María Mariño, o Courel e a dor na paisaxe

Antón Riveiro Coello

Courel de tesos cumes que ollan de lonxe!
Eiquí síntese ben o pouco que é un home...
Uxío Novoneyra

Non creo que haxa nada máis doloroso para unha nai que a perda dun fillo. Se a iso se lle engade a perda dun irmán e mais da propia nai en apenas dúas semanas, non quero nin podo imaxinar a fenda terrible que se debe de producir na alma dunha persoa. Con esa dor, envolta nunha paisaxe abraiante non só no seu aspecto visual senón tamén no illamento que supón vivir nun lugar afastado das grandes vilas e cidades galegas, miro de imaxinar a María e véxoa unha mañá á par da fiestra, cosendo un vestido, esmagada pola galbana do outono, escoitando esa voz unánime dos nenos que repasan a táboa de multiplicar e que sobe coma unha maldición até os seus ouvidos para lle arrincar unha bágoa. Xa pasou un ano, pero a perda de nai segue viva. A lembranza obrígaa a pousar a agulla e, coma un paxaro desnortado, arrebola a ollada á paisaxe vizosa. Mais neste intre desconsolado, María non ve a serra dos tesos cumes, senón que forza nos ollos unha imaxe de horizontes mariños. Nesta soidade ulcerosa o mar é moito máis que unha lembranza; é unha necesidade, é ese lonxe triste que pesa sobre ela coma unha lousa.


María fecha os ollos e volve a Noia, ás ribeiras do seu mar enxoito, ao pazo de Goiáns de Boiro ou á vila mariñeira de Elantxobe, e aspira fondo para sentir na pel ese desexo salitroso. Se cadra vexa pombas sobre as tres pontes e escoite o repenicar rosaliano das campás de San Martiño. Se cadra neste soño nutricio o onte mude nun hoxe crepuscular, señardoso. Se cadra só teza e teza un tear de soños porque soñar é o único xeito de negar as altas paredes desta voz-deserto que deixa en carne viva toda a dor. Con todo, María, que esperta axiña e se abandona ao vento para escoitar o murmurio dun souto, déixase afalar polo Courel nunha dialéctica metafísica. A súa sensibilidade permítelle apalpar a lentura do eterno mentres a tarde lle abre o camiño dunha natureza que conversa con ela cunha fondura filosófica: a voz tesa da serra acariña as uceiras e esperta a auga das fontelas que escorrega libre polos penedos, auga-voz que cronometra o paso das palabras anónimas que bolboretan nas levadas somnámbulas. Se cadra a natureza estea a soñar a súa propia soidade. O certo é que María apaña castañas mozas e interpreta as follas secas sen saber aínda que neste xesto nace un vínculo táctil que a amarrará de xeito definitivo á terra. A soidade do Courel é agora unha nova pel na que está tatuada unha dor que xa forma parte do seu ser. María mide o tempo no espello dun regato, cifra na sombra dun carballo a historia fuxidía do home, ve o paraíso certo nesa pastora que pace o silencio dun namoro furtivo e lle deixa no encerado da memoria


Parada

Romeor
o rastro-futuro dun poema. María asume a paisaxe e tensa a imaxinación con violencia até que a noite a envolve e a soidade vira ruidosa cos lobos saíndo dos cousos e facendo resoar o seu ouveo nos cavorcos das valgadas coma un laio de carpideira. Daquela María pecha os ollos e sente o percorrido do tempo dentro dela, coma unha fervenza que a abandona no cantil dun abismo, e, de súpeto, bate no seu rostro o alento frío da neve. É inverno, un soño de folerpas borra o outono. Cando esperta, a primavera xa se baña na lagoa de Lucenza e deixa caer a súa indumentaria nova dende alto de Formigueiros e Pía Paxaro até a devesa da Rogueira. Aquí María lese toda por dentro e procura o misterio no camiño das estacións, mentres o cuco lle dita a confidencia dun verso que fica escrito no verde dos pradairos e lle anuncia a delicia veloz dun instante. Pouco a pouco, cun vagar xeolóxico, a paisaxe vai intervindo en María, que entende o tempo, a dor e o silencio como formas de coñecemento. E esta fiandeiriña delgada, sempre metida a fiar, sempre a fiar e soñar, para logo non ser nada, séntese materia da terra, verba súa!, e imaxina un orballo de rosas cubríndoa a ela, palabra secreta, voz migada dunha paisaxe que agora é parte de si, flor de braña, néboa que anda soia, espello luminoso e íntimo no que se reflicte a soidade, a angustia e a dor.