Naqueles primeiros anos de estreado século XX que acubillan a traxectoria vital de María Mariño, a fermosísima Noia gozaba dunha ditosa situación ao pé das augas e no medio dos montes que a abrigan e defenden. No final da ría, ese mar doce que semella un lago suízo, pousada sobre un pequeno outeiro lambido polas augas, aparecía Noia como unha flor prendida na cintura do Barbanza; unha Pisa atlántica, branca, rosa, ouro, con algo de Florencia, que parecía alentar nas súas moradas do século XIV nas que estaba aínda moi presente unha forte pegada medieval.
Aquela
vila de Noia de inicios de século seguía ollando cara
ao mar da ría ao igual que o fixera desde a súa
fundación, aínda nun porto que de tan recollido
semellaba non existir. E, paradoxalmente, todo ía e viña
polas súas augas. O mar da ría constituía o
principal fornecedor de fluxos humanos e económicos; era ao
mesmo tempo, despensa e camiño principal nos intercambios.
Xentes e mercadorías tiñan nas augas a única vía
de comunicación válida, tanto a longa como a curta
distancia. Incluso, dadas as graves carencias que presentaban as
comunicacións terrestres, dentro da propia ría florecía
un servizo de embarcacións destinadas a satisfacer esta
demanda. Barcas de paso entre Rates e Ceilán, ou entre as dúas
Barquiñas
proporcionaban imaxes de mulleres en
branco e negro tocadas cos típicos sombreiros sancosmeiros
embarcadas en veleiros coas súas cestas e cestos de vimbio
ateigados de todo tipo de produtos do agro a desembarcar no
recentemente estreado peirao do Marqués.
Como porto de marea que era Noia, a cada retirada das augas, aparecían espidas as ribeiras de mar enxoito de María Mariño - aquelas que gustaba percorrer en soidade -, agardando un mar e outro mar que as asolagase. Nas augas tranquilas dos charcos que deixaba a marea devalada, reflectíanse as prendidas tintas, e cubríanse de sombras os montes que aprisionaban a vila. Alí, na seca, agardaba o misterio dunha anovada vida en cada poza ou baixo cada unha das pequenas pedras ao descuberto. Por iso a ribeira enxoita, ese espazo de asolagamento temporal, era un lugar máxico para os nenos; tamén unha despensa a man onde acudir para dar acougo á fame máis inmediata.
Coa subida da marea achegábanse aos peiraos, da man dos míticos patróns, un continuo desfilar de velas brancas que proporcionaban vida a aquela Noia dos veleiros. Xente, barcos, mercadorías, carros para o transporte, enchían de frenética actividade e bulicio a ribeira. Pero ese mar ocasional, presente só na fugacidade dunha marea, comezaba a dar mostras de cansazo. Os continuados aportes dos ríos encheran o fondo da enseada e a vida do mar desertaba pouco a pouco do vello porto e dos fermosos peiraos, agora só accesibles nas altas mareas. Era o preludio dun novo tempo no que as vías e o transporte terrestres tomarían o relevo ao mar e aos veleiros.
Era
por aquel tempo Noia unha pequena Compostela de rexa arquitectura en
granito en casas burguesas e señoriais, que conservaba coma
poucas vilas de Galicia o seu antigo aspecto e vellas tradicións.
Os edificios antigos aparecían espallados polas rúas.
Unha congregación de robustos sobreviventes dos séculos
XIV e XV coincidían agrupados nos arredores de San Martiño,
unha igrexa que causaba a dobre impresión dunha fortaleza e a
dunha igrexa con raíces en Compostela. A outra destacada
igrexa da vila, Santa María a Nova, gardaba o cemiterio máis
saudoso
de Galicia e un conxunto de laudas sepulcrais
con marcas gremiais e persoais que constituían un documento
único da economía e sociedade noiesas de épocas
pasadas.
Moitas partes da antiga muralla que rodeaba a vila nos tempos medievais aínda estaban en pé, e as mulleres dos mariñeiros remendaban as redes penduradas dela. Nun tempo as augas batían contra os seus muros, pero agora, logo da construción dos diques, o seu labor de contención de inimigos humanos e naturais xa rematara como ben poñía de manifesto o seu estado de abandono. Xunto coa esmorecente muralla, percibíanse as pegadas dun tempo magnífico pero esgotado e que xa quedara atrás, na extraordinaria aldraba dun pazo esvelto, ou na solidez dos anchos e altos muros cubertos de musgo doutro, ou polas ventás góticas dun terceiro,…, que daba a impresión de que antigamente, unha xente semellante a María Mariño levara alí unha vida completamente diferente, pero aqueles tempos remataran e agora era distinto.
A vila quería ser cidade, unha pequena capital con servizos axeitados á súa categoría. Iso precisaba dun esforzo dirixido a incrementar a súa centralidade, a súa influencia e poder de atracción sobre a maior cantidade posible de poboación circundante. A celebración de feiras e mercados constituía unha importante contribución para conseguilo. Desde a segunda metade do XIX celebrábase feira o primeiro e o terceiro domingo de cada mes, e unha anual de gando cabalar, concorridísima, o 25 de abril, día de San Marcos. Había tamén mercados semanais os xoves e domingos, funcionando coma verdadeiros centros comerciais ao aire libre na Porta da Vila ou na Angustia. Nos días de feira acudía xente dos densamente poboados outeiros e vales da redonda e Noia enchíase de vida e balbordo. Innumerables postos, cubertos e mostradores ateigados de mercadorías das aldeas: laranxas cultivadas na veciñanza, os sombreiros de palla trenzada locais, cestas de ovos, filas de ataúdes (os grandes pintados de negro, e os pequenos de branco), queixos da aldea e verduras frescas, pequenos montóns de millo, paínzo, garavanzos, roupa tecida a man, e utensilios de lata para a cociña.
Como
servizos dunha vila que aspira a ser cidade, Noia contaba con
estación telegráfica limitada e era residencia das
autoridades do partido e Concello e dos notarios asignados ao
partido. O alumeado eléctrico subministrábao a
Sociedade Electra do Xallas
, domiciliada en Muros.
Había sociedade de recreo, teatro e ocasional praza de touros.
Tamén existían unha Liga Cívica, unha
mutualidade obreira e unha sociedade de socorros mutuos. Posuía,
ademais, outros elementos necesarios para a vida moderna, como cafés
ben montados e fornecidos establecementos de comercio, fondas e
pousadas, casas de Banca, consignatarios de buques, navieiros,
confeiterías, farmacias, fotografías, imprentas, etc.
As antigas florecentes industrias mostran xa nos albores do novo
século signos de esgotamento por mor da poderosa competencia
das grandes empresas, porén estas van substituíndose
por outras novas que demandan as necesidades modernas. Medran e
prosperan fábricas de bebidas gaseadas, chocolates, xabón,
telleiras, construción de cestas, serrarías,
pirotecnia, eta. Porén o aire industrializador de Noia seguía
impregnado de salitre e coiro como poñían de manifesto
as dúas grandes fábricas de conservas de toda clase,
das mellor montadas e acreditadas de Galicia, así como, cinco
ou seis de curtidos e sete de papel, movidas con forza hidráulica
subministrada polo río Castro desde a altura e distancia de
San Xusto, ata preto da vila. A instrución pública
estaba ben atendida, pois ademais das catro escolas nacionais había
algunha particular e un colexio de segunda ensinanza, o de San
Vicente de Paúl, e o das Trinitarias da Concepción.
No mesmo ano en que a autora de Verba que comenza vía a luz (1907), Don Ramón Lira Castro de Boán, profesor de debuxo, realizaba o plano da vila, do seu porto e arrabaldes. Con el inaugurábase un tempo novo para o urbanismo, no que os levantamentos previos de planos xeométricos das poboacións tiñan como finalidade proceder dun xeito racional á reforma interior das mesmas, coa intención de buscar solucións aos problemas máis urxentes, relacionados coa edificación, o saneamento ou a circulación. O preciso debuxo pon de manifesto as limitadas transformacións da vila de Noia ao respecto dos tempos medievais, de acordo cos deficientes motores de crecemento ata ese momento. O recinto intramuros pechaba a Noia oficial, e os desenvolvementos extramuros eran coincidentes cos vellos barrios xurdidos na idade media. Pero ao mesmo tempo, nesa instantánea daquela Noia de recente inaugurado século, xa se debuxaban os cambios que ían transformar dun xeito importante aquel vello espazo urbano de presenza documental desde o século XII. A vila manifestaba as súas pasadas prosperidades, pero igualmente comezaba a mostrar a posibilidade doutras novas. Toda ela estaba en proceso de reconstrución, semellando querer redefinir o seu antigo rol: a trama viaria estaba sendo intensamente remodelada, as comunicacións terrestres co exterior constituían un obxectivo prioritario, e os espazos libres e construídos estaban sufrindo unha profunda metamorfose.
Os hixienistas demostraran que as condicións insáns das vilas antigas acurtaban a vida dos seus habitantes. De aí que a vila histórica noiesa vaia ser profundamente transformada no canto de conseguir un aire máis puro e un interior máis soleado. As rúas máis céntricas como O Cantón, Montero Ríos ou a rúa do Comercio, ao mesmo tempo que se procede á construción da rede de sumidoiros e insístese na renovación do seu lousado, proseguían co proceso de aliñación e ampliación iniciado anos antes, que ía ser causa de morte para o vello soportal representante xenuíno da cidade medieval. Pero tamén o alzado da cidade se transforma, e así estes sectores privilexiados póbranse de casas académicas en pedra con baixo comercial e fachadas en balcóns e galerías brancas. Logo, co modernismo, tamén terán cabida novos modelos e materiais con tan excelentes resultados construtivos como o senlleiro teatro Coliseo Noela (1920). As prazas como a do Tapal, ábrense tamén ao aire e á luz eliminando atrancos. Simultaneamente, na procura de paseos urbanos onde poder gozar do aire libre e do sol, proséguese no proxecto de preparación e coidados da nacente Alameda e Xardíns de Felipe de Castro, orgullo e fachenda da cidadanía noiesa.
A modernización epidérmica da vila levada a cabo polas novas forzas burguesas co fin de adaptala aos novos criterios da habitabilidade da época, alteraron a orde semántica do espazo urbano. Poténciase agora un segundo centro urbano no Cantón e na recentemente rebautizada rúa do Comercio que toma o relevo ao Tapal e arredores da igrexa de San Martiño. Estes anovados espazos centrarán os percorridos dos principais itinerarios urbanos. Ao seu traveso ten lugar o paseo dominical e igualmente van ser sacralizados polo discorrer das procesións relixiosas.
A
medida que se sucedían os cambios físicos mencionados,
agudizábase a separación entre as clases acomodadas que
habitaban as zonas máis céntricas obxecto preferente
das reformas, e as clases traballadoras que se amoreaban en casas
pequenas e antigas en barrios sen servizos básicos e en
condicións hixiénico-sanitarias moi precarias. Esta
segregación espacial na vila, manifestábase na
separación social entre os habitantes das rúas
de Abaixo
e Pescadería
á marxe das
intervencións urbanas, e os señoritos do Cantón
residentes nos novos espazos reconvertidos. Esta separación
espacial ía manifestarse igualmente nas novas formas e
lugares de sociabilidade. As clases altas e medias, formadas pola
ascendente burguesía industrial, comercial ou funcionarial,
atoparon no Casino - o lugar ao que se pertencía por vontade
propia sempre que se cumprisen certas condicións -, o selecto
club que proporcionaba distinción social. A taberna, pola
contra, onde non só se consumía alcohol, senón
que se compartían experiencias e forxaban solidariedades,
constituía o lugar de sociabilidade das clases populares. Máis
tarde a fundación da Sociedade Liceo actuou como unha resposta
popular ao aristocrático e clasista Casino. Ao mesmo tempo, no
campo do Triquinai, e a través da práctica do fútbol,
o pobo atopou no deporte outra forma de socialización do ocio.
Desde a rúa Cega, no linde entre os dous espazos vilegos diferenciados construtiva e socialmente, as observadoras retinas de María Mariño, filla dun modesto zapateiro e dunha costureira, foron testemuñas dos profundos cambios que estaban operándose na vila. Un tempo novo estaba nacendo, e unha nova clase emerxente tomaba o relevo dos antigos señores residentes nos vellos pazos. As dúbidas instaláronse no corazón da moza na incerteza dun futuro que comezaba a debuxarse.
NOTA. Este artigo foi realizado a partires das diferentes visións que os autores a continuación citados deixaron impresas logo de recalar nesta vila naquelas décadas iniciais do século XX :
Manuel Murguía (1885)
Annete Mekin (1909 )
Santiago Abella (1911)
Ruth Matilda Anderson (1924-26)
Carré Aldao (1920)
Ramón Otero Pedrayo (1926)
Alvaro Cunqueiro (1950)