O Escarabote vivido pola poeta María Mariño

Antón Rodríguez Gallardo

Entre mediados dos anos vinte e principios dos corenta, con intermitentes ausencias, a poeta María Mariño vivirá xunto á súa familia na aldea boirense de Escarabote, na parroquia de Santiago de Lampón. Pouco ou nada ten que ver o Escarabote actual, inmerso nun intenso e desfigurador proceso de urbanización, co daquela. Nos parágrafos que seguen tentaremos dar uns trazos, unha visión moi xeral do espazo vivido naqueles anos pola destacada escritora noiesa.

SANTIAGO DE LAMPÓN, A PARROQUIA

No primeiro terzo do século XX a parroquia boirense de Santiago de Lampón, á que pertence Escarabote, é un lugar densamente poboado (uns 1.700 habitantes en 1930) e de bastante movemento, onde coexisten realidades diversas. Amosa, por un lado, esta parroquia unha cara montañesa, que se corresponde coas aldeas de As Escobias, Montaña, Montañó e Piñeiro, habitadas por aínda non douscentos paisanos e malamente comunicadas co resto por unha corredoira cativa, que ascendía dende a igrexa PARROQUIAL de A Magdalena. Amais da agricultura, tiñan nesta zona unha destacada presencia os sectores gandeiro e forestal, e tamén a minería do estaño, introducida a comezos dos anos vinte pola Estañífera de Arosa S.A., que convertiría os montes circundantes nun foco de atracción de man de obra, tan pouco cualificada como miserablemente pagada.

Unha segunda realidade do Lampón do primeiro terzo do século XX é a xenuinamente labrega, a das aldeíñas das beiras e arredores do vetusto Camiño Real, daquela aínda rebordante de vida, no seu percorrido cara as terras da parroquia de Santa Baia de Boiro. Dende A Magdalena, aldea señoreada pola casa de García, berce de labradores abastados e cregos, ata preto do río Coroño, no límite coa veciña Santa Baia, asoman a aquel camiño Escarís, O Carballal, O Sobreiral, Sealo, A Poza, San Mauro e, xa estremando con Boiro, O Outeiro e o señorial Goiáns, solar da fortaleza medieval homónima, fachendosa aínda da súa condición de casa de soga y cuchillo, y con derecho de pernada. Se esta parte da fregresía, a dos casaríos labregos, hórreos e cruceiros, e o aristocrático pazo de Goiáns, era a de maior raigame da parroquia, a de máis vida e actividade correspondíase cos barrios de Escarabote e Escarabotiño, co Lampón mariñeiro.

Escarabote era no primeiro terzo do século XX unha pintoresca e populosa aldea da parroquia de Santiago de Lampón, na que vivían unhas 800 persoas, case a metade da poboación da freguesía. Emprazado nun somonte do Barbanza acariñado polas augas arousás de Barraña, distribuía a maioría do seu casarío polas beiras e arredores da estrada que, de Boiro, vai cara á Pobra do Caramiñal. Con inicio en Escarabotiño, núcleo veciño duns 200 habitantes, e remate no Pontellón, xa no límite co municipio pobrense, dúas ringleiras de casas, baixas e cativas case todas, foran medrando a ámbolos dous lados do vieiro. Nalgúns puntos, as edificacións seguían tramos conservados do antigo Camiño Real, ascendendo lixeiramente polo somonte unhas veces, e baixando cara ao mar noutras. Nesta parte da aldea, medianamente iluminada dende mediados da Segunda República e atravesada a diario polos autobuses García Martí e El Ideal Gallego, atoparan os escasos establecementos públicos de Escarabote o lugar idóneo para se estableceren, caso do cumprido almacén de Crusat, onde mercaba toda a veciñanza, ou do cine de José Luís de Rosomil, pioneiro, alá por 1937, na proxección de películas sonoras no municipio de Boiro. Algúns camiños, angostos e costentos, comunicaban esta parte da aldea coa mesma beiramar, onde casas e galpóns, alleos a calquera orde, salpicaban cons e areais.

A pesar de carecer das infraestruturas necesarias, a vida en Escarabote xiraba por completo en torno ao mar. Tema cotián de conversa e vehemente discusión, xunto á bárbara moda da pesca con dinamita, era a construción dun peirao. Malia constituír reivindicación histórica, a desexada obra non pasaría durante moito tempo de ser unha va promesa en boca de políticos chegados ao lugar en periplo electoreiro. Cando na Segunda República se concretaba un acordo firme para a construción do anhelado peirao, e xa cos traballos previos iniciados, o estoupido da Guerra Civil acabaría paralizando a obra ata moito tempo despois.

A actividade pesqueira tiña, nestas circunstancias, que realizarse en precario, en torno a dúas praíñas: a de Peralto, con fábrica de salgadura xa de vello, e sobre todo, a da Agramuíña, eixo, xunto á estrada, da vida escarabotense. Sen abeiro artificial, na época de temporais as embarcacións buscaban protección no inmediato esteiro do río Coroño. A pesar destas e outras carencias, contaba Escarabote cun elevado número de mariñeiros e pequenas embarcacións, case todas lanchas xeiteiras, racús e gamelas. Unha modesta pero activa flota artesanal que, dominadora de artes como o bou, o rastro, o xeito ou o cerco, descargaba acotío no esvaradío e irregular puntal da Agramuíña cantidades xeitosas de sardiña e xouba, xarda, buraces, bucareus e outras especies da ría. A maioría do peixe adoitaba acabar nalgunha conserveira, como a de Curbera, en Cabo da Cruz; aínda que tamén parte, o dos quiñóns dos mariñeiros, por exemplo, era vendido en fresco polas pescas escaraboteiras, que coas súas bacías na cabeza voceaban a frescura do xénero nas prazas de Boiro e A Pobra do Caramiñal, e mesmo polas portas das casas, onde ás veces, nas aldeas da montaña, realizaban un elemental troco de peixe por boroa.

Mariñeiros rexos, os escarabotenses emprenderán tamén esforzadas singraduras, alternando vela e remos, lonxe da ría da Arousa, chegando coas súas embarcacións mesmo ás costas de Fisterra, como aínda recordan fachendosos os máis vellos da aldea. De igual xeito que se lembran dos tempos nos que os homes do lugar se xogaban a vida a bordo de pesqueiros de altura nos caladoiros do Atlántico, como o Grand Sole ou Terranova.

Escarabote era, en definitiva, o contrapunto mariñeiro dunha parroquia, Santiago de Lampón, na que o traballo no agro, no monte e nas minas de estaño ocupaban tamén a moita xente.

ANACOS DA MEMORIA

María Mariño chega a esta aldea mariñeira en 1927, mediada a ditadura de Primo de Rivera. Neste período, de certos avances para o municipio de Boiro, como a luz eléctrica ou o teléfono, a vida transcorre austera e monótona en Escarabote, sendo a creación do pósito de pescadores e a súa escola, aberta cara a 1928 a iniciativa de Antonio Lago, José Ríos e Paco Crusat, a nova de maior transcendencia social que coñecemos.

A dura realidade cotiá rompíase apenas cos descansos dominicais de misa e xogo dos bolos, e esporádicos bailes de acordeón. E, unha vez ao ano, tamén coas principais festividades: o San Amaro, no inverno, e as patronais do verán, con banda de música e fogos de artificio da pirotecnia local de Valentín González Somoza. A xente de máis fuste, amais de frecuentar a fachendosa Torre de Goiáns, adoitaba buscar solaz en Boiro facendo tertulia no Café Cosmopolita, disfrutando das veladas teatrais do salón de Isabel Maestre ou co fútbol en Barraña, onde o escarabotense Toñito Crusat se iniciara antes de fichar polo Celta de Vigo.

Alborecendo os anos trinta, o remate da ditadura primorriverista propiciaba a proclamación da ilusionante Segunda República, que nacía lastrada pola crise económica mundial derivada do derrube financeiro norteamericano de 1929, e estaría marcada pola convulsión política e social. Apreixados polo paro (unha das consecuencias que a crise trouxo a Galiza, despois do peche das fronteiras dos tradicionais destinos de acollida dos seus emigrantes, e o retorno obrigado de moitos deles), e ansiosos de deixar atrás anos de caciquismo e miserias, moitos traballadores boirenses decidirán organizarse para reivindicaren melloras e xustiza social. A marea obreirista chegaba a Escarabote no verán de 1931, coa fundación da Sociedad Agraria, Marítima y de Oficios Varios El Centro Obrero, uxetista e fiel aliada do sindicato boirense La Fraternidad. Antonio Lago, Tomás Domínguez, Adolfo Rey, Juan M. Santiago e José Muñiz, entre outros, integrarán a súa primeira directiva. E xa despois, a pouco tempo do golpe de estado do 17 de xullo do 36, iniciábanse os trámites para a legalización do Sindicato de Oficios Varios Mar y Tierra, adscrito á CNT-AIT. A mobilización obreira en Boiro sería constante ao longo de todo o período republicano, onde, perdido o respecto ao cacique, non deixaron de se escoitar berros reivindicativos con arelas de revolución social. O mariñeiro núcleo escarabotense, ao contrario que as conservadoras aldeas labregas da parroquia, converteríase nun bastión da esquerda boirense. Tanto, que o padre Silva Ferreiro na súa fanática obra Galicia y el Movimiento Nacional (1938), na que se dedica a desprestixiar sen xeito nin dereito a actuación daquelas persoas e ideoloxías identificadas coa República, conclúe o apartado que dedica a Escarabote celebrando, nada máis nin nada menos, que o remate “de una etapa en que, con el mayor descaro, se ensayaban en este pueblo –en otro tiempo honrado y laborioso- las prácticas todas de la revolución y el soviet, empezando por los atentados contra Dios, la Religión y el derecho de propiedad, y acabando por las destructoras acometidas que a muchos hogares y familias venía dirigiendo el fantasma del Amor libre”.

Non sabemos se mediatizadas pola sona revolucionaria do lugar ou debido a unha fatal casualidade, as tropas golpistas que tomaron Boiro o 27 de xullo do 36, no seu avance por terras de Lampón camiño da Pobra do Caramiñal, acabaron tinguindo de loito os fogares de tres vítimas inocentes: un ancián, un rapaz e unha muller nova. O período que agora se iniciaba para non rematar ata ben entrados os anos corenta estaría marcado polo integrismo sectario da Falange e da Igrexa católica, especialmente obsesionada por “reevanxelizar” os núcleos roxos; polas humillacións e malleiras no xulgado de Cimadevila; polos asasinatos impunes; polos estraperlistas sen escrúpulos enriquecidos a conta da necesidade allea; polas roubachas de wolfram, e tamén pola fame, que se enquistou especialmente nos máis humildes fogares mariñeiros de Escarabote, obrigando a moita xente a emprender unha penosa peregrinación por vilas e aldeas na procura de esmola.

Nun ambiente escuro, de miseria moral e material, de odios velados e medos intensos, transcorrería a vida en Escarabote dende o verán do ano 36 ata practicamente inicios da década dos cincuenta.

EPÍLOGO

A pedra da Aroña; o muro de Clementes; a igrexa da Magdalena; o estridente chío das gaivotas e carráns trala pesca descargada na ribeira; a aristocrática e fachendosa torre de Goiáns; a vetusta fábrica de salgadura de Peralto; a praia da Agramuíña coloreada de racús e gamelas; o ruído das tabernas mariñeiras da Muradana, o Gato, a Cebola ou a Burana; o xogo dos bolos de Castro das barreiras; as minas do Cobo; o penetrante cheiro a argazo e maga de peixe; o monte da Meda; o río do Crego; as pacientes atadoras amañando redes e vidas alleas; a festa do Sanamaro; os berros reivindicativos dos primeiros de maio republicanos; ou o Aitón, atalaia desde onde os mariñeiros outeaban o horizonte na busca de respostas, son algúns dos motivos inalienables daquel Escarabote comprimido entre o mar e a serra que coñeceu María Mariño.

Agradecementos: a Paula Tubío, Margarita Pérez e Gerardo Maneiro, pola súa fundamental achega a este traballo.