Dicionario de autores/as do Barbanza

 
 
 
   

AGRELO HERMO, XOSÉ (Noia, 09/04/1937)

Natural da parroquia noiesa de Santa Cristina de Barro, é mestre de E.X.B. e fixo ademais estudos de cine, xornalismo e Filoloxía Románica en Madrid.
Dedicado fundamentalmente ao labor teatral fundou e dirixiu os grupos “Candea”, “Agrocobo” e “Xestruxo”. Co primeiro dirixiu espectáculos teatrais nos que se representaron obras de Blanco Amor, Álvaro das Casas, Leandro Carré Alvarellos e da súa autoría. Con “Agrocobo” representou obras de Fernández Núñez, Castelao, Manuel María, Dora Vázquez e a súa obra "“O espantallo”.

Como autor teatral estreou en 1975 a obra “Noite de lobos”, en 1976, “Metá e metá”, e en 1978 “O mestre”. As tres pezas foron publicadas en 1989 no volume Candea setenta, (Noia, Sementeira). Outras obras teatrais súas son O fado de espantallo e Sogima. Esta última obra teatral está publicada no volume O xogo dramático (de, con, por, para nenos) (Noia, 1990). A obra Noite de lobos foi tamén editada no volume Sociedade Liceo de Noia. 25 anos despois. 1974 – 1999 (Noia, Sociedade Liceo, 1999).

Dedicado tamén á narrativa para nenos e mozos, publicou en 1972 o conto O espantapaxaros (Vigo, Galaxia), sendo tamén da súa autoría os contos titulados “O hórreo baldeiro”, e “A abelaíña”.É autor ademais da novela xuvenil Os sete coitelos (Muros, Toxosoutos, 1994).

O seu labor ensaístico comprende un volume coas súas experiencias didáctico-teatrais, titulado O xogo dramático (de, con, por, para nenos) (Noia, Sementeira, 1990), o estudo literario Aproximación didáctica á obra de Antón Avilés de Taramancos (1995), ademais de traballos monográficos como A freguesía de Santa Cristina de Barro (Muros, Toxosoutos, 1996). No 2002 publicou un breve volume divulgativo co título Avilés de Taramancos (Noia, Toxosoutos).

Dirixe a revista <A Motora> de Muros, e a editorial Toxosoutos, tendo sido redactor-xefe da revista <Barbanza> de Noia, onde, co pseudónimo “Pepe da Roca” escribiu a sección “Peccata minuta”. En 2003 foi cogañador do Segundo Premio de relatos de aventuras Antón Avilés de Taramancos.

Na revista <Alameda> de Noia encárgase das entrevistas cos pseudónimos “Pepe da Roca” e “Pomponius Mela”. Co seu nome publica a serie “O ensino en Noia”, na mesma revista (nos 0, 1, 2, 3, 4, 5, 6, 8, 9, 10), ademais da “Entrevista a Avilés de Taramancos” (nº 7, marzo, 2001).