Contaba trinta e oito anos cando a autora de Palabra no tempo se achegaba á bravura dun mar Cantábrico, lonxe das alagadas e plácidas augas de fondo de ría de Noia ou de Boiro. Foi durante o curso 1945-46, cando Roberto, marido de María Mariño e mestre de profesión, vai ser destinado ao País Vasco, en concreto á comarca de Busturialdea, coa escola en Elantxobe, un pequeno porto pesqueiro na costa biscaíña onde o matrimonio permanecerá un só curso. As agrestes paisaxes que se presentaban á súa ollada de seguro deberon impresionalos, sobre todo polo forte contraste coa dozura e suavidade das terras que deixaban: dun mar doméstico, por veces enxoito, das rías baixas, ao mar bravío e fero que se abría sen fin fronte ao bordo costeiro; do gris do granito que tapizaba as terras barbancesas ao abrancazado da calcaria predominante nestes relevos; dunha costa baixa e suave tapizada de finas areas, a unha acantilada e agreste onde o mar batía con teimosía.
Tal vez ese poder do mar fose o que máis impresionou aos novos veciños. O mar en Elantxobe está sempre presente. Non é un mar que se intúa, ou un mar ocasional que só apareza a cada pulo da marea como sucedía na vila de Noia, senón que, pola contra, é un mar que se respira, un mar que o invade todo, un mar omnipresente. Un mar tamén ruidoso que loitaba a cotío nos arcos do litoral bravo, esculpindo relevos de expresivo titanismo. Por iso nesta costa bravía onde ían instalarse debuxábanse paisaxes moi diferentes en espazos reducidos: nun breve percorrido de oeste a leste pásase da praia de Laga aberta ao Cantábrico, aos impresionantes acantilados do Ogoño, para logo aparecer o minúsculo abrigo onde se resgarda o porto de Elantxobe.
O monte Ogoño, unha poderosa mole en pedra calcaria que cae directamente ao mar desde os seus trescentos metros de altura dando forma a un vertixinoso cantil, exerce como gardián de Elantxobe. Aos seus pés resgárdase a pequena cala ao abrigo da fereza do Cantábrico. No século XVI comeza a poboarse o barrio de Elantxobe con pescadores e mareantes de Ibarrangelu, poboación que desde o alto do acantilado veu no diminuto entrante a posibilidade de facer porto. O refuxio de Ogoño aínda que non era un lugar favorable para a construción das súas vivendas, si o era, porén, para que as súas embarcacións estivesen a resgardo. Así foi que un grupo de casaríos na parte superior foi alongándose cara ao porto natural ao pé do acantilado ao que baixaban os seus moradores a cotío. O establecemento nun lugar tan estreito e empinado non podía facerse ao xeito tradicional, en casas apartadas, senón parede con parede, en edificios corridos que dan lugar a rúas como a principal ou rúa Maior que serpea pola empinada ladeira cos tellados aparentando banzos dunha escada.
Colgado na aba do monte Ogoño, Elantxobe semella esboroarse sobre o Cantábrico. Estirado cara ao mar da vida, este pobo mariñeiro é sen dúbida un dos máis senlleiros da costa vasca. Condicionadas pola topografía, cada rúa constitúe unha empinada costa e a estrutura urbana é tan apertada, que na praza “maior” só unha plataforma xiratoria permite que o autobús de liña poida dar a volta. Desde este lugar, situado no alto da vila, ofrécense magníficas vistas sobre o peirao.
O carácter indomábel das xentes deste pequeno establecemento pesqueiro ponse de manifesto na teimosía da súa incansable loita contra o mar. Contra unha natureza adversa que cada invernía pon a proba os febles peiraos protectores das embarcacións, as xentes proseguiron na porfía. Polos séculos XVII e XVIII existía un pequeno peirao que repetidas veces foi destruído pola fereza dos temporais. Grandes gastos ocasionaba ao concello de Ibarrangelu e á confraría a reparación dos estragos arranxados con pedra do Ogoño. No ano 1783 construíuse o seu porto pechado mellorando moito a situación do interior do mesmo.A mediados do XIX amplíase o porto coa construción de dous peiraos exteriores case paralelos aos primitivos.
Os de Elantxobe eran pescadores sobre todo de baleas, desde finais do verán ata pasado o inverno, que proporcionaban aceite para alumear as casas ou ósos para levantar cercas. No alto do Ogoño existía un posto de observación que avisaba da presenza de baleas na costa mediante sinais de fume aos patróns das embarcacións. Cando a pesca de balea comezou a escasear, os pescadores de Elantxobe dedicáronse a outros peixes como ollomol, anguía, sardiña, atún, anchoa e outros. Unha florecente industria relacionada coa pesca chegou desenvolverse no lugar. No século XIX, momento do seu esplendor, Elantxobe chegou a ter ata sete fábricas de escabeche. No século XX, con altibaixos en canto ao número, existiron fábricas de conservas, escabeche e salgadura.
Desde o cume do Ogoño, a uns 300 metros de altura, ofrécense vistas sobre Elantxobe, e a ría de Mundaka rodeada de aciñeiras. Contémplase a beleza convincente e serea
desta ría englobada no val de Urdaibai, declarada en 1984 reserva da biosfera por parte da UNESCO, coa maxestosa harmonía de canles e brazos e dunas da praia de Laga aberta ao Cantábrico. Fronte ao esteiro, a illa de Ízaro. Un illote solitario poboado de lendas. Un anaco de terra disputado por dúas vilas, Mundaka e Bermeo, que en 1719 xogárono nunha regata; de árbitro, o pobo de Elantxobe. Desde aquela os de Mundaka, os perdedores, nomean aos de Elatxobe como macués, “mal xuíz” en biscaíno.
Desde o alto do Ogoño ou desde calquera dos altos que rodean Elantxobe e nos seráns de primavera cando a cor vermella do ceo se cingue á escuridade misteriosa do mar, María Mariño contemplaría esa luz incomparable e intentaría comprendela. Logo, na ausencia dese mar, instalada na rotundidade xeolóxica do Courel, os sabores do Cantábrico amparados na memoria, encherían de salitre aquelas novas paisaxes montesías.