santiaguesa El Eco Franciscano con versos coma estes:

Ofrendar al Caudillo, ofrendar al guerrero
que venció en cien combates, al de brazo de acero
y corazón sensible -nuevo Cid Campeador-
renovador de las gestas pretéritas de gloria
que asombraron al mundo y para el cual la Historia
reserva en sus anales alto puesto de honor...

Un caso curioso na literatura galega é o de Juana Teresa Juega (1885-1979), quen en 1908 tiña para publicar un libro, Alma que llora, pero que o catro de marzo dese ano recibiu un disparo do seu mozo, militar, quen logo se suicidou. Non quería unha esposa poetisa. Juana Juega publicou algúns textos na nosa lingua dos que o máis famoso é A morte. Estivo tamén ao lado de Franco con textos como ¡Gallegos!, dedicado ao seu fillo Emilio que loitaba no bando franquista. Referíndose a Galicia chámalle madre del Caudillo que en Dios y en España / tan sólo pensó.

Margarita Losada Prado era coñecida en Galicia como autora de novelas e relatos en castelán, aínda que no volume de 1933, De estirpe galiciana, incluía un poema en galego. En 1937 publica no Faro de Vigo un rimbombante texto poético co título Al Generalísimo Franco, arquetipo de la raza hispana:

Brilla el genio, en su mirar profundo,
mágico sol de lumbre creadora;
de la virtud el resplandor divino
orla su frente.

Outras dúas poetisas galegas cantan as glorias de Franco, pero non nos consta que escribisen algo en lingua galega. Trátase de María Badals y González de Mendoza, autora do poema A nuestro Caudillo e de María V. Millán, que publica El Caudillo en el puerto de Cayón.

Algunhas destas poetisas seguiron a cultivar a lingua galega con textos furiosamente franquistas ou costumistas, e fixérono dende as páxinas do xornal El Compostelano. Así Mercedes Viso Troncoso entre 1939 e 1941 publicou nese diario dez poemas en galego, entre eles Era roxo (1940), As mazáns da miña terra (1940) ou Grorias do mundo (1939), pero xa foran publicados no seu volume de versos. No mesmo xornal publica Carme Prieto o poema O albren n’a tempestá (1937). Nese xornal aparecen tamén os nomes de María Margarita Bárcenas Saracho, autora do poema O meu meniño (1941) e unha poetisa que terá logo un papel importante na poesía galega de posguerra, Pura Vázquez Iglesias, que neste xornal publica en 1941 tres poemas en lingua galega: O mosteiro de Castro, Parada do Sil, Fogar e Teus ollos.

Unha poetisa emigrada: Áurea Lorenzo Abeijón

A cultura galega, en gravísimas dificultades dende o estoupido da guerra civil en Galicia, atopa o seu refuxio en América grazas ao labor de exiliados como Castelao, Luís Seoane, Lorenzo Varela, Ramón de Valenzuela, Rafael Dieste e moitos outros. A eles únense outros escritores galegos que estaban na emigración, pero que sentiron como propia a causa da República, como é o caso de Eduardo Blanco-Amor ou Emilio Pita. Mais son todos homes.

Áurea Lorenzo Abeijón (1904-1995) é unha emigrada de Porto do Son que tamén contribúe ao cultivo da lingua galega con un poemario publicado en 1943, Queixas. Poesía saudosa, intimista, sinxela na forma e moi vinculada ao influxo de Rosalía de Castro. Unha poesía humilde, pero que dá ben a mostra do sentir dos emigrantes. Áurea Lorenzo foi tamén poetisa en castelán, como o serán case todas as poetisas galegas de posguerra, agás Xohana Torres, pois publicaron libros en castelán, de calidade alta, figuras como Pura Vázquez, Luz Pozo Garza, María do Carmen Kruckenberg, Dora Vázquez, e agora sabemos que tamén escribiu nesa lingua María Mariño. Todas compartiron o amor por Rosalía non só como inspiración, senón tamén como o tema da súa poesía e mesmo como figura lexitimadora da escrita feminina. Máis modestamente a voz de Áurea Lorenzo homenaxea a Rosalía como símbolo do amor que lle tiveron todos os emigrantes galegos e así o amosa o poema Rosalía de Castro:

¡Alma grande que a Galicia
tanto cantou sen esvaio!
¡Tanto esparxeu polos ventos!
En cada canzón, un laio.

Ela cantoulle á casiña,
á figueiriña, ao lar,
ao cemiterio da Adina
i á campá do pomar.

I os regueiriños ouviron
as queixas do que morreu,
alá na terra lonxana
por outra que conoceu...

Agarimo de Galicia,
de tan piedosa verdá,
¡que grande foi o seu peito!
Moito ben soubo gardar.

Hoxe vibran polos aires
os ecos do seu cantar,
que van rachando o silenzo
da inmensa soedá.

As mulleres nas revistas literarias dos corenta e dos cincuenta

Se ben é certo que non se publicaron case textos en lingua galega na primeira posguerra, as revistas literarias, bilingües e maioritariamente en castelán, foron a única físgoa por onde a nosa lingua e a nosa poesía puideron comezar a amosar a súa presenza. Cumpriron, pois, un papel fundamental na transmisión da literatura galega. En 1943 apareceu a revista Finisterre, na que publicou Pura Vázquez en 1944 o poema Sinxela. En 1944 publicouse a revista Sonata Gallega, onde aparecerán os nomes de Herminia Fariña (O segredo, 1948 e Relembro do hirmán emigrante, 1949) e de novo Pura Vázquez (Doutras follas, 1949 e A un paxaro que morreu de tristura, 1952) e unha poetisa que logo non alcanzará renome na nosa literatura, Adelaida Vallejo Leira (¡Volve sin qu’eu te chame!, 1949). Xa en 1945 sae do prelo a publicación Posío en Ourense, onde só aparece un nome feminino, Pura Vázquez (Milagre d’amor, 1946). En 1948 sae unha revista que tivo papel importante na nosa cultura até a súa desaparición en 1956, Alba, onde publica María Pilar G. de Fresco, en realidade chamada María del Pilar González Pérez, nada na Pobra do Caramiñal en 1920.

O seu texto titúlase Irmandade, do que amosamos un anaco:

Eu son froito. Froito d’un árbore oxe vello
que xá d’árbores e froitos mais antergos viña.
Eu alento c’un aire que noutro peito axiña
á murcha sangue tornará o seu côr bermello.

A autora destacou logo en castelán co poemario Papeles (Madrid, 1952), moi influído pola poesía oriental.

A revista Xistral aparece en 1949 e nas súas páxinas publica a poetisa Clotilde Paz o texto Soidades no mesmo ano. No ano corenta e oito publicárase a revista Vamos, onde volta a aparecer Pura Vázquez co poema Teño. En Noia en 1950 sae á luz a revista Tapal que rematará en 1955; nas súas páxinas aparece o inevitable nome de Pura Vázquez cos textos Lúa de vran e Barca loura, ambos os dous de 1952. Mais publica tamén unha nova poetisa, Hélida García López, autora do poema Muíños de pedra (1951). Xa en 1951 reaparece Posío. Arte y Letras, onde o único nome feminino é Pura Vázquez cos poemas Salto do Can (1954) e Invitación pro ensono dos meniños (1953). En 1952 sae Aturuxo, no Ferrol, outra vez con Pura Vázquez, con textos como Íntima, Mencer da vela (1954) e Horas, pero coa presenza xa de quen será logo moi importante nome da poesía galega do século XX, Xohana Torres, que publica o poema Nai (1953).

En 1953 a revista Nemancos apórtanos un novo nome feminino, Consuelo Domínguez Rodríguez, que publica o texto Galicia da miña alma… no mesmo ano. Xa en 1959 aparece a revista Escritos, onde imos atopar a quen logo será unha figura destacada da narrativa e do ensaio galego, Marina Mayoral, que nesta ocasión publica o poema Si soupérades… (1960).

Como se pode apreciar, as mulleres tiveron unha relativa e importante presenza en todas as revistas culturais que apareceron nas décadas de 1940 e 1950, cun predominio moi claro dos textos de Pura Vázquez, que foi a primeira muller importante en publicar poesía en galego na posguerra.

Poesía de mulleres no xornal La Noche

Se El Compostelano deixara algún espazo para a poesía en lingua galega mesmo durante a guerra civil, o seu continuador, o xornal La Noche, segue nesta liña sobre todo grazas ao labor do xornalista Borobó. A carón de moitos homes importantes na poesía galega, aparecen tamén varias mulleres. Tres delas son figuras de preguerra: Herminia Fariña, que colabora con dous poemas en 1946, Francisca Herrera Garrido, que o fai con A lúa no mesmo ano e Sofía Casanova (1861-1958), moi coñecida como narradora, xornalista e dramaturga en lingua castelá, mais que aquí publica tamén o poema O campaneiriño. Pero o que interesa é a presenza de varias poetisas que serán xa canónicas na poesía galega de posguerra. En primeira lugar Pura Vázquez, que en 1947 publica o poema Tola e xa no ano 1949 os textos Soidás, Val do Miño e Noite no agro. Ao seu carón María do Carme Kruckenberg, que en 1948 publica un poema que comeza co verso Silandeiro me chamaches…. Ademais está moi presente xa dende 1946 unha das voces fundamentais da poesía galega, Luz Pozo Garza, pero que aínda publica todos os textos poéticos en castelán, lingua que tamén emprega Dora Vázquez (1913).

As mulleres na poesía galega dos 50

Co comezo dunha certa normalización editorial en Galicia dende 1950 empezan varias poetisas a publicar en lingua galega. Pura Vázquez (1918-2006) saca do prelo en 1942, nunha edición non venal, o poemario Peregrino de amor, que curiosamente aparece na cidade marroquí de Laracha e que xa contiña varios poemas galegos, pero o seu primeiro poemario importante en lingua galega será Íntimas, que aparece en 1952 en Lugo, pola editorial Xistral. É unha poesía a súa, contemplativa e con grande peso do relixioso, aínda que as imaxes de vangarda, que Ferrín cre tomadas de Vicente Aleixandre e que outros aproximan a Gerardo Diego, danlle á súa poética modernidade. Méndez Ferrín xulgouna con certa dureza crítica ao considerar que non ten acento propio e que o seu panteísmo é demasiado ecoico e difuso, aínda que é unha boa sonetista. En 1955 publicará en Bos Aires o poemario Maturidade, que é xa un notable avance na súa poesía que chegará ao cumio cunha obra hoxe considerada canónica e que sae do prelo o mesmo ano que Palabra no tempo. Trátase de A saudade i outros poemas, aparecido en 1963. Logo virán libros como O desacougo (1971), Verbas na edra do vento (1992), Zodíaco (1992) e mesmo libros de poesía infantil como Oriolos neneiros (1975), escrito en colaboración coa súa irmá Dora. Presente en todas as antoloxías importantes da poesía galega, foi unha precursora das poetas das xeracións seguintes. Algúns críticos como Raña Lama consideran que hai tamén na súa poética influxos da escola da tebra, presentes na angustia e no intimismo atormentado.

Luz Pozo Garza (1922), unha das mulleres numerarias da Real Academia Galega, é unanimemente recoñecida hoxe como poeta fundamental na poesía galega. En 1952 publicou O paxaro na boca, tamén en edicións Xistral de Lugo, pero ata que apareza Códice calixtino en 1986, o mellor da poesía de Luz Pozo publícase en castelán en volumes como Ánfora (1949), El vagabundo ou Cita con el viento (1962). O seu primeiro poemario galego amosa algunha das características que conforman toda a súa poética posterior: lirismo, intimismo, vitalismo, senso da natureza. É boa mostra deste libro o poema O neno murcho, do que reproducimos un anaco:

En tódolos pobos hai un neno murcho,
sin niños, nin merlos, nin píos.
Un neno que coñece as esquinas tristes,
cidades sumerxidas, peixes mortos
i o laiar da noite coma un anxo negro.

Rosalía é outra das presenzas ineludibles como tema na poesía de Luz Pozo, quen é quizais a figura poética que máis textos dedicou á cantora do Sar como eixe fundamental da súa poética, risco que comparte con todos os membros da súa xeración, pero sobre todo con outras poetisas galegas.

María do Carme Kruckenberg Sanjurjo (1926), publicou en 1956 un breve poemario titulado Cantigas do vento, onde destacan o neopopularismo e o senso da natureza, non moi lonxe do primeiro Avilés de Taramancos. Pero nesa altura comezara tamén unha carreira poética en castelán con libros como Palabras olvidadas (1956), Farol de aire (1958), Los parajes inmóviles (1956), Rumor del tiempo (1957) ou Poemas inevitables (1960). En 1962 publicou un novo poemario en lingua galega Canaval de ouro, onde a natureza, a sinxeleza expresiva, o intimismo e o erotismo doce son características do volume, que Ferrín atopou quizais demasiado abstracto. A partir da década dos setenta, María do Carme Kruckenberg é fundamentalmente unha poetisa en lingua galega, autora de obras como A sombra ergueita (1976), Cantigas para un tempo esquencido (1986) ou Alegoría do ensoño ferido (1992).

O bilingüismo da súa obra é característico dos poetas galegos nados entre 1919 e 1929, aos que Ferrín encadrou na chamada Promoción de enlace. Como mostra da súa poesía reproducimos este texto de Canaval de ouro:

Quedáchete,
porque a ribeira
tiña un nome novo,
porque o corazón
non ten lindeiros,
porque a sede
ten máis sede
cando se durme.
Quedáchete,
porque era infindo
como o mundo dos soños.

Xohana Torres Fernández (1931), numeraria da Real Academia Galega, pertence xa á Xeración das Festas Minervais, é dicir, a daqueles escritores e escritoras que nacen entre 1929 e 1940, que outros críticos denominan como Xeración dos 50. En 1957 publica o poemario Do sulco, que a aproxima á María Mariño na orixinalidade da puntuación e na expresividade lograda por medio de insólitas asociacións. Non regresará á poesía galega ata 1980 con Estacións ao mar e en 1992 publicará Tempo de ría. Mentres tanto cultivou a novela, o teatro e a literatura infantil. Un dos textos máis coñecidos de Do sulco é Rosalía, do que reproducimos a primeira estrofa:

Ti és pra mín a barquiña que lembra
toda presenza de madeiras náufragas
que vive, infinda, unha traxedia líquida
de peiraos sen panos e sen peixes.
Sedenta coma un mar
e no teu mar, afogada.

Aínda se pode anotar o nome de Aurora Vidal Martínez (1911), unha pontevedresa que en 1958 publicou na súa cidade natal o libro Poemas de nenos e paxariños, recentemente reeditado, con textos de breve extensión, xeralmente octosílabos e cun ton popular e sinxelo. Trátase de estampas de nenos e paxaros, con presenza tamén da paisaxe que buscan o cromatismo e a sensorialidade.

1963: A chegada de María Mariño

A editorial Celta de Lugo publica en 1963, cun prólogo de Ramón Otero Pedrayo, garantía de lexitimación para moitos poetas galegos da posguerra, un libro sorprendente, dunha figura descoñecida, Palabra no tempo de María Mariño. Malia as opinións que sosteñen que foi moi mal valorada nesas datas e pouco considerada pola crítica galega, isto non responde completamente á verdade, pois dende o comezo houbo críticos sagaces que comprenderon a importancia da poetisa noiesa, mesmo algúns que tiveron algúns reparos co libro. Nese ano nacía a importantísima revista Grial, o buque insignia da cultura galega nesas alturas e aínda importante hoxe, e nela uns poeta mozo, mais tamén crítico, Arcadio López Casanova publicaba a recensión A palabra alcendida de María Mariño, que apareceu no número tres de 1964 e que contiña xuízos como este: …A súa voz, limpa e crara, dende as iradas outuras dos tesos cumes do Courel, feitos xa voz poética en Os Eidos do Novoneyra…, que poñían en relación a poesía da noiesa coa do seu amigo Uxío Novoneyra, feito que no se pode negar, aínda que non se pode estremar o argumento que levou a algúns a afirmar que os textos eran de Novoneyra e non de María Mariño, mais tampouco se pode negar a proximidade temática e poética de ambos os dous libros. Considera Arcadio López Casanova que este libro, escrito entre 1958 e 1963 é dunha poesía mergullada na vida, no que a segunda parte do poemario é a mellor pois contén un asolagamento no mundo interior do poeta manifestado en poemas breves de raíz metafísica e xa non centrados na paisaxe exterior, senón na interior da autora. Considera máis frouxa a terceira parte que xulga con textos nada ben construídos, cre que os ecos de Novoneyra lle restan autenticidade e que debe buscar un camiño propio.

Xosé Luís Méndez Ferrín considera que Palabra no tempo é unha obra revolucionaria, que forza o sistema lingüístico galego sobre todo na substantivación dos adxectivos e no emprego do adverbio. Tematicamente xulga o poemario como representativo dunha mística da aniquilación, onde a materia absorbe o ser persoal do eu lírico até aniquilalo. Non se trata de vulgar panteísmo ou de misticismo cristián, senón de materialismo dun mundo escuro. Entende Ferrín que foi desdeñada pola crítica galega, mais cómpre lembrar que recibiron a obra positivamente Novoneyra, Otero Pedrayo, Manuel María e o mesmo Ferrín.

Críticos máis recentes anotan que María Mariño, aínda que por idade pertence á Xeración do 36, pouco ten que ver coas características poéticas dos seus coetáneos e que máis ben é unha continuadora da vangarda, cun intimismo radical e que, formalmente, vai da métrica aínda tradicional do primeiro libro ao versilibrismo de Verba que comenza (1990). Este intimismo de María Mariño vai gañando en calidade e une o eu coa natureza, a palabra co tempo, cunha lingua moi orixinal, libre e sintética.

No ano que aparece Palabra no tempo sinalabamos xa que aparecera tamén o volume

A saudade i outros poemas de Pura Vázquez, mais tamén saíu do prelo un libriño de poesía tradicional escrito por unha muller e prologado por Otero Pedrayo, Airiños do meu lugar, de Emilia Estévez Villaverde (1921). No ano anterior aparecera un libro que marcará a poesía galega ata 1976, Longa noite de pedra de Celso Emilio Ferreiro, o libro capital da poesía social galega, o que puído influír no esquecemento por parte dalgúns poetas novos da poesía máis radical e intimista de María Mariño. Despois de Palabra no tempo, en 1964, a literatura galega atoparase con dúas poetisas alógrafas que publican na nosa lingua: Anne Marie Morris (1916-1999), norteamericana que edita Voz fuxitiva e a portuguesa María Manuela Couto Viana (1919-1983), que publica Frauta lonxana. Xa en 1965 sae o segundo poemario da emigración en galego escrito por unha muller, logo do de Áurea Lorenzo de 1943; trátase de Lonxanía de Elsa Fernández (1933-1964). Ata a morte de Franco en 1975 non aparecen moitas voces poéticas femininas en lingua galega, pero pódense citar Dora Vázquez, que en 1969 publica Un poema cada mes, María Otilia Docampo Pego, que en 1967 publica Do fondo da ialma, Matilde Lloria, unha valenciana establecida en Galicia que cultivou a poesía en castelán, catalán e galego e que en 1971 publica Caixiña de música, cun prólogo de Otero Pedrayo, pero que xa era coñecida pola crítica galega polos seus poemas na revista do exilio Vieiros. Nese mesmo ano aparece Anacos do meu tempo de Ketty Quintana Lacaci e, nestes anos finais do franquismo, xorde unha nova poetisa que logo será moi coñecida como xornalista e narradora, Margarita Ledo Andión, que en 1970 publica Parolar cun eu, cun intre, cun inseuto, na editorial Xistral de Lugo e en 1973 tira do prelo un novo poemario,

O corvo érguese cedo. O resto dos libros poéticos de mulleres neses anos corresponden a autoras xa citadas. Logo virá a década dos oitenta onde aparecerán novos nomes femininos como Pilar Pallarés, Ánxeles Penas, Helena Villar Janeiro, Chus Pato, María Xosé Queizán, Xela Arias, Pilar Cibreiro, Ana Romaní, Luísa Castro e moitas outras. Na década dos noventa o aumento da presenza feminina na poesía galega é xa un fenómeno digno de estudo.

Bibliografía